Os hábitos deportivos de Pontevedra
O estudo sobre os hábitos deportivos da cidadanía de Pontevedra realizado para o Concello polo Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar conclúe que a mobilidade activa pola que aposta a cidade é unha das grandes bazas en relación á actividade física. O modelo urbano implica que case o 70% da poboación camiñe máis de 10 minutos diarios. Na investigación participaron 385 persoas a mediados de 2024.
Para realizar esta investigación, adaptáronse á realidade pontevedresa dúas ferramentas de recollida de datos empregadas a nivel estatal a efecto de ter elementos comparativos: a Enquisa de hábitos deportivos e a Enquisa Europea da Saúde (3). En España, a primeira levouse a cabo nos anos 2015, 2020 e 2022; e a segunda foi aplicada nos anos 2009, 2014 e 2020. En ambos casos tivéronse en conta as versións máis recentes.
No despregabre inferior podes ler algunhas conclusións relevantes do estud0.
Ao preguntaren sobre a mobilidade activa (camiñar e bici), a equipa de investigación quixo saber quen camiña ou anda en bici para desprazarse durante máis de 10 minutos seguidos.
Todos os días realizan esa práctica un 67,8 da poboación pontevedresa por un 36,8 da media galega ou un 47,5 da española. Só 5 de cada 100 persoas de Pontevedra non camiñan ese período de tempo, mentres en Galicia 17 persoas se consideran sedentarias e en España 12.
A elevada proporción de desprazamentos a pé relaciónase co modelo urbano implementado no municipio, que converteu o feito de camiñar nunha solución eficiente aos desafíos de mobilidade.
En canto á práctica deportiva, o 60% da poboación pontevedresa practica deporte regularmente (alomenos unha vez por semana), fronte a unha media galega inferior ao 50%. Este dato sitúa Pontevedra por riba de todas as comunidades autónomas en niveis de poboación activa, superando lugares de referencia no ámbito deportivo como o País Vasco, Madrid, Navarra ou Cataluña.
Se comparamos con datos do Eurobarómetro, Pontevedra sitúase a niveis de países con alta participación en actividade física, como Finlandia (70%), Luxemburgo (63%), Países Baixos (60%), Dinamarca ou Suecia (59%), o que reflicte un alto compromiso coa actividade física na cidadanía local.
A pesar dos bos indicadores, preto do 34% da poboación non practica deporte. Esta situación ten implicacións relevantes para a calidade de vida e a saúde pública, ao asociarse cun maior risco de enfermidades crónicas e un incremento do risco sanitario.
A inactividade deportiva é especialmente preocupante entre as persoas maiores de 65 anos, cun 55% de pasibidade, cifra que ascende ao 80% entre as maiores de 75 anos. Ademais, máis do 60% das persoas xubiladas do municipio indican non practicar deporte de forma regular.
A participación das mulleres en actividades deportivas continúa sendo un reto. Aínda que persiste a tendencia estatal de maior participación masculina, en Pontevedra destaca positivamente o elevado número de mulleres abonadas a ximnasios, dobrando a media estatal e superando en case 20 puntos a porcentaxe española.
Isto reflicte unha evolución favorable en termos de equidade de xénero na práctica deportiva, aínda que se require un esforzo adicional nas políticas municipais para reducir a fenda de xénero.
A falta de instalacións deportivas non se percibe como unha barreira significativa para a práctica de actividade física en Pontevedra, sendo un dos motivos menos sinalados pola poboación inactiva. De feito, a porcentaxe de persoas abonadas a ximnasios case duplica a media galega, destacando o Centro Deportivo Municipal de Campolongo, con preto de 4.000 abonados.
Así mesmo, obsérvase unha maior vinculación ao deporte en comparación coas medias galega e estatal, o que evidencia o impacto positivo das políticas municipais en materia de deporte e saúde.
A saúde é a principal motivación para a práctica de actividade física en Pontevedra, presente no 40% da poboación, o que supón o dobre da media estatal e galega. Este dato pon de manifesto unha elevada conciencia social sobre os beneficios do exercicio físico para o benestar individual e colectivo.
Con todo, é paradoxal que a saúde tamén se identifique como unha barreira, especialmente entre a poboación maior. Esta percepción require unha reflexión profunda sobre as políticas municipais, co obxectivo de fomentar a idea de que a actividade física é parte da solución, mesmo en situacións de saúde delicada.
A evidencia científica avala a prescrición de exercicio físico adaptado como unha ferramenta eficaz para mellorar a calidade de vida e afrontar o envellecemento en condicións óptimas.
Implatar a receita deportiva no ámbito sanitario é o principal consello que ofrece o estudio ás autoridades para mellorar a saúde pública en xeral e a das persoas maiores en particular. Esta implementación da recenta deportiva debera considerarse un dos obxectivos fundamentais do municipio, integrando a actividade física como parte da estratexia de saúde pública.
Isto permitirá fomentar hábitos saudables en todas as etapas da vida, reducir as taxas de inactividade e mellorar a calidade de vida.
Tamén se recomenda potenciar a participación feminina na actividade física e o deporte, xa que a pesar dos avances observados na cidade tal como demostran os datos recollidos, persisten desigualdades de xénero aínda significativas. Resulta moi recomendable manter e reforzar programas que favorezan a participación das mulleres, especialmente en determinados grupos de idade
Algo máis
Mellorar a calidade de vida
Sabemos do efecto positivo tan necesario que ten o exercicio físico na saúde mental e na mellora das relacións sociais, contribuíndo a loitar contra a soidade non desexada.
Vivimos o efecto de cohesión social e sentimento de pertenza que o deporte provoca, xerando comunidades máis unidas e máis saudables.
O Clúster da Industria do deporte e o benestar de Galicia, autor deste informe a través do Observatorio Galego do Deporte é un organismo que agrupa ás entidades relacionadas coa cadea de valor do deporte, co obxectivo de situar á industria deportiva galega nunha posición de liderado competitivo, e de mellorar a calidade de vida da poboación galega, posicionándose como unha ferramenta que defenda os intereses do sector e que impulse o crecemento sostible, innovador e internacional.