A reunión do Comité organizador, primeiro paso do Festival Multisport ITU Pontevedra 2019

A reunión do Comité organizador, primeiro paso do Festival Multisport ITU Pontevedra 2019 - DEPORTE PONTEVEDRA
  • Todas as administracións se comprometeron a colaborar coa organización do evento que traerá á provincia de Pontevedra a uns 4.000 deportistas (arredor de 10.000 persoas con acompañantes).
  • O Festival engloba cinco probas mundiais: Aquatlón, Triatlón de longa distancia, Triatlón Cross, Duatlón e Aquabike.

O Concello de Pontevedra acolleu esta mañá a reunión do Comité Organizador do Festival Multisport Pontevedra 2019 integrado polo Concello de Pontevedra, a Deputación provincial, a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral do Deporte, e as federacións Internacional, Española e Galega de Triatlón. Na reunión estiveron presentes, polo tanto, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a secretaría xeral para o Deporte, Marta Míguez, o presidente da Federación Española de Triatlón, José Hidalgo, e o presidente da Federación Galega, Óscar Surís, acompañados de técnicos das distintas institucións e entidades que integran este Comité Organizador.

Na reunión se confirmou que en Pontevedra se celebrarán no ano 2019 (as datas concretas están por pechar) os campionatos do mundo de Aquatlón, Triatlón de longa distancia, Triatlón Cross, Duatón e Aquabike (3 km de natación e 120 km de carreira en bici).

Está previsto que congregue durante uns 10 días a arredor de 4.000 deportistas, o que suporá unha visita de máis de 10.000 persoas dado que este tipo de atletas soen viaxar acompañados das súas familias. Isto implica un revulsivo económico moi importante para Pontevedra, a súa comarca e a provincia.

Na reunión non puido estar presente a presidenta da Federación Internacional de Triatlón, Marisol Casado, que estaba confirmada no encontro, dado que tivo que desprazarse de urxencia a Lausanne (Suíza) para participar da decisión do COI de conceder ao triatlón unha nova medalla nos xogos olímpicos na disciplina de relevo mixto. Esta decisión darase a coñecer hoxe pola tarde, a partir das 16.00 horas.

O primeiro Festival Multisport celébrase este ano en Canadá, e o vindeiro 2018 en Dinamarca. A terceira experiencia será a de Pontevedra, que en palabras do presidente da Federación Española “é o proxecto máis ambicioso ao que se presenta a Federación española dende a súa existencia”. Tamén destacou a importancia do proxecto pola súa repercusión económica e turística, ademais de polas evidentes repercusións deportivas.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo salientar o polo de atracción turística que suporá este evento, polo que a Deputación estará para apoiar as decisións do Comité organizador tanto económica como organizativamente. Felicitou ao Concello de Pontevedra por asumir o reto de organizar un evento deportivo destas características.

O presidente da Federación Galega de Triatlón, Óscar Surís tamén felicitou á cidade e a todos os organizadores por esta iniciativa, e a secretaría xeral da Xunta, Marta Míguez explicou que este Festival Multisport Triatlón Pontevedra 2019 “supón un paso adiante ao máis alto nivel, e dispón de todos os ingredientes para realizalo con solvencia. Pontevedra xa demostrou que é capaz”.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou que o Festival xa dispón de imaxe: o neto de Ravachol. A organización pide a axuda dos pontevedreses para darlle un nome.

Pontevedra, preparada para unha nova invasión de triatletas co Campionato de España de Clubs

Pontevedra, preparada para unha nova invasión de triatletas co Campionato de España de Clubs - DEPORTE PONTEVEDRA

A cidade de Pontevedra xa está preparada para unha “nova invasión de triatletas” esta fin de semana, coa celebración do Campionato de España de Tríatlon por Clubs. Hoxe tivo lugar no Concello de Pontevedra o acto de presentación do evento, no que participaron a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, o director do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Jesús López, e o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís.

