Homenaxe a Manolo Barreiro

RAMIRO ESPIÑO Como el mesmo cansouse de explicar “nacendo en Pasarón”, xa que de neno vivía a pouco máis de 50 metros do vetusto, Manolo Barreiro tiña o destino marcado desde o berce: o fútbol. Esa sería sempre a súa paixón e o será polo resto dos seus días. A ese marabilloso deporte dedicou vida e anhelos durante case 60 anos en activo, e todos os demais que suma, rozando o século de existencia, como afeccionado, colaborador, ou o que fixese falta, pero sobre todo como namorado dun deporte que é a súa vida. A súa paixón empezou, como non podía ser doutra maneira, polo Pontevedra CF, do que é actualmente o Socio número 2. Quizais a súa espiña secreta sexa non poder xogar nunca nas filas do equipo do seu corazón, aínda que para compensar non dubidou en botar unha man en tarefas como marcar un campo do que gozaba na bancada e nalgunha “pachanguiña” domingueira cos amigos. Tras a súa etapa como xogador afeccionado, non parou desde 1954, en que comezou a desempeñar primeiro as tarefas de secretario da Delegación Pontevedresa da Federación Galega de Fútbol, cargo que ostentou durante 38 anos, para substituír logo durante outros 19 anos a outro histórico como Benito Braga como delegado, ata o momento da súa 'retirada legal' no ano 2011, cando contaba con 86 anos. E digo ‘retirada legal’ porque Manolo, segue aí, vendo fútbol, acudindo aos campos sempre que pode, exercendo o seu labor representativo, pero sobre todo gozando da súa paixón. Os indubidables méritos acumulados en tantos anos, levaron á Federación Galega a recoñecelo como Presidente de Honra da Delegación pontevedresa, pero o maior mérito, o que seguro máis lle gusta, é o recoñecemento da súa xente, dos clubs aos que durante tantos anos axudou, asesorou e tratou coma se fosen a súa segunda familia. Deles, precisamente, dos clubs e da xente do fútbol pontevedrés, aceptada polo Concello da cidade do Lérez, naceu a idea de propoñer que os campos da Xunqueira levasen o nome de “Complexo Municipal de Fútbol Manolo Barreiro Lores”. Ninguén podería merecelo máis. Manolo Barreiro é, ademais, unha enciclopedia do fútbol modesto pontevedrés. É capaz de lembrar case a cada directivo dos clubs de base que en tantos anos puidesen pasar polas oficinas federativas. Atrévome a afirmar que posiblemente sexa a única persoa que pisou se non todos, a inmensa maioría dos campos de fútbol existentes na provincia e en todos foi sempre ben recibido. Nunca, a pesar de que exercendo un cargo como o seu tanto tempo non sempre chove a gusto de todos, vin a Manolo perder o sorriso nin as boas maneiras. Próximo, afable no trato, educado, sen levantar xamais a voz, a súa presenza e carisma serviu máis dunha vez para tranquilizar “ánimos exaltados” en partidos ou situacións nas que había moito en xogo. Respectado por todos, querido pola inmensa maioría, Manolo Barreiro é máis que un apaixonado do fútbol, Manolo Barreiro en Pontevedra…é O FÚTBOL. Desde o berce ata hoxe Puro fútbol pontevedrés: Manolo Barreiro, Tito Estévez (porteiro do Pontevedra) e Seve Penelos (histórico siareiro do equipo)

RkJQdWJsaXNoZXIy MTEwNTI=