MÁIS DEPORTE

Pontillón do Castro ofrece natureza, deporte e vida activa

Unha alternativa de actividade física para todas e todos agora que asoma a primavera

A chegada do bo tempo estimula a percorrer escenarios non habituais, máis aló do ámbito urbano. Ademáis do programa mensual de Ponteandadas existen outros recursos que che ofrece Pontevedra, como o Metrosán ou os espazos forestais que arrodean a cidade.

Combinando estas dúas fórmulas achegámonos ao Pontillón do Castro, un dos tres parques forestais da capital, para o que Metrosán ofrece varias posibilidades con distancias que poden chegar aos 8,2 km. É o caso da que combina o percorrido circular do encoro (3,4 km) coa subida á escultura do monumento ao canteiro (1,6 km) e unha ruta polo monte de 3,2 km, ata o Rapadiño. Os tres circuitos poden percorrerse camiñando, correndo ou en bici.

Ademáis de Metrosán, a web municipal ‘Espírito Montuno’ oferece información de gran interés para gozar do espazo libre forestal. Neste caso suxiren unha espléndida rota de 8,4 km ata os petróglifos do Toural, percorrendo os montes do Gabián e o Bordel, que combina pistas en bo estado con treitos de antigas corredoiras de pedra. Suxerentes espazos con vistas sobre a contorna, puntos de auga e outros recursos existentes, poden atoparse ao longo do percorrido.

Pontillón do Castro ofrece natureza, deporte e vida activa - DEPORTE PONTEVEDRA

Info Metrosán

Info Espírito Montuno

Info Ponteandadas