A concelleira de Deportes destacou o que significa para a cidade este evento non só deportivamente, senón a nivel económico: “Foi algo que tivemos moi en conta cando iniciamos esta colaboración co tríatlon hai dez anos: Apoiar ao deporte, fundamental, e o pulo económico que significa para a cidade ter durante dous ou tres días a máis de 700 deportistas e os seus acompañantes”.

Anxos tamén destacou a colaboración da Xunta de Galicia, a través do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que “este ano funcionará como centro de operacións”. Pola súa banda o director do CGTD, Jesús López, manifestou a su satisfacción por colaborar “co Concello de Pontevedra neste evento” e ademais destacou a sección de tríatlon que ten o centro de tecnificación, “polo que o orgullo é aínda maior”.

O presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís, despois

de agradecer o apoio continuado do Concello de Pontevedra nestes dez anos, así coma da Xunta de Galicia, explicou o funcionamento deste Campionato de España de Tríatlon por clubs, que aparece anunciado pola cidade co lema “Nova invasión de triatletas”.

O Campionato de España de Tríatlon por clubs é a 3ª xornada da Liga Nacional de Clubs, que está formada por 6 probas. O campionato desenvolverase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 19 quilómetros de bici e 5 de carreira a pe) e no mesmo recorrido do pasado ano.

En Primeira División, cada entidade debe presentar un equipo formado por un mínimo de 8 deportistas e un máximo de 10 e puntúan todos os participantes (segundo sexa o posto, recibe un número de puntos e coa suma de todos, se formará a clasificación de clubs). Haberá un vencedor individual en cada proba e unha clasificación por clubs.

Ademais da proba de Primeira División (masculina e feminina), tamén haberá Segunda División, Promoción e o tríatlon popular Pontealtri. Actualmente hai 724 triatletas inscritos nas probas de 1ª, 2ª e Promoción (sen pechar o prazo de inscrición de deportistas).

Surís destacou a alta participación de clubs galegos, “grazas a que se celebra en Pontevedra os clubs máis modesto poden participar nas probas de Promoción, algo que dificilmente podería suceder se o campionato fose nun lugar alonxado”. Ademais, tamén falou do protagonismo dos clubs galegos en Primeira División e para iso recordou os resultados do pasado ano neste mesmo torneo, que se celebrou en Xixón, con triunfos de equipos galegos tanto na categoría masculina

(Cidade de Lugo Fluvial, campión e Arcade Inforhouse, subcampión) coma feminina (Tríatlon Ferrol, campión e Cidade de Lugo Fluvial, bronce) e tamén a nivel individual (Pablo Dapena e Camila Alonso venceron nas probas).

[pdf-embedder url=”https://deportes.pontevedra.gal/web2020/wp-content/uploads/2017/06/Campionato-de-España-de-Triatlón-por-Clubs.pdf” title=”Campionato de España de Triatlón por Clubs”]

Fin ás escolas deportivas municipais polas que pasaron máis de 2.300 rapaces

pavillón once pontevedra

As Escolas Deportivas Municipais poñen fin á súa actividade estes días até o vindeiro curso. Nestes meses participaron 2.381 nenos en distintas escolas deportivas. Ademais das dúas de fútbol e fútbol sala houbo de atletismo, triatlón, baloncesto, taekwondo, rugby, judo, loita olímpica, tenis, tenis de mesa, xadrez, voleibol, balonmán, ximnasia, ximnasia rítmica, ximnasia acrobática e trampolín e esgrima.

Moitas delas rematan nesta semana pero outras alongaranse durante o mes de xuño, mentres se manteña o periodo escolar.

A Concellaría de Deportes destaca o importante labor deste programa para fomentar a actividade deportiva entre os máis cativos, e ao tempo servir de incentivo económico e de canteira para os clubs da cidade. Cada ano súmanse máis entidades a organizar Escolas Deportivas, tanto na zona urbana como no rural, polo que o Concello agradece esta exitosa participación e o involucrado que están os clubs para que as escolas deportivas municipais sexan un éxito todos os anos.

