MÁIS DEPORTE

O Lérez volve ser escenario o domingo da mellor natación con tres grandes competicións

Copa de España e Circuitos Galego e Luso-Galaico na paisaxe natural do río principal da cidade

A travesía a nado do Lérez será por cuarto ano consecutivo un dos acontecementos deportivos do verán. Non só é unha competición local desde a praia de Monte Porreiro, senón tamén a 15ª etapa da XI Copa de España de Augas Abertas, unha etapa do XXII Circuito Galego e outra do I Circuito Luso Galaico de Augas Abertas.

A relación entre deporte e natureza está na xénese da promoción de eventos deste tipo en Pontevedra, que ten na auga un dos seus principais argumentos. O escenario do Lérez, en plena paisaxe deportiva da cidade, resulta un escenario natural do máximo engado tanto para as persoas participantes como para as e os espectadores.

A aposta municipal por este tipo de eventos é prioritaria, xa que combinan varios dos elementos principais da visión do Concello: a actividade física, a visibilidade exterior de Pontevedra, a promoción e uso respectuoso da natureza, e por suposto, a práctica deportiva máis competitiva, ao tratarse dun destacado evento do mapa federativo.

A proba estará amadriñada pola campioa de acuatlón neozelandesa Anneke Jenkins. Segundo as enquisas realizadas pola Federación Española de Natación, esta cita sitúase entre as tres mellor valoradas do país, co segundo posto en organización xeral e o terceiro en localización e accesos.

E TAMÉN