Aprobada a contratación do campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns

Aprobada a contratación do campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns - DEPORTE PONTEVEDRA
    • O orzamento é de 1.027.893,51 euros e inclúe varias melloras que poden presentar as empresas para mellorar a súa puntuación no concurso.
    • O campo está pensado para competicións oficiais polo que disporá de materiais homologados pola FIFA.
    • O proxecto disporá, ademais, do campo de dous edificios: un de vestiarios e outro de cantina, mellorando todos os seus servizos.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proceso de contratación do novo campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns, en Chan do Monte, por valor de 1.027.893,51 euros para crear unha instalación deportiva de primeira categoría para uso de todo o Concello. Esta obra está enmarcada dentro do plan de renovación e construción de novas infraestruturas do Concello no que se atopan proxectos como a reforma da cuberta do Pavillón Municipal, a o Pavillón da Parda, a reforma das Piscinas de Campolongo, a reforma do campo de fútbol de A Xunqueira, o campo de fútbol de Salcedo ou o de Gatomorto, en Xeve, entre outros.

Segundo consta nos pregos de licitación, o prazo de execución da obra é de 6 meses dende a sinatura do contrato, e se inclúen melloras ao proxecto que son potestativas das ofertas que se presenten. As melloras propostas son:

    • Incremento do período de mantemento
    • Mellora dos equipamentos deportivos
    • Instalación de peche perimetral e portón de peche
    • Mellora dos espazos libres que deixe a demolición e construción dos novos vestiarios.

O proxecto

O proxecto do campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns contempla un terreo de xogo dunha superficie de 105×63 metros, é dicir, permitirá a creación dun campo de fútbol 11 e dous campos de fútbol 7. Crearase con materiais recomendados pola FIFA para poder seren utilizados en competicións oficiais, igual que o que se está a instalar na Xunqueira.

O complexo tamén disporá de dous edificios: un será o dos vestiarios, xa que está previsto derrubar as actuais instalacións. Este terá 392 metros cadrados con catro vestiarios para xogadores, dous para árbitros, enfermería e almacén para aparellos de fútbol, limpeza e outros elementos. Tamén disporá dunha sala de instalacións.

Construirase un segundo edificio -máis pequeno- que substituirá á cantina que tamén se derrubará. Terá aseos e novos accesos.

Serán edificios de liñas rectas, sinxelos, de formigón sen que destaquen demasiado para que non invadan a paisaxe espectacular. Levarán unha parede de vidro, que será a que dá ao campo. E todo o edificio estará recuberto dunha celosía metálica que impide a visión de fóra cara dentro. Permitirá a entrada da luz durante o día, e facer del un edificio eficiente durante a noite.

O tellado será de pedra granítica transitable.

Sepárase o acceso dos deportistas e do público e o complexo terá auga quente dunha caldeira de biomasa.

A colaboración do Consello parroquial

Este novo campo é froito da intensa colaboración de todas as entidades da parroquia, especialmente dos propietarios do campo, así como o Servizo de Deportes (antes Instituto Municipal de Deportes) que definiu algunhas das necesidades da instalación.

A construción do campo de fútbol pretende consolidar este núcleo de centralidade parroquial, será un punto de atracción deportiva e quere ser unha instalación rendíbel social e economicamente.

Os servizos municipais xa teñen orde de iniciar todo o proceso administrativo para a contratación do proxecto, que podería ter un prazo de seis meses de execución.

Contratado o proxecto para reformar o Pavillón Multiusos da Xunqueira

Contratado o proxecto para reformar o Pavillón Multiusos da Xunqueira - DEPORTE PONTEVEDRA
    • O Servizo é consciente da necesidade de remodelar integralmente a instalación na actualidade precaria e obsoleta.
    • Está previsto mellorar o graderío, instalar un montacargas e revisar toda a accesibilidade, arranxar a cuberta das terrazas, cambiar a iluminación da pista, o sistema de auga quente sanitaria, instalar ventilación asistida e mellorar o equipamento deportivo.

