Os espectáculos deportivos que teñen lugar en Pontevedra teñen especial coidado cos ruídos molestos capaces de provocar un excesivo estrés acústico, para non confundir a animación —un ritual deportivo agradable e suxestivo— coa incomodidade que producen aquelas persoas qeu pensan que por facer máis ruido animan mellor.
Os siareiros e siareiras non poderán accionar instrumentos musicais, bucinas, bucinas de aire comprimido —as chamadas vuvuzelas— ou calquera outro dispositivo xerador de ruído excesivo ou non esencial para o ánimo deportivo.
Entre as persoas máis favorecidas por esta medida atópanse quen dispoñen de implantes auditivos, utilizan audífonos, ou son aínda bebés… incluso persoas con autismo ou outro tipo de doenzas que se poden verse agravadas polas condicións acústicas.
Isto é posible en Pontevedra grazas á Ordenanza Municipal de Protección do Medio Ambiente contra a Contaminación Acústica (BOP nº 110, 9 de xuño de 2000, e nº 33, 15 de febreiro de 2001). A organización de calquera proba poderá requirir a retirada ou depósito temporal dos obxectos que provocan o ruido e, no seu caso, denegar o acceso a quen incumpra esta norma.
Son medidas que se toman para preservar o control acústico dos espectáculos, que poden ter música ambiental ou rexistrar a normal animación a equipos ou deportistas, pero sen xerar un ruido excesivo.
Pontevedra sitúase así na avangarda deste tipo de decisións. Tamén nas grandes manifestacións festivas que solen expresarse con bastante ruido, como as cabalgatas, resérvase un segmento do percorrido en silencio para que o momento poida ser gozado por persoas que non soportan ben este tipo de excesos.