O europeo U17 de péntatlon moderno recalará en Pontevedra do 7 ao 12 de xullo de 2026, no que será unha das tres competicións internacionais que terán lugar na cidade este ano. As outras duas son a Copa do Mundo de natación artística, entre o 29 e o 31 de maio, e a Gran Final do mundial de Tríatlon absoluto, do 23 ao 27 de setembro.
A cidade convértese nun punto de referencia internacional nesta disciplina, collendo a testemuña da localidade catalá de Esplugues de Llobregat. O centro neurálxico de toda a competición será o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), un lugar ideal para acoller eventos desta magnitude.
O pentatlón moderno é un deporte olímpico que esixe moitísimo ás persoas que o practican, que neste caso son mozos e mozas menores de 17 anos (categoría U17). A competición combina cinco disciplinas moi diferentes, poñendo a proba a resistencia física e a precisión mental.
Comezan coa esgrima (espada a un toque), seguida da natación (200 metros estilo libre) e unha carreira de obstáculos. A parte máis moderna e visualmente interesante é o final: o laser run. Aquí é onde se fusionan o tiro con pistola láser e a carreira (3.000 metros en total), cos deportistas parando cada 600 metros para completar unha rolda de tiro antes de seguir correndo.
Durante eses seis días de xullo, veremos moita acción no CGTD. As probas divídense en varias modalidades, o que asegura un calendario completo. Teremos a competición individual (masculina e feminina), as probas de substitucións (masculino, feminino e mixto) e tamén a modalidade por equipos (tanto masculinos como femininos). É unha oportunidade para ver á futura elite deste deporte en acción.