A Concellaría de Deportes continúa o elevado ritmo inversor para pór en perfectas condicións de uso as distintas infraestruturas deportivas do Concello na Xunqueira entre as que se inclúen as melloras do Pavillón Municipal ou a remodelación do campo de herba sintética de fútbol 11.

Nesta ocasión tócalle o turno ao Pavillón Multiusos Municipal da Xunqueira, unha instalación que viviu ao longo da súa historia sucesivas reparacións parciais, pero que agora precisa dunha intervención de envergadura que permita empregar o pavillón na súa totalidade. O Goberno Local e a Concellaría de Deportes son conscientes da precaria situación do Multiusos nalgunha das súas zonas, por iso acaba de encargar ao equipo de arquitectos Laf artec a redacción dun proxecto de mellora integral do Multiusos.

Aínda que será este proxecto o que determine as necesidades que presenta a instalación, dende a Concellaría de Deportes déronselle unhas directrices sobre os elementos que necesariamente hai que intervir:

    • Adaptación e mellora de toda a zona de público (a grada)
    • Mellora da accesibilidade coa instalación dun montacargas e revisión de toda a instalación para mellorar a accesibilidade.
    • Arranxo da cuberta das terrazas para resolver o problema das filtracións que entran no pavillón (o resto da cuberta é de recente instalación).
    • Eficiencia enerxética coa substitución da iluminación da pista por iluminación leds e mellora do sistema da auga quente sanitaria, e probablemente a substitución da caldeira.
    • Ventilación forzada da instalación
    • Mellora do equipamento deportivo (como última parte da intervención).

Aínda que o proxecto será o encargado de determinar o custe de toda a actuación, dende a Concellaría de Deportes estímase que o investimento pode superar os 300.000 euros.

Cabe lembrar que o Pavillón Multiusos da Xunqueira é xunto ao Pavillón Municipal, a instalación deportiva que máis usos ten durante todo o ano. Emprégase todos os días e está aberto dende primeira hora da mañá até as doce da noite, agás os domingos pola tarde. Os usos do Multiusos son arredor de 7.000 ao mes, fundamentalmente de deporte federado, segundo os datos de reserva do Servizo de Deportes.

Pontevedra e Vigo, sedes do Mundial de Balonmán Junior en 2019

Pontevedra e Vigo, sedes do Mundial de Balonmán Junior en 2019 - DEPORTE PONTEVEDRA
    • Está previsto que arredor de 13.000 persoas (3.000 deportistas e uns 10.000 acompañantes) participen nesta competición.
    • En xaneiro de 2018 tamén acollerán o Campionato de España de autonomías infantil, xuvenil e cadete.
    • Simultaneamente se celebrará o Torneo Internacional de España Domingo Bárcenas no que está confirmada, ademais de España, a selección de Polonia.

Os concellos de Pontevedra e Vigo acollerán no ano 2019 o Campionato do Mundo de Balonmán Junior, tal e como anunciou esta mañá os alcaldes de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun encontro no consistorio olívico ao que tamén asistiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, os presidentes das federacións galega e española de balonmán, José Luís Pérez Ouro e Francisco Blázquez García respecticamente, así como os concelleiros de Deportes dos concellos de Pontevedra, Anxos Riveiro e Manuel Fernández, respectivamente. Na cita tamén estivo presidente do director de Deportes do Concello de Pontevedra, Jaime Agulló.

Na reunión concretouse a celebración deste gran campionato que suporá que as dúas principais cidades das Rías Baixas acollan a uns 2.500 ou 3.000 deportistas que virán acompañados dos seus familiares, é dicir, entre 8.000 ou 10.000 persoas máis. Competirán 24 seleccións do mundo. O campionato terá, logo, dúas sedes e dende hoxe comeza o traballo para definir os pormenores hostaleiros e de infraestruturas deportivas.

Ademais, tamén se concretou que en xaneiro de 2018 (entre o 8 e o 10 de xaneiro) se disputará en ambas cidades do Campionato de España de autonomías infantil, xuvenil e cadete que coincidirá no tempo co Torneo Internacional de España Domingo Bárcenas no que xa están confirmados a participación das seleccións de España e Polonia.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores confesou esta mañá “estar encantado de estar en Vigo” e lembrou que a cidade do Lérez ten un exio de traballo vinculado á práctica deportiva, centrada no espectáculo de elite, no fomento da práctica deportiva de base e tamén na proxección da cidade que ofrecen estes eventos e na dinamización da actividade económica que xeneran na cidade.

