A maior parte das persoas que practican deporte en Pontevedra optan por máis de unha modalidade deportiva, xa que o 56% das persoas consultadas pola enquisa de hábitos deportivos son monotemáticas, pero o nivel de fidelidade a un só deporte en Pontevedra (43,9%) é máis alto que en Galicia (27,2%) e España (26,8%).
Entre os deportes que se practican máis na capital do Lérez están as actividades de ximnasio (12,3%), ciclismo (10,1%), fútbol 11 e 7 (7,6%), pilates (7,4%) e carreira (7,4%. Do top 5 para abaixo atópanse a natación no sexto lugar (6,3%), pádel como sétima modalidade (5,7%) e sendeirismo no oitavo posto (4,4%).
Contrastando cos datos do que ocorre en Galicia, o top 5 do país está composto por ciclismo, sendeirismo, ximnasia suave, ximnasia intensa e natación, un panorama moi semellante ao do conxunto do estado español, aínda que en Galicia prima o sendeirismo sobre todo o demáis… algo terá que ver a nosa paisaxe.
En canto ás franxas de idade, as persoas máis mozas (ata os 24 anos) sinalan en maior medida practicar un só deporte en Pontevedra, aínda que non chegan á metade da mostra, e no grupo de 25 a 34 anos, o 51,2% das persoas fan un só deporte. Sen embargo, nestas franxas de idade a nivel estatal é onde resulta máis habitual que se participe en máis dunha modalidade. Entre os 35 e os 74 anos a situación invértese, xa que en Pontevedra vai medrando a cantidade de persoas que practican máis dunha modalidade deportiva e en España vai minorando, pero sempre son maiores as cifras estatais. No caso das persoas 75 e máis anos, en Pontevedra o 80% practica só unha modalidade, mentres que esta cifra en España baixa ao 61,1%.
A Enquisa de Hábitos deportivos foi realizada en Pontevedra para analisar a relación da súa poboación co deporte. Participaron case 400 persoas, cunha lixeira maioría de mulleres. O interés polo deporte en xeral no municipio pontevedrés acadou un 7,4% superando ao que se rexistra en España (6,4%) e en Galicia (5,9%). En canto á práctica deportiva habitual tamén gaña Pontevedra cun 6,5% da poboación contra un 5,7 en España e un 5,3 en Galicia.