Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo, deslizou unha frase que resume coma ningunha o principal propósito da Cátedra Ponteactiva: “Que a actividade física sexa algo coma comer”. Participaba xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o director do novo grupo de traballo, José María Cancela Carral na presentación da nova entidade científica, “un feito histórico” en palabras de Lores.
“O deporte é unha ferramenta fundamental para mellorar a saúde física e a calidade de vida de todas as persoas, especialmente das máis sedentarias e as máis maiores, non só das deportistas”, dixo Cancela, que calificou Ponteactiva coma un marco de traballo para conseguir servizos útiles que cheguen ao conxunto da poboación”.
A reitora celebrou este “instrumento potentísimo” para xerar coñecemento e trasladalo ao conxunto da sociedade e valorou moi positivamente que o Concello “non se limitase a financiar, senón que sexa parte fundamental do binomio, porque nos xuntamos para mellorar”.
Foi o alcalde quen máis directamente relacionou os contidos da cátedra co modelo de cidade tan camiñable coma Pontevedra. A nova plataforma de traballo “ten que ver co que se ten feito en Pontevedra para facer unha vida máis saudable”. Servirá para incorporar todo o sber científico e transferilo á calidade de vida”.
Unha das consecuencias do traballo que realizará a Cátedra materialízase na receita de actividade física, para o que xa se iniciaron os contactos co Sergas para poñela en marcha.
A Cátedra Ponteactiva concíbese como unha alianza estratéxica entre o Concello e a Universidade para conectar a xestión pública do deporte coa investigación científica, a docencia e a transferencia de coñecemento no territorio.
Esta colaboración busca superar o modelo deportivo tradicional —centrado unicamente en clubs, competicións ou instalacións— para empregar a actividade física e o exercicio como ferramentas chave na mellora da saúde comunitaria e a calidade de vida da poboación. Mediante a relación estable entre a universidade e a cidade, preténdese que a evidencia científica oriente accións locais concretas ao tempo que as experiencias desenvolvidas no municipio nutren a propia investigación universitaria.
O obxectivo principal do programa é consolidar a Pontevedra como un referente en innovación urbana, estilos de vida activos e investigación aplicada ao exercicio físico. As accións diríxense de xeito prioritario a persoas sedentarias ou con necesidades específicas de actividade, á promoción do envellecemento activo e á mellora da práctica físico-deportiva na infancia e na adolescencia.
Para conseguir este impacto, a iniciativa combina instrumentos como proxectos piloto, xornadas científicas, traballos académicos e guías divulgativas destinados á formación continua e á sensibilización social.
A folla de ruta organízase en diversos eixes de intervención, comezando polo dedicado a Cidade Activa e Saúde Urbana, centrado nos proxectos de receita deportiva pautada e na análise do espazo público como contorna de saúde, seguido do eixe de formación, profesionalización e transferencia técnica. A estes súmanse o eixe de investigación aplicada e innovación social —que inclúe un laboratorio de innovación e incentivos aos Traballos de Fin de Grao e Máster— e o eixe de comunicación e divulgación transparente sen estigmas. De forma transversal, incorpórase o Eixe 0 de perspectiva de xénero e equidade para evitar que os programas e o deseño urbano reproduzan fendas de xénero ou deixen atrás a colectivos vulnerables.
No ámbito económico e cronolóxico, a Cátedra conta con un investimento total de 120.000 euros achegados polo Concello de Pontevedra a razón de 30.000 euros anuais ao longo de catro anualidades. O calendario de desenvolvemento abrangue desde o arranque e estudo piloto de prescrición en 2026 e a investigación no espazo público en 2027, ata a consolidación do laboratorio de talento mozo en 2028 e a avaliación final de impacto cun Congreso Internacional en 2029.
A dirección académica atópase a cargo do Dr. José María Cancela Carral, no marco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (CIDEGA) do Campus de Pontevedra.