Fernández Lores lembrou que “é obrigado que nos poñamos dacordo porque Pontevedra non ten posibilidades de acoller a todo o campionato tanto por falta de instalacións deportivas como de prazas de hostalería”.

Ademais, destacou ao igual que a presidenta da Deputación e o alcalde de Vigo, a importancia da colaboración das tres institucións “que facilitan que Galicia se converta nun referente en eventos deportivos”. A Deputación confirmou a súa contribución económica para a celebración dos campionatos.

Deportes muda de imaxe

Deportes muda de imaxe - DEPORTE PONTEVEDRA

Desde hoxe mesmo as actividades deportivas municipais definiranse coa nova marca Deporte Pontevedra, unha vez que o IMD deixou de existir. A nova formulación gráfica nace da evolución da anterior imaxe do Instituto se ben a nova se caracteriza por unha maior gama cromática.

O novo símbolo deportivo é circular e inclúe as palabras “Deporte Pontevedra” na súa versión máis habitual, así como 5 cores distintas. Como a anterior, a gráfica principal parte dunha sección dos aros olímpicos, se ben nesta ocasión aparecen inscritos nunha circunferencia branca e azul na que figura o logotipo da marca.

A realización foi elaborada polo gabinete de Comunicación do Concello, nun proceso no que tamén participaron os técnicos do departamento municipal de Deportes, sempre baixo a supervisión da concelleira de Cultura e Deportes, Anxos Riveiro.

O proceso de cambio de imaxe inclúe unha estratexia gráfica para papelería, elementos de publicidade exterior, merchandising, sinaléctica, etc., imprescindibles para levar a cabo unha mudanza progresiva, durante a que se vaian substituíndo os elementos antigos por outros novos xa coa gráfica actual, co coidado de non caer en gastos superfluos ou innecesarios, polo que a nova imaxe convivirá coa antiga nalgúns soportes e momentos.

Esta icona deportiva, como o anterior, pode ser utilizada por todos os colectivos deportivos de base que o desexen, se ben o Concello, propietario da marca, resérvase as accións legais oportunas cando detecte un uso non acaído da mesma.

Será de obrigada utilización para todas as actividades que teñan patrocinio municipal. No desenvolvemento da marca defínense fórmulas para utilizala en convivencia co imagotipo municipal principal, aínda que non se desenvolveu un manual de uso por non incorrer en maiores gastos.

O IMD pecha 20 anos de promoción do deporte municipal

O IMD pecha 20 anos de promoción do deporte municipal - DEPORTE PONTEVEDRA

O Concello de Pontevedra celebrou hoxe a última reunión da Xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes que consistiu na aprobación da acta da sesión anterior, un trámite administrativo pequeno pero preciso para disolver este organismo autónomo do Concello que dirixiu a política deportiva municipal durante os últimos 20 anos.

A presidenta do IMD e concelleira de Deportes, Anxos Riveiro explicou que “foi un tempo no que o organismo autónomo traballou con todas as persoas de xeito notabilísimo pero, por cuestións legais e de novos tempos, era preciso mudar ese corsé que limitaba moitas cousas, nunha cidade no que o deporte é referencia”. Explicou que a actual normativa do IMD “non permitía avanzar”.

Anxos Riveiro confía en que 2017, cando entra a funcionar o novo Servizo de Deportes do Concello, “o faga do mellor xeito posible para que no futuro, realmente digamos que esta decisión pagou a pena”.

O novo Servizo de Deportes, dependente directamente da estrutura do Concello, continuará todos os proxectos que tiña en tramitación o IMD, contando co persoal do antigo instituto respaldado por todos os servizos municipais. Nesta nova andaina, a prioridade do servizo é a tramitación das Piscinas de Campolongo. “É unha prioridade por riba doutras moitas cousas, e trataremos de adicarlle todos os nosos esforzos dende o día 2 de xaneiro”, asegurou Anxos Riveiro.