O Departamento fará balance do resultado desta nova edición, e estudará a posibilidade de incorporar novidades de cara ao vindeiro ano.

O Concello recibe Pasarón e céntrase na creación do novo Local social do Burgo

O Concello recibe Pasarón e céntrase na creación do novo Local social do Burgo - DEPORTE PONTEVEDRA
    • O arquitecto Galo Zayas xa traballa no proxecto do centro

O Concello asinou nestes días a acta de recepción do campo de Pasarón unha que vez os departamentos técnicos e xurídicos do Concello e da Deputación completaron toda a documentación que estaba pendente para rematar o expediente. Dende estes días “a Deputación queda desvencellada de Pasarón”, segundo explicou esta mañá o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez.

Esta acta de recepción era importante para o Concello para clarificar a situación das instalacións de Protección Civil e poder contratar algunha pequena obra que hai que facer neste ano como reencher algún extintor.

Demetrio Gómez destacou a necesidade de regularizar a legalidade do campo para poder acometer as obras do Centro Social do Burgo (situado entre as gradas de Tribuna e Sur) de 274,14 metros cadrados. Será necesario construír un acceso exclusivo para o Local dende a rúa ou incorporar as necesidades dos veciños como almacéns, oficina, cociña… Toda esta situación obriga a que o Concello dispoña da titularidade do campo para poder contratar a obra do Local social, no que xa traballa o arquitecto Galo Zayas, tamén redactor do proxecto de reforma de Pasarón.

[pdf-embedder url=”https://deportes.pontevedra.gal/web2020/wp-content/uploads/2017/05/Acta-recepción-obras-Pasaron.pdf” title=”Acta recepción obras Pasaron”]

Aprobadas por maioría as subvencións aos clubs deportivos da cidade

Aprobadas por maioría as subvencións aos clubs deportivos da cidade - DEPORTE PONTEVEDRA

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá a Comisión avaliadora de subvencións do Servizo de Deportes que reparte máis de 340.000 euros entre os clubs da cidade. A Comisión, integrada por todos os grupos municipais, respaldou por maioría estas axudas, agás Marea Pontevedra que se abstivo.

Na Comisión, aprobouse o reparto das subvencións para o desenvolvemento de actividades de iniciación deportiva durante a tempada 2016/2017 (as denominadas Escolas Deportivas) por unha contía global de 140.608,68 euros. Estas axudas repártense do seguinte modo:
Escolas deportivas municipais que se desenvolven nos centros escolares das parroquias rurais: 16.980 euros

  • Escolas deportivas municipais para grupos especiais: 7.811,01 euros
  • Escolas deportivas municipais orientadas á poboación en idade escolar: 115.817,67 euros.

O propósito destas axudas é fomentar as actividades de iniciación deportiva que promovan as actividades privadas sen ánimo de lucro, atendendo aos obxectivos de solidariedade, mellora da calidade de vida, promoción e desenvolvemento da cultura física e para facilitar a práctica deportiva da poboación en xeral, e das nenas e nenos, en particular.

A outra liña de subvencións aprobadas esta mañá foron para as asociacións deportivas do Concello para fomentar a práctica deportiva e a participación en competicións oficiais. A denominada como subvencións anuais. Trátase dunha contía xeral de 300.000 euros.

Logo desta aprobación, publicarase a resolución e notificarase aos clubs que terán un prazo de dez días para presentar as alegacións que consideren pertinentes. Posteriormente, será aprobada pola Xunta de Goberno e pasará aos servizos de Intervención e Tesourería para que formalicen o pago aos clubs. Se toda a tramitación non ten atrancos, poderá estar cumprimentada cara finais do mes de xuño.

