A 4ª edición da Travesía a Nado do Lérez, que terá lugar o día 9 de agosto, sumará un novo atractivo, xa que pasa a formar parte do Primeiro Circuíto Luso-Galaico de Augas Abertas como unha das probas máis longas das cinco que compoñen o campionato, con 4.000 m.
A proba pontevedresa formaba parte xa do Circuito Galego de Augas Abertas e é considerada unha “proba 500” da Copa de España de Augas Abertas, unha das máximas categorías desas competicións.
Con esta dimensión internacional, o evento que organizan o Concello e o Club Natación Galaico conquista un novo mérito, consolidándose en tan só 4 anos como unha das grandes competicións neste deporte.
O circuito luso galaico componse de 5 carreiras. Darase a saída o 2 de agosto en Portugal coa proba de Barragem da Queimadela, de 3.500 m, pasará a Galicia o 8 dese mesmo mes na Travesía Vila do Tea (Ponteareas) con 3.600 m, para que ao día seguinte teña lugar a proba pontevedresa no ecuador do circuito. Xa en setembro, o día 13 será o Desafío FEGAN, de 2.500 m na praia de Coroso (Ribeira), para rematar no Douro Bridges Porto&Gaia Open Water, de 4.000 m baixo as pontes que unen Porto e Vilanova de Gaia, coa mesma distancia que a da praia fluvial pontevedresa.