MÁIS DEPORTE

Dous millóns de galegxs activxs en 2030

O Concello de Pontevedra participa neste reto para loitar contra o sedentarismo da poboación

O “Plan 2 Millóns” en Galicia é unha iniciativa do Clúster Industria e Deporte Galego para aumentar a 2 millóns o número de persoas residentes en Galicia que practican deporte regularmente, sacando a unhas 700.000 persoas do sedentarismo antes de 2030. O Concello de Pontevedra forma parte activa deste plan 2M.

Búscase así mellorar a saúde e a calidade de vida, e fomentando o desenvolvemento do sector deportivo. Baséase na colaboración público-privada, implicando a federacións, universidades e o propio sector, para promover a actividade física como motor de desenvolvemento e prevención de enfermidades, cun enfoque na participación cidadá e o benestar xeral.

Segundo o estudo de hábitos deportivos da capital pontevedresa, as persoas que nunca fan deporte son 34 de cada cen, un dato inferior ao galego (a metade non fai deporte) e ao español, onde son 43 as persoas inactivas de cada cen.

Neste sentido, Pontevedra prantexa o “reto do 40”, que trata de baixar esa porcentaxe de persoas que teñen pouco hábito de actividade física semanal. O 59,3% das persoas de Pontevedra teñen dedican algún tempo semanalmente á actividade física.

O plan ten como obxectivos principais incrementar o número de participantes nas actividades deportivas, ao pasar de 1,3 millóns a 2 millóns de persoas activas en Galicia; reducir o sedentarismo provocando que unhas 700.000 persoas deixen de ser consideradas inactivas físicamente. En definitiva, trátase de mellorar a saúde física e mental, utilizando o deporte como ferramenta de prevención e benestar. 

Para logralo, tratan de establecer unha estratexia baseada na colaboración entre as industrias agrupadas no clúster do deporte, a Xunta —a través de iniciativas como o Plan Corresponsables e patrocinios—, universidades e entidades deportivas, así como concellos como o de Pontevedra, vencellado a esta iniciativa.

Buscan tamén fomentar a participación a través de actividades deportivas organizadas coas federacións e universidades, ademáis de apoiar ao sector con plans de patrocinio para equipos de alta competición e promoción do deporte feminino. A conciliación é así mesmo unha bandeira do Plan 2M, con programas como o Plan Corresponsables, que facilitan a participación familiar. 

Galicia é unha das comunidades con menor porcentaxe de poboación activa —non así a cidade de Pontevedra, que presenta índices bastantes superiores—, polo que este plan busca alcanzar estándares nórdicos de saúde e calidade de vida. A iniciativa busca a implicación de toda a sociedade galega para converter o exercicio físico nunha rutina.