Manifesto do Día Mundial da Saúde

O noso planeta, a nosa saúde

Vivir en saúde é a mellor fórmula para vivir máis e mellor, polo que neste Día Mundial da Saúde, 7 de abril, queremos transmitir á cidadanía de Pontevedra que a saúde non é simplemente a ausencia de enfermidades, senón un achegamento o máis sano posible ao benestar integral das persoas, tanto a nivel físico como mental.

Todas e todos nós podémonos convertir en axentes activos para acadar os obxectivos da Axenda 2030 sobre desenvolvemento sustentable, e en especial do Obxectivo número 3: Garantir unha vida sana e promover o benestar para todas e todos e en todas as idades.

O lema proposto para 2022 é “O noso planeta, a nosa saúde” indice na impotancia do cambio climático e a calidade do aire que respiramos, polo que debemos seguir promovendo costumes sanos tanto nas nosas vidas como nos hábitos colectivos.

1. Temos a sorte de vivir nunha cidade na que aínda é doado conseguir alimentos frescos e mínimamente procesados de xeito industrial, tanto para adquirir ou consumir en crú como cociñados, polo que debemos manter unha dieta equilibrada, proporcionada ás nosas necesidades enerxéticas e agradable ao pracer de xantar.

2. Tratamos de manter unha vida activa que responda axeitadamente ás nosas necesidades cotiáns: desprazarnos a pé ou en bici, subir e baixar escaleiras, e tantas outras actividades habituais que podemos realizar sen axuda de máquinas ou instrumentos que nos entregan ao sedentarismo e á molicie.

3. Pontevedra ofrece múltiples escenarios nos que é posible realizar exercicio físico, tanto en interiores como no espazo público. A nosa rede de parques, xardíns, espazos naturais e peonís é extensa e xenerosa para facilitar entre todas e todos os costumes máis sans e os hábitos máis propicios para a actividade física.

4. Existen hábitos sociais bastante extendidos que desexamos apartar das nosas vidas, como fumar ou inxerir alcohol, bebidas calóricas ou excitantes en exceso, segundo recomendan as persoas que mellor coñecen os procesos de deterioro corporal e mental.

5. Utilicemos os medios de comunicación virtual coa intelixencia suficiente, sen descoidar en absoluto as interrelacións persoais, a vida presencial e os intercambios persoais e sociais corpo a corpo.

6. Queremos dormir as horas suficientes, para o que coidaremos os hábitos máis saudables e dedicaremos tempo a relativizar as preocupacións e racionalizar as experiencias humanas máis tóxicas, se é que temos a necesidade de facelo.

7. Coidaremos da nosa saúde mental co mesmo interés e co que coidamos da nosa saúde física, en especial nos espazos nos que se desenvolven as nosas vidas, no noso propio corpo e no das persoas coas que convivimos.

8. Revisamos os indicadores de saúde que resulten máis importantes para previr calquera doenza sobre a que o noso corpo poda estar ofrecendo sinais preocupantes.

9. Coidémonos de situacións que podan alterar en exceso a nosa vida, optando, na medida do posible, por estilos relaxados e alonxados de calquera contexto que puidese xerar episodios de estrés ou a ansiedade.

10. Desconectémonos de calquera tipo de violencia física, verbal, actitudinal ou inducida, procurando solucións acaídas no sentido do humor e perseguindo solucións empáticas que proporcionen felicidade e amor, tanto a nós mesmxs, como ás persoas que nos arrodean.

Este decálogo é un desexo que proclamamos en Pontevedra coa seguridade de que é compartido por todas as persoas, se ben coñecemos que as circunstancias das distintas rexións e países, implican prioridades e aspiracións distintas ás nosas, das que tamén nos sentimos perto, sempre que leven á defensa da saúde física e mental das persoas.