MÁIS DEPORTE

Natación artística, tríatlon e péntatlon, tríada internacional de Pontevedra para 2026

Maio, xullo e setembro seremos centro das miradas internacionais en tres deportes espectaculares

As tres competicións internacionais que este ano recalan en Pontevedra quentan motores. Se a finais de maio ven o mundial de natación artística, en pleno xullo un europeo sub 17 de péntatlon moderno e xa cara a finais de setembro a Gran Final de Tríatlon, que chega a Pontevedra despois de pasar por Emiratos, Uzbekistán, Xapón, Cerdeña, Bretaña, Hamburgo, Londres, China e Chequia.

Por primeira vez a sección ciclista do tríatlon arrodeará o centro histórico por Arcebispo Malvar, Michelena e Cobián Roffignac, pasando diante de tres dos principais elementos patrimoniais da cidade: a Basílica, o Concello e a Peregrina, ademáis do edificio Castelao do Museo.

En canto á natación artística será un espectáculo visual de primeira magnitude que achegará aos competidores á piscina da Fundación Rías do Sur en Ponte Muíños. Alí se concentrará o interés mundial deste deporte que promete apostas plásticas cheas de suxestivas imaxes.

O torneo abrirá coa primeira etapa en Medellín (Colombia), entre o 13 e 15 de febreiro, seguida de París, Xi’an (China) e Pontevedra; e pechará en Toronto (Canadá) coa última etapa do torneo, que levará a cabo entre o 19 e o 21 de xuño. A deste ano non será a única proba da Copa do Mundo que se disputará en Pontevedra xa que o Concello ten acordado coa Federación Española de Natación un calendario que inclúe a proba de 2027 e a superfinal de 2028.

Esgrima, natación, carreira de obstáculos, tiro con pistola e Carreira, estas dúas últimas combinadas na modalidade laser run, conforman o mundial sub 17 de Pentatlon moderno, unha espectacular competición que terá lugar na contorna Centro Galego de Tecnificación Deportiva entre o 12 e o 17 de xullo.