Mecano Sport renovará o Campo de herba sintética da Xunqueira

Mecano Sport renovará o Campo de herba sintética da Xunqueira - DEPORTE PONTEVEDRA
    • A Xunta de Goberno adxudicou esta mañá esta obra por valor de 272.243,14 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación á empresa Mecano Sport a renovación do Campo de herba sintética da Xunqueira por valor de 272.243,14 euros. A obra ten un prazo de adxudicación de dous meses, pero negociarase coa empresa adxudicataria para ver cando se empecen as obras. Segundo explicou o portavoz do Goberno, Raimundo González o servizo de deportes considera que o momento máis propicio para realizar a obra é na primavera, xa que se terá máis garantías de bo resultado.

Os traballos que se farán son:

    • Retirada a capa de céspede artificial comprobarase o estado da superficie e procederase á regularización e posterior compactación para reparar as zonas danadas e eliminar posibles irregularidades nas pendentes.
    • Construirase unha beirarrúa perimetral ao campo de fútbol.
    • Executarase unha nova quenlla de formigón polímero dotada de reixa superior e instalaranse novas arquetas areeiros de formigón polímero con reixa desmontable e cesta filtro co fin de mellorar a drenaxe do campo e os labores de mantemento.
    • Instalarase unha base elástica prefabricada de tres capas.
    • Instalación dun céspede artificial de última xeración testado en laboratorio consonte as criterios FIFA Quilite. Incluirase nesta actuación a marcaxe do campo de fútbol 11 e de dous campos de fútbol 7 cumprindo coa regulamentación R.F.E.F.
    • O campo será obxecto de homologación, con cargo ao contratista, pola FI co nivel FI FA Quality.
    • Instalarase unha nova varanda perimetral.
    • Substituiránse as porterías de fútbol 11 e colocaránse catro novos bandeiriñas de córner.

Esta empresa ofrece melloras como:

      • Incremento o prazo de garantía a 9 anos (na licitación era de 1 ano)
      • Mantemento anual do sistema do céspede é por 12 anos (a licitación era dun ano)
      • Mellora o espesor e o peso da fibra
      • Suministra un xogo de banquillos
      • Dous xogos de portería fútbol 7
      • Dous canóns de rego
      • Iluminación de graderío.

O campo municipal de herba sintética A Xunqueira foi primeiro de herba sintética que houbo na cidade e a día de hoxe ten practicamente esgotada a súa vida útil. É do ano 1999 e foi obxecto dunha primeira renovación no 2005. Precisa dunha nova substitución da superficie de xogo por outra de nova xeración co fin de contar con boas prestacións deportivas, con garantías de calidade e sobre todo de seguridade para os deportistas.

Acondicionamento de zonas verdes

A Fundación Xoán XXIII será a encargada do mantemento e acondicionamento das zonas verdes da cidade de pedra, do parque da Liberdade e do parque Amalia Álvarez, ademais dalgún pequena zona verde en Eduardo Pondal. Este traballo corresponde á adxudicación dun contrato de acondicionamento de xestións ambientais para empresas que empreguen a traballadores con discapacidade, ou fagan accións con traballadores con discapacidade. Este contrato ten un valor de 24.350 ao ano.

Prevención de lexionelosis

A Xunta de Goberno Local tamén adxudicou esta mañá a Cosaplag S.L.U. o mantemento e prevención da lexionelosis dos sistemas de calefacción dos colexios públicos por 36.368,80 euros. É unha contía total polos vindeiros catros anos.

O Pavillón Municipal, listo para primeiros de outubro

O Pavillón Municipal, listo para primeiros de outubro - DEPORTE PONTEVEDRA

Finais de setembro principios de outubro son as datas coas que traballa o Concello para abrir ao público o Pavillón Municipal coa súa nova cuberta. Esta semana visitaron os traballos o alcalde e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, acompañados do director do Instituto Municipal de Deportes, Jaime Agulló, e o técnico municipal Luís Costa, ademais de responsables da empresa construtora para ver o desenvolvemento dos traballos.

