
Tino Fernández, Concelleiro de Deportes e Saúde
A gran familia do deporte
Grazas por visitar a web de Deportes do Concello de Pontevedra, un espazo de consulta e interacción disposto para ser utilizado por ti en calquera momento. Porque ti, usuaria ou usuario, es a mellor razón para estimular o noso traballo a prol do deporte local e a actividade física cotián que queremos promover ata o límite das nosas posibilidades.
As persoas que nos dedicamos á xestión deportiva conformamos unha equipa máis da cidade. Unha equipa deportiva composta por xogadoras e xogadores que dan o mellor de si para que Pontevedra continúe a ser esa gran potencia deportiva que somos, unha gran familia de clubs, instalacións, deportistas individuais, estudantes e comunidade universitaria, escolas, familiares de alumnas e alumnos, adestradorxs, prensa, e todas esas profesións que arrodean o deporte e a actividade física.
En definitiva, toda a cidadanía para a que traballamos con gusto e ilusión. Sabemos que ninguén é perfecto, e nós menos. Pero tamén que poñemos todo da nosa parte para que Pontevedra viva intensamente o deporte e faga da actividade física unha práctica cotián que nos axude a vivir máis e mellor.
Esta web é unha xanela en constante mellora, na que as vosas aportacións han ser unha das súas máis necesarias enerxías. Axúdanos a mellorala cada día. Estarás axudando ao deporte de Pontevedra a conseguir mellores resultados. Mil grazas.