Algunha xente irá moi polo aire este sábado na Ferraría, cando a partir das 19:30 comece o evento “Saltar na Rúa”, unha das clásicas exhibicións do verán pontevedrés da man da Sociedade Ximnástica e que foi presentada polo vicepresidente da entidade, Santiago Ferrer, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores diante da Peregrina.
As catro mulleres e catro homes de salto de lonxitude abrirán a proba. Foron precisamente dous dos seus participantes, Andrea Villaverde e Sergio Coello os que participaron tamén na presentación da Peregrina. Sobre as 8 da tarde dará comezo a exhibición de triple salto e media hora máis tarde serán as saltadoras e saltadores de pértiga quen pechará o espectacular evento que trae ao centro da cidade ás persoas da Boa Vila que son capaces de estar máis tempo seguido sen pisar o chan.
Lores puxo en valor o encomiable labor da Sociedade Ximnástica, que conta con máis de 400 atletas, a metade nas categorías base. Tamén dixo que é un orgullo para Pontevedra contar con entidades coma esta, a piques de cumprir os cen anos e cun traballo tan activo e cheo de éxitos.
“Gústanos —dixo o alcalde— que probas coma esta saian á rúa, porque se convirten en exemplo para moitas nenas e nenos que poden ver estimulada a súa vocación deportiva”.
Están confirmados, entre outras e outros atletas, para a exhibición de lonxitude Lucía Sánchez (6,25 m) e Sergio Coello (7,85 m), para a de triplo salto, Ana Rita Silva (13,12 m) e Tiago Pereira (16,05 m) e para a pértega: Manuela Blanco (4 m) e Miguel Carbajales (4,90 m).
Precisamente coas marcas absolutas de salto de lonxitude quedou colocada diante da Peregrina unha fita de 9 metros cos nomes de Mike Powell, que saltou 8,95 m en 1991, e Galina Christiakova, que ten o récord do mundo en 7,52 desde 1988. A fita será despegada do chan o propio sábado, ao remate da exhibición.