Acométese a impermeabilización do canalón central así como do último pinche da cuberta (o máis próximo á avenida de Compostela). Logo quederá pendente unha limpeza xeral e en profundidade e remates da obra, para poder abrirse.

O alcalde comprobou o novo sistema de iluminación do Pavillón que permitirá aforrar o 54% do consumo actual ao ser de última tecnoloxía led, e permitirá iluminar a pista de distinto xeito en función do deporte que se practique. É unha iluminación que non deslumbra. A este aforro hai que sumar que a nova cuberta permite dar máis luz ao pavillón sen ter que encender a iluminación durante as mañás.

A instalación da nova cuberta (que era a reparación máis urxente) permite comezar a recuperar a imaxe orixinal do Pavillón Municipal, que continuará nun futuro cunha reforma xeral, unha vez que se constrúa o novo pavillón da Parda.

Novo compromiso coa Deputación para construír os novos campos de fútbol de Cerponzóns e Gatomorto

Novo compromiso coa Deputación para construír os novos campos de fútbol de Cerponzóns e Gatomorto - DEPORTE PONTEVEDRA

O Concello de Pontevedra está a traballar na sinatura do próximo convenio coa Deputación provincial, neste caso, para a construción de dous campos de herba sintética no rural: o de Chan do Monte, na parroquia de Cerponzóns, e o de Gatomorto en Santa María de Xeve. O convenio tería un orzamento global de 1.999.372 euros. Neste convenio o Concello de Pontevedra comprométese a redactar os proxectos -que xa están redactados- e a financiar o 20% do custe. A Deputación asumirá o 80% do custe dos campos.

O convenio coa Deputación poderá asinarse ao longo da vindeira semana.

O custe do campo de Chan do Monte é de 1.028.000 euros e o de Gatomorto de 971.000 euros.

O portavoz do Goberno, Raimundo González explicou esta mañá que coa sinatura deste convenio supéranse as previsións de transferencia de capital por parte da Deputación, con 2,6 millóns de euros (polo de agora) sendo 1 millón para os saneamentos de Mourente e Os Gafos, e 1,6 millóns para os campos de fútbol.

Recreación do campo de fútbol de herba sintética de Chan do Monte, Cerponzóns

Recreación do campo de fútbol de herba sintética de Gatomorto, Santa María de Xeve

Comeza a instalación da capa de impermeabilización da nova cuberta do Pavillón Municipal

Comeza a instalación da capa de impermeabilización da nova cuberta do Pavillón Municipal - DEPORTE PONTEVEDRA
    • As cerchas xa están pintadas e a nova iluminación de LEDs practicamente rematada coa que se permitirá aforrar o 54% do consumo actual de luz

O Pavillón Municipal xa dispón da primeira capa da que será a súa nova cuberta. Nestes momentos, a empresa adxudicataria está a instalar a segunda capa de impermeabilización para o aillamento térmico do pavillón. As obras desenvólvense a bo ritmo polo que dende a Concellaría de Deportes confíase en que a obra estea rematada a finais de mes ou a primeiros de outubro, para poder retomar a actividade normal do pavillón.

A instalación está sendo executada pola empresa Gómez Crespo Obras e Servizos S.L. por valor de 605.951,06 euros, seguindo os ditados dos planos do arquitecto Alejandro de la Sota, artífice do Pavillón Municipal no ano 1964.

Como melloras do proxecto están o pintado das cerchas da estrutura -un traballo xa realizado e valorado en 65.000 euros- e a renovación da iluminación da pista de xogo valorada en 50.000 euros e que se está a rematar.

