A cuadraxésimo cuarta edición da Media Maratón —denominada agora Gran Fondo Pontevedra— desbordou as súas previsións de participación chegando ás 2.300 persoas, das que 1.300 realizarán a media e outras 700 a 10K, quedando o resto para as probas de menores.
Celébrase o domingo 18 de outubro e a súa organización fletou autobuses lanzadeira para as persoas que se despracen do eixo Coruña – Santiago, unha novidade moi ben acollida polas participantes.
Unha carreira, segundo anunciou o seu director deportivo, Víctor Riobóo, que terá 4 puntos de música para que sexa máis divertida tanto para os e as atletas como para as persoas que van gozar do espectáculo. Ao final incluso haberá un pequeno concerto e un picnic na rúa Cruz Vermella para que todo ula a festa grande.
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, presentou hoxe a proba acompañada do vicepresidente da Sociedade Ximnástica, Santiago Ferrer, e os representantes da Xunta, Daniel Benavides e do principal patrocinador, Caixabank, Breixo Agulla, quen fixo patente o seu orgullo de ter a oportunidade de apoiar inciativas locais tan brillantes coma esta.
Gulías agradeceu á Ximnástica o seu traballo por levar adiante unha proba tan emblemática e deseñada con tanto cariño y da que se sinte especialmente orgullosa. Benavides agradeceu tamén as horas de traballo da Ximnástica para dedicar todo este esforzo a esta “familia” deportiva que require tanta atención.
Ferrer animou ao público a participar como espectador no evento, algo que resultará moi doado grazas ao trazado do circuito, moi semellante ao do pasado mundial de tríatlon, aínda que os participantes na Media baixarán desde Peregrina pola rúa Real e non por Cobián Roffignac.
O Gran Fondo Pontevedra – XXXI Medio Maratón Pontevedra CaixaBank e a VII 10K é un evento de atletismo popular organizado polo histórico club Sociedade