As obras do Pavillón de Deportes “a bo ritmo”

As obras da cuberta do Pavillón Municipal de Deportes “van a bo ritmo” segundo constatou a concelleira de Deportes na visita que fixo hoxe a instalación xunto co alcalde Miguel Fernández Lores. Anxos Riveiro agarda que o bo tempo se manteña pois “entramos nunha fase moi complexa”: a retirada da vella cuberta e a instalación da nova. “Agardamos que non chova xa que hai que deixar aberto todo o pavillón durante un tempo” sinala a concelleira quen engade que, de non haber incidencias, a obra poderá estar rematada para a recta final do mes de setembro.

O Concello adxudicou no seu día a empresa Goméz Crespo Obras e Servizos S.L. a construción e instalación da nova cuberta do Pavillón Municipal por un importe de 605.951,06 euros. Trátase de recuperar a cuberta planificada polo arquitecto Alejandro de la Sota no ano 1964.

O proxecto saíra a licitación cun orzamento de 690.792,47 euros e por el puxaron unha vintena de empresas. Ademais da baixa do prezo a adxudicataria engadiu melloras ao proxecto como o pintado das cerchas valoradas nuns 65.000 euros, e a renovación da iluminación da pista por uns 50.000 euros.

Segundo recolle o proxecto de substitución de cuberta: “a solución adoptada consiste, basicamente, na eliminación dos faldóns en forma de dente de serra e estrutura metálica suplementaria que se executara na reforma da década dos anos 80. Posteriormente, sobre a estrutura metálica realizada orixinalmente, colocaríase a estrutura secundaria de apoio e a nova cuberta formada por unha cuberta sándwich realizada in situ cunha placa interior de 12.90 de policarbonato celular (con tratamento soflite), illamento intermedio da rocha translúcida e placa exterior de 16.90 de policarbonato celular. Ademais da cuberta, procederíase ao cambio dos canalóns perimetrais e reparación de pezas especias nas baixantes de evacuación de augas pluviais. Co obxecto de facilitar a limpeza e mantemento futuro, pensouse na instalación dunha liña de vida permanente e a colocación dunha escada metálica que permita en calquera momento o acceso a cuberta dun xeito seguro”