FESTA HQR!
Un HQR! espectacular para festexar 20 edicións

Doce días de festa deportiva en 2022
Vinte edicións ben merecen unha boa festa, por iso o HQR! deste ano será moi especial. Sen perder a esencia, apostando polo deporte base e o popular, con eventos para todas as idades nos que o importante é fomentar a participación e os hábitos saudables.
Doce días de Festa que comezarán o 18 de decembro coa andaina ‘Sorrisos de Nadal’ que cun percorrido accesible levará a cabo no municipio de Pontevedra, co río Lérez como protagonista. Esta é unha iniciativa coa que se pretende recadar alimentos.
O venres 23 de decembro entregaránse os premios HQR! No Teatro Principal de Pontevedra na que se recoñecerán ás e os mellores dun gran 2022, así como ao galardón lenda que recaerá nunha figura do deporte da comarca de Terras de Pontevedra.
A fin de semana do 24 e 25 de decembro estará destinado ás actividades de deporte popular. O día de Noiteboa celebrarase a oitava edición da Travesía de Nadal. Será a partir das 13 horas no río Lérez. Unha proba xa consolidada que é totalmente festiva e que ano tras ano reúne a nadadores de toda Galicia.
O día de Nadal será a quenda para a Nocturna de Nadal, coñecida popularmente como a ‘Carreira das Prazas’ que practicamente repite o percorrido do ano pasado, aínda que inclúe o Campiño de Santa María. Do mesmo xeito que en edicións anteriores será totalmente participativa e todos os rexistrados levarán o mesmo dorsal, que nesta ocasión servirá para homenaxear a un deportista lendario.
O ciclo de eventos de deporte popular concluirá o día 26 coa celebración da masterclass de zoa dirixida por Carla Novoa e que se converteu nunha cita fixa dentro do movemento zoa de Galicia.
Os días de deporte de base comezan o 27 de decembro e prolongaranse ata o 30 cun programa que inclúe baloncesto, minibasket, fútbol sala, futsal biberón, voleibol, waterpolo, atletimso, xadrez, kickboxing, taekwondo e ximnasia.
O HQR!2022 concluirá o 30 de decembro co desenvolvemento da segunda masterclass de rítmica que será impartida por unha ximnasta internacional e pola tarde levará a cabo unha especial gala de clausura que presnetará moitas novidades e que pretende ser o colofón na que se conmemora un número redondo.

Un evento único en Galicia con ADN pontevedrés
Alguén tivo un soño unha vez: reunir a deportistas de diferentes disciplinas nun mesmo evento e nun mesmo escenario, algo impensable lonxe da competición e menos que fose organizado por un medio de comunicación. Ese soño fíxose realidade o 27 de decembro de 2000. Ese día naceu a Festa HQR! e Diario de Pontevedra converteuse no primeiro medio de comunicación da provincia de Pontevedra en organizar un evento deportivo.
O HQR!, desde o seu nacemento, é máis que un evento deportivo. Sempre tivo unha vocación de acontecemento lúdico-social e formación de mozas e mozos, polo que o seu programa combina os aspectos deportivos coa diversión. Desde a súa posta en marcha sempre hai actividades de lecer, cun parque de diversión que foi o punto de encontro para os deportistas e para todos os nenos que decidiron achegarse á Cidade HQR!, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Polo que significou e significa a Festa HQR! e pola súa influencia na promoción do deporte, especialmente o de base, a comisión executiva do Comité Olímpico Español decidiu conceder unha das súas mencións máis importantes á Festa HQR!
En 2015 recibiu a medalla ao mérito deportivo de Galicia e en dúas ocasións (2016 e 2016) foi proposto ao premio Cidade de Pontevedra.
Unha mención que foi entregada o 18 de febreiro de 2011 polo propio presidente do COE nun acto celebrado en Pontevedra no que se deron cita os representantes dos diferentes estamentos da vida deportiva, social e política de Galicia.
22 anos de aventuras e 19 edicións que desembocan no 20 aniversario, a de 2022 é a edición da reivindicación e da celebración porque o HQR! segue formando xeracións.


Queres ser a alma da festa?
O voluntariado, o corazón do HQR!
A Agrupación Deportiva HQR! e Diario de Pontevedra abren a campaña de captación de voluntarios para a edición deste ano.
Os Xogos Olímpicos de Barcelona de 1992 significaron o nacemento do voluntariado deportivo. A cita olímpica pasou a historia, entre outras cousas, polos sorrisos dun amplo grupo de persoas que vestidos iguais asolagaron coa súa alegría e traballo á familia olímpica. Foi un antes e un despois.
Oitos anos despois un grupo de mozos asolagaron co seu sorriso o panorama deportivo de Pontevedra. Naceron na Festa HQR!, pero pronto traspasaron a súa fronteira para consolidar unha figura fundamental nos acontecementos deportivos.
Durante estas 19 edicións pasaron máis de 5.000 persoas nun movemento que estritamente vinculado ao deporte foi pioneiro en Galicia e que segue sendo unha referencia para outros eventos.
O voluntariado converteuse nun dos símbolos da Festa HQR! A súa axuda é absolutamente fundamental para sacar adiante un proxecto diferente. Desde o 2 de novembro e ata o 2 de decembro estará aberto o prazo de inscrición cuxo formulario pode atopar neste link.

Os números do HQR!
• 84.450 deportistas nas 19 edicións
• Máis de 800 clubs participantes
• Máis de 90.000 visitantes en todos estes anos de Festa HQR!
• O único evento das súas características en Galicia
• Evento lúdico, no que se fomentan os valores do deporte
• Deporte e lecer, unha unión perfecta que fai que a Festa HQR! sexa sinónimo de diversión
• Ampla programación e moi diversa
• Evento integrador (realización de actividades para todas e todos)
• Evento recoñecido con diferentes premios
• Apoio do deporte base e afeccionado

Na prensa