Como xa se anunciou, a Concellaría xa traballa na resolución da última liña de subvencións de deportes para os clubs da cidade, que se darán a coñecer en breve.

Ao mesmo tempo, Deportes estuda a revisión das bases das axudas municipais ao clubs da cidade para tratar de simplificar e axilizar a tramitación, de tal xeito que resulte máis sinxelo a solicitude para os clubs e tamén a resolución para o equipo técnico da Concellaría, tratando de manter a obxectividade na resolución das convocatorias pero tendo en conta a súa complexidade xa que se está a falar de deportes moi diferentes entre eles.

Comeza a reforma do campo de herba sintética da Xunqueira

Comeza a reforma do campo de herba sintética da Xunqueira - DEPORTE PONTEVEDRA
    • As obras que teñen un orzamento de 272.000 euros, arrancan mañá coa retirada do céspede actual. Terá un prazo de execución duns dous meses.
    • A Concellaría de Deportes negociou coa empresa para iniciar as obras o máis tarde posíbel no calendario deportivo, e a compañía non puido agardar máis aló de maio.
    • O Concello ten contactado cos equipos que empregan esta instalación que serán resituados noutras dependencias deportivas do concello.

O Concello de Pontevedra inicia mañá os primeiros traballos para a renovación do campo de herba sintética da Xunqueira. Un proxecto que ten un custe de 272.243,14 euros adxudicado á empresa Mecano Sport, que estivo agardando até o mes de maio para iniciar os traballos. O contrato foi adxudicado a finais de outubro do ano pasado, pero a Concellaría de Deportes negociou coa empresa para que os traballos comezasen nesta primavera e intentar non interferir no xogo dos equipos que a diario empregan estas instalacións municipais, especialmente, para que non afectase ás competicións oficiais. Sen poder agardar máis por compromisos da empresa, a Concellaría de Deportes arranca mañá a obra logo de manter contactos cos equipos que teñen competición oficial nestas instalacións. A reforma ten un prazo de execución duns dous meses.

Os traballos que se farán son:

    • Retirada a capa de céspede artificial comprobarase o estado da superficie e procederase á regularización e posterior compactación para reparar as zonas danadas e eliminar posibles irregularidades nas pendentes.
    • Construirase unha beirarrúa perimetral ao campo de fútbol.
    • Executarase unha nova quenlla de formigón polímero dotada de reixa superior e instalaranse novas arquetas areeiros de formigón polímero con reixa desmontable e cesta filtro co fin de mellorar a drenaxe do campo e os labores de mantemento.
    • Instalarase unha base elástica prefabricada de tres capas.
    • Instalación de céspede artificial de última xeración testado en laboratorio consonte as criterios FIFA Quilite. Incluirase nesta actuación a marcaxe do campo de fútbol 11 e de dous campos de fútbol 7 cumprindo coa regulamentación R.F.E.F.
    • O campo será obxecto de homologación, con cargo ao contratista, pola FI co nivel FI FA Quality.
    • Instalarase unha nova varanda perimetral.
    • Substituiranse as porterías de fútbol 11 e colocaranse catro novos bandeiriñas de córner.

As melloras que ofertou a empresa para esta obra son:

    • Incremento o prazo de garantía a 9 anos (na licitación era de 1 ano)
    • Mantemento anual do sistema do céspede é por 12 anos (a licitación era dun ano)
    • Mellora o grosor e o peso da fibra
    • Subministra un xogo de banquillo
    • Dous xogos de portería fútbol 7
    • Dous canóns de rego
    • Iluminación da bancada.

O campo municipal de herba sintética A Xunqueira foi primeiro de herba sintética que houbo na cidade e a día de hoxe ten practicamente esgotada a súa vida útil. É do ano 1999 e foi obxecto dunha primeira renovación no 2005. Precisa dunha nova substitución da superficie de xogo por outra de nova xeración co fin de contar con boas prestacións deportivas, con garantías de calidade e sobre todo de seguridade para os deportistas.