Segundo recolle o proxecto de substitución de cuberta: “a solución adoptada consiste, basicamente, na eliminación dos faldóns en forma de dente de serra e estrutura metálica suplementaria que se executara na reforma da década dos anos 80. Posteriormente, sobre a estrutura metálica realizada orixinalmente, colocaríase a estrutura secundaria de apoio e a nova cuberta formada por unha cuberta sándwich realizada in situ cunha placa interior de 12.90 de policarbonato celular (con tratamento soflite), illamento intermedio de la de rocha translúcida e placa exterior de 16.90 de policarbonato celular. Ademais da cuberta, procederíase ao cambio dos canalóns perimetrais e reparación de pezas especias nas baixantes de evacuación de augas pluviais. Co obxecto de facilitar a limpeza e mantemento futuro, pensouse na instalación dunha liña de vida permanente e a colocación dunha escada metálica que permita, en calquera momento, o acceso á cuberta dun xeito seguro”.

A iluminación

Sobre a iluminación, o Pavillón Municipal renovou toda a instalación interior con sistemas de control e 80 luminarias LED interactivas de alta eficiencia deseñadas e fabricadas en Pontevedra. O sistema óptico multi-led con 96 diodos por luminaria permitirá acadar altos niveis de uniformidade lumínica en toda a instalación deportiva; ademais para repartir a luz de cada luminaria nunha ampla superficie de emisión (96 LEDs), elimínase calquera sensación de deslumbramento perturbador para os deportistas e espectadores.

Con esta tecnoloxía redúcese o consumo enerxético nun 54% pasando de 70.000 Kw/hora/ano/ a 32.000 Kw hora/ano.

A iluminación controlarase cunha pantalla táctil de 7” comunicada con cada luminaria a través dun sistema de control DALI. Esta tecnoloxía permite realizar encendidos selectivos de luminarias en cada zona da pista, regulacións do 0% ao 100% en cada luminaria. Este proceso de transformación enerxética converte ao pavillón municipal nunha infraestrutura intelixente adaptada aos estándares deportivos máis esixentes, tanto para a observación en directo como para a retransmisión de grandes eventos.

O coidado deseño das luminarias dotan ao pavillón dun espíritu vangardista, alineado coa contorna.

As obras do Pavillón de Deportes “a bo ritmo”

As obras do Pavillón de Deportes “a bo ritmo” - DEPORTE PONTEVEDRA

As obras da cuberta do Pavillón Municipal de Deportes “van a bo ritmo” segundo constatou a concelleira de Deportes na visita que fixo hoxe a instalación xunto co alcalde Miguel Fernández Lores. Anxos Riveiro agarda que o bo tempo se manteña pois “entramos nunha fase moi complexa”: a retirada da vella cuberta e a instalación da nova. “Agardamos que non chova xa que hai que deixar aberto todo o pavillón durante un tempo” sinala a concelleira quen engade que, de non haber incidencias, a obra poderá estar rematada para a recta final do mes de setembro.

O Concello adxudicou no seu día a empresa Goméz Crespo Obras e Servizos S.L. a construción e instalación da nova cuberta do Pavillón Municipal por un importe de 605.951,06 euros. Trátase de recuperar a cuberta planificada polo arquitecto Alejandro de la Sota no ano 1964.

O proxecto saíra a licitación cun orzamento de 690.792,47 euros e por el puxaron unha vintena de empresas. Ademais da baixa do prezo a adxudicataria engadiu melloras ao proxecto como o pintado das cerchas valoradas nuns 65.000 euros, e a renovación da iluminación da pista por uns 50.000 euros.

Segundo recolle o proxecto de substitución de cuberta: “a solución adoptada consiste, basicamente, na eliminación dos faldóns en forma de dente de serra e estrutura metálica suplementaria que se executara na reforma da década dos anos 80. Posteriormente, sobre a estrutura metálica realizada orixinalmente, colocaríase a estrutura secundaria de apoio e a nova cuberta formada por unha cuberta sándwich realizada in situ cunha placa interior de 12.90 de policarbonato celular (con tratamento soflite), illamento intermedio da rocha translúcida e placa exterior de 16.90 de policarbonato celular. Ademais da cuberta, procederíase ao cambio dos canalóns perimetrais e reparación de pezas especias nas baixantes de evacuación de augas pluviais. Co obxecto de facilitar a limpeza e mantemento futuro, pensouse na instalación dunha liña de vida permanente e a colocación dunha escada metálica que permita en calquera momento o acceso a cuberta dun xeito seguro”