AS HISTORIAS DO DEPORTE

Rafael González-Adrio, cuarto pola dereita na fila superior, formando parte da selección española que o 24 de xullo de 1955 gañou a medalla de ouro nos Xogos do Mediterráneo

Rafael González-Adrio, pontevedrés de nacemento e de agarimo aínda que viviu 70 anos en Cataluña, é toda unha lenda do baloncesto español e da traumatoloxía

Adrio, xenio do balón e do bisturí

Ficheiro das internacionalidades de Rafael González-Adrio que enchía á man o delegado da selección

Cando a partir dun determinando momento es coñecido por unha faceta en particular, neste caso laboral, todo o realizado ata entón pode quedar nun segundo plano. Algo así lle sucedeu a un pontevedrés de nacemento e de agarimo, aínda que viviu durante case 60 anos en Cataluña, coñecido pola gran maioría pola súa condición de traumatólogo, non en balde foi considerado como un dos máis grandes de España, porque Rafael González-Adrio foi toda unha eminencia da medicina.

Un auténtico xenio, que durante 18 anos tivo ao seu cargo os servizos médicos do FC Barcelona. Polas súas prodixiosas mans pasaron algúns dos máis grandes futbolistas do mundo, como Diego Armando Maradona, Bernd Schuster ou Johan Cruyff -do que foi íntimo amigo e ao que ensinou a xogar ó golf- e ata Jorge Valdano, que confiou nel para que lle operase cando vestía a camiseta do eterno rival, o Real Madrid.

O baloncesto dos anos 50

Esas prodixiosas mans para a medicina antes manexaron con mestría un balón porque antes de estar vinculado ao deporte como médico, Rafael González-Adrio foi xogador de baloncesto, pero non un calquera, senón un dos máis importantes que tivo España na década dos cincuenta do século pasado. Un aleiro anotador que foi un fixo na selección nacional durante cinco anos (do 54 ao 58), nos que acumulou 14 internacionalidades, unha cifra que nos tempos actuais pode considerase como escasa, pero toda unha proeza para unha época na que o noso país non participaba nin en Europeos (o primeiro foi o de Suiza no 35 e non volveu ata o de Turquía 59), nin tampouco en Mundiais (debutou no de Arxentina 50 e non regresou ata o de Chile 66), nin en Xogos Olímpicos (a súa estrea foi nos de Roma 60).

Tiro en suspensión

A súa relación co baloncesto comezou grazas ao seu tío Ángel, co que tan só se leva tres anos, e que tamén foi internacional (seis veces). El descubrira o deporte da canastra en Arxentina, onde viu técnicas que non eran habituais en Europa. Del aprendeu o tiro en suspensión e foi un dos primeiros en practicalo porque o resto de xogadores tiraban de culler (de abaixo cara arriba). Comezou a botar o balón, como outros moitos nenos, no patio do colexio e as súas calidades non pasaron desapercibidas para os adestradores dun dos clubs máis importantes daquel momento, e decano de España, o Laietá, no que iniciou unha fulgurante traxectoria que lle levou ao primeiro equipo (52-53) e á tempada seguinte recalou no Español, do cal o fichou o FC Barcelona cando aínda non cumprira os 19 anos.

Fichar polo Madrid

Para os seus pais os estudos eran o primeiro e o baloncesto algo totalmente secundario, pero Rafael non pensaba o mesmo, polo que chegou a un pacto co seu proxenitor para que lle deixase fichar polo Real Madrid. Podía xogar no club branco a cambio de que non esquecese a súa carreira universitaria de Medicina.

Médico por libre

Os adestramentos, os partidos… impedíanlle pisar a aula, pero iso non era ningún obstáculo xa que estudando por libre licenciouse (“era médico e non vira un enfermo na miña vida”) nas canchas, porque se converteu nun dos habituais do conxunto branco pese á súa mocidade, que fixo que nas crónicas daquela época e no libro de historia do Madrid apareza como Rafael González ‘O Nene’.

Competencia estranxeira

Non o tivo nada fácil nun Madrid, que con el gañara as dúas primeiras ligas que se disputaron en España. No seu posto, o de aleiro, comezábase a apostar por xogadores estranxeiros. Tivo que rivalizar con Willian Brindley e especialmente co puertorriqueño Johny Báez, que fichou logo de ser elixido o mellor xogador do seu país, ambos fixeron que se vise máis relegado do habitual ó banco, segundo el mesmo confesaba, pero iso non era impedimento para que seguise sendo un fixo nas convocatorias do seleccionador español, Jacinto Ardevínez.

Primeiros éxitos

Co equipo nacional foi un dos culpables dun dos primeiros éxitos do baloncesto e ata do deporte colectivo español. Foi con motivo da segunda edición dos Xogos do Mediterráneo, unha competición desvalorizada actualmente pero que naquela época tiña máis nivel e importancia que un Eurobasket. No torneo, que tivo como escenario Barcelona, a selección -da que formaban parte lendarios como Díaz Miguel, Alfonso Martínez ou Jorge Bonareu Bussot, que era a gran estrela do combinado- colgouse a medalla de ouro.

Internacional

Rafael estreara a súa condición de internacional un ano antes, con motivo dun amigable en Bolonia ante a Virtus. Un partido para o que a Federación tivo que falsificar a súa data de nacemento -adiantándoa un ano- para poder acudir á convocatoria do seleccionador porque non tiña a idade mínima esixida. Foron cinco anos nos que sempre entraba nas listas de Ardevínez ata que o 16 de febreiro de 1958 xogou o seu último encontro con ‘a ñ’. Os seus éxitos deportivos eran continuos ao mesmo tempo que terminaba os seus estudos universitarios.

Un gran traumatólogo

Con 26 anos tiña por diante unha portentosa carreira deportiva porque “estaba no meu mellor momento”, recordaba, polo que pensou no futuro e na palabra que lle deu ao seu pai. A bata de médico tiroulle máis, do cal non se arrepentiu nunca, e decidiu colgar as zapatillas cando estaba no cume. Non soamente deixou de botar o balón e de mirar cara ó aro para crear os seus soños, senón que tamén fixo as maletas. Neste caso non como 20 anos antes, para irse xunto á súa familia da súa Pontevedra, seguindo os pasos do seu pai (era artilleiro), por causa da Guerra, senón para adquirir os coñecementos que lle transformarían nun dos mellores traumatólogos que deu este país.

Innovador

Esa viaxe -o da infancia, levoulle, en Cataluña, primeiro a Figueres e despois a Barcelona- tivo a súa parada en Alemania, onde descubriu prácticas descoñecidas en España. “Aquí usábase xeso mentres alí xa se operaba”, confesou dous anos antes de morrer en 2015. Case sete anos despois regresou á cidade que o acolleu, Barcelona, onde se converteu nunha auténtica eminencia en todos os campos de traumatoloxía, incluída a deportiva. Ademais de exercer no Hospital de Vall d’Hebron, tamén recalou no Barça, no que estivo case dúas décadas, porque en toda a súa vida o deporte foi fundamental, primeiro como practicante destacado e despois como galeno.

Heroicidade

Cando se bota a mirada atrás, na maioría dos casos, as lembranzas en cor adquiren máis relevancia, pero os que son en branco e negro gardan o aroma da superación, de romper barreiras, porque ser deportista naquela España dos 50 era un exercicio de heroicidade que, no caso deste pontevedrés que presume sempre que pode desa condición, adquire tintura de revolucionario, primeiro no baloncesto e despois na traumatoloxía.

Os adestramentos, os partidos… impedíanlle pisar a aula, pero iso non era ningún obstáculo xa que estudando por libre licenciouse (“era médico e non vira un enfermo na miña vida”) nas canchas