A reforma do campo da Xunqueira está incluído dentro da política de creación, mellora e reforma de moitas das instalacións deportivas municipais que priorizou o Goberno local neste mandato. Neste momento están en proceso de contratación o campo de herba sintética de Cerponzóns, que xa está a recibir ofertas por parte das empresas, e o de Gatomorto, en Santa María de Xeve. Trabállase en conseguir terreos para o campo de Salcedo e en carteira está a reforma do de Ponte Sampaio.

A reforma das piscinas de Campolongo, do Pavillón Multiusos da Xunqueira, a futura reforma do Pavillón Municipal e as diversas obras de distinta entidade que se están a realizar noutras instalacións urbanas e rurais completan as mencionadas melloras e reformas da Concellaría de Deportes no inventario de instalacións municipais.

Campionato de España Absoluto Open de Natación, cheas as gradas e cheos os hoteis

Campionato de España Absoluto Open de Natación, cheas as gradas e cheos os hoteis - DEPORTE PONTEVEDRA
  • Mireia Belmonte suma cinco medallas de ouro e cinco pases ao Campionato do Mundo de Natación de Budapest
  • As nadadoras e nadadores locais están a dar o mellor de si e Águeda Cons acadou amarca que a levará ao Campionato de Europa Junior de Herzliya (Israel)
  • O Open de Natación e a Media Maratón de Piragüismo amosan o papel de revulsivo económico dos eventos deportivos

Cinco medallas de ouro, a mellor marca mundial do ano e cinco pases ao Campionato do Mundo de Natación de Budapest. Mireia Belmonte é a estrela indiscutible do XVIII Campionato de España Absoluto Open de Natación de Primavera que se está a desenvolver no Complexo Deportivo Rías do Sur e que hoxe martes vivirá a súa última xornada. Pero tamén as nadadoras e nadadores locais están dando o mellor de si como Águeda Cons do Club Natación Galaico que onte acadou a marca que lle abre a porta ao Campionato de Europa Junior de Herzliya (Israel).

O Campionato de Natación está a pór o foco, unha vez máis, sobre Pontevedra que amosa de novo a súa capacidade e competencia para organizar e acoller eventos deportivos de elite que ademais os pontevedreses e pontevedresas arroupan con entusiasmo. Só hai que ver as gradas do complexo deportivo de Pontemuiño cheas de xente de todas as idades que goza da competición.

A aposta polo deporte en xeral e polas competicións de alto nivel e elite supón un revulsivo económico para a cidade. A implicación do Concello neste eido é fundamental. E como mostra o propio alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores achegouse nestes días até Pontemuiños e participou na entrega de distintas medallas, a Mireia Belmonte entre outros.

A repercusión económica dos eventos deportivos é evidente en sectores como o hoteleiro. O Campionato de España Absoluto Open de Natación -no que participan 108 clubs e 349 deportistas- unido ao Open Cidade de Pontevedra Media Maratón de Piragüismo – cunha participación de 675 palistas de 60 clubs- explica a inusual ocupación dos establecementos de Pontevedra a a súa contorna, que roza o 100% nalgúns casos, xusto antes do comezo das vacacións de Semana Santa. O propio sector hoteleiro e hostaleiro en xeral e tamén o comercio local aplauden a aposta polos eventos deportivos e congresuais que fai o Concello polo que ten de desestacionalización da actividade turística e revulsivo económico.

Aberta a área de autocaravanas e campers nos terreos de Tafisa

Aberta a área de autocaravanas e campers nos terreos de Tafisa - DEPORTE PONTEVEDRA
    • Os vehículos poden acceder a ela dende hoxe mesmo e o estacionamento de turismos permanecerá pechado até despois da Semana Santa.
    • Está prevista a visita dunhas 100 autocaravanas na quedada organizada en Pontevedra para o vindeiro sábado, 15 de abril. A partir desa data abrirase o estacionamento de balde para turismos.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Turismo, Anabel Gulías visitaron esta mañá a área de autocaravanas que o Concello acaba de habilitar nos terreos de Tafisa. Trátase dunha superficie perfectamente iluminada e sinalizada con capacidade para 20 autocaravanas e dúas plataformas para coller e eliminar augas. Segundo os usuarios, é a única destas características que existe en Galicia: pola súa capacidade, instalacións e proximidade do centro urbano.

Lores recoñeceu esta mañá que “estar era unha débeda que tiña o Concello con este tipo de turismo”, unha fórmula de visita que “nos interesa porque é un turismo de capacidade económica media-alta”. Resaltou que esta área tamén “pode ser un punto de estancia, e dende aquí pódense achegar a todas as Rías Baixas”.

O alcalde agradeceu a colaboración que o Concello recibiu dos representantes da Asociación galega de autocaravanas e da Asociación galega de cámpers, á hora de deseñar e dotar a esta nova instalación turística.

O sábado 15 de abril está prevista unha concentración de autocaravanas e cámpers de toda España (achegaranse a Pontevedra arredor de 100) coincidindo coa Asemblea Nacional de Federacións de Asociacións de Autocaravanas que se celebrará en Pontevedra. Serán catro días de xuntanza na que farán visitas á cidade, aos arredores e outras actividades de lecer.

O alcalde anunciou que a área de autocaravanas xa está aberta dende hoxe mesmo, pero a área de estacionamento para turismo non se abrirá para uso público até despois da Semana Santa, xa que así servirá de apoio ás autocaravanas que visitarán a cidade a vindeira semana.

Manuel Fernández Arruti, presidente da Asociación de autocaravanas de Galicia destacou “as magníficas instalacións” nas que se autorizará aos vehículos permanecer durante 72 horas. Este prazo estará controlado pola Policía Local a través do Ollomóbil.

Un gran centro deportivo de referencia na Parda

Un gran centro deportivo de referencia na Parda - DEPORTE PONTEVEDRA

O Concello de Pontevedra avanza na creación dun gran centro deportivo na Parda coa creación dunha estrutura de dous módulos arrodeada de zonas verdes e de espazos de estacionamento. A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, acompañado dos responsables do departamento de arquitectura do Concello, do xefe do servizo de Deportes e dos arquitectos que elaboraron o antreproxecto de reordenación da parcela, presentaron onte as liñas cara onde hai de crecer este proxecto.

Anxos Riveiro lembrou que a prioridade do Goberno Local é completar a rede básica de equipamentos deportivos do Concello,  especialmente necesaria nestes tempos por ser Pontevedra centro do deporte galego, tanto polo número de infraestruturas como pola organización de grandes eventos.

A mellora desta rede de infraestruturas deportivas é unha prioridade incluída dentro do plan de investimentos 2020, nos que figuran o Complexo deportivo de A Parda ou a construcción de novos campos de herba sintética como o de Cerponzóns  ou Gatomorto que están ambos en contratación; a necesaria remodelación do Multiusos e das Piscinas de Campolongo ou, finalmente, a tan agardada reforma do Pavillón Municipal.

Despois de moitos avatares, o Concello segue apostando pola parcela da Parda como espazo deportivo polas súas potencialidades: a boa situación xeográfica, cerca das estacións de bus, de tren; será elemento dinamizador do barrio -un dos de maior crecemento do concello-, e cubre a necesidade da rede básica de instalacións deportivas na zona oeste-leste do concello.

Para iso elabórase un programa de necesidades deportivas que determina as características mínimas que deberá reunir este novo complexo e propón a creación dunha instalación deportiva con dous módulos principais.

  • Un pavillón polideportivo con todas as instalacións necesarias para o desenvolvemento da práctica deportiva. Terá carácter modular, con pista polivalente que destaca polas súas dimensións de xogo que permita practicar até tres unidades deportivas simultaneamente e que teña unha capacidade de 1.500-2.000 espectadores. Disporá de espazos comúns de tránsito e distintas salas polivalentes, ademais de oficinas e zonas sanitarias.
  • Un anexo para disciplinas de ximnasia que pode transformarse en Centro de Tecnificación, cunha superficie mínima de 1.400 metros cadrados. Con servizos exclusivos para esta práctica deportiva.

En base a estas necesidades encárgase un anteproxecto de adecuación da parcela para construír o Complexo deportivo ao estudo pontevedrés Rodríguez+Pintos arquitectos (Santiago Pintos Pena e Jaime Rodríguez Abilleira).

O estudo revela que a parcela ten unha superficie de 34.650 metros cadrados. Propón a creación dunhas 220 prazas de estacionamento, cunha superficie de estacionamento de 5.500 metros cadrados nos extremos norte e sur da parcela. Os dous módulos deportivos ocuparán unha superficie máxima de 8.100 metros cadrados, xa que ocupación estimada de ambos módulos será duns 6.750 metros cadrados.

Nestes momentos, unha vez recibido o documento, o Concello xa puxo en marcha a tramitación para elaborar o proxecto de urbanización da parcela que terá varias zonas verdes, reserva para os espazos deportivos e tamén para estacionamento que pode ser combinable con pistas para deportes de masas (fútbol, baloncesto…).

En canto á construción dos módulos deportivos, o Concello iniciará un concurso restrinxido de proxectos no que todos os interesados poderán presentar as propostas que consideren. Logo un comité de expertos escollerá dez coa mellor solvencia técnica e de equipos que se teñan enfrontado á construcción de instalacións similares.

O Goberno Local ten o compromiso do presidente da Xunta para colaborar na construcción deste complexo deportivo. Hoxe o alcalde entrevístase coa nova directora xeral de Deportes da Xunta para abordar distintos asuntos de índole deportiva na cidade, e especialmente, esta colaboración.

Obras no Pavillón de Marcón para adaptalo á categoría Nacional

pavillón marcón pontevedra
    • O campo de herba sintética da Xunqueira II recibe o módulo prefabricado do paseo de Marín para transformalo en almacén dos equipos que adestran nesta instalación.
    • No Pavillón de Salcedo substitúense as portas dos vestiarios e dos almacéns.

A Concellaría de Deportes realiza nestas semanas pequenas obras de mantemento e mellora en pavillóns e outras instalacións deportivas municipais que mellorarán a súa utilización polos usuarios. En concreto, está a realizar reformas nos pavillóns de Marcón, Salcedo e no Campo de herba sintética da Xunqueira II.

No pavillón de Marcón continúase coas obras de reforma que comezaron o pasado ano cando se correxiron problemas de filtracións da cuberta e se melloraron distintos espazos no interior danados por aquelas filtracións. Nesta ocasión, as obras pretenden adaptar o pavillón á categoría nacional, o que supón a separación de vestiarios, a adaptación dos vestiarios de árbitros e a separación da pista e da grada.

Ademais, tamén se arranxará unha pequena filtración na zona da entrada que chega á instalación a través da terraza.

No pavillón de Salcedo estanse cambiando as portas dos vestiarios e dos almacéns. Neste momento son de madeira e substituiranse por metálicas, unha vez que xa están rematados os traballos de dotación de auga sanitaria á instalación deportiva.

No Campo de fútbol de herba sintética da Xunqueira II, o Concello está a instalar o módulo prefabricado retirado do paseo de Marín para que sirva de almacéns dos clubs. Este módulo concibiuse como quiosco, pero o Concello non tivo ofertas para este módulo logo de abrir o proceso de adxudicación. Ante esta situación, o Servizo de Deportes acordou trasladalo ao complexo deportivo da Xunqueira para darlles uso.

As obras consisten en dividir interiormente este módulo para darlle un mellor servizo aos clubs que adestran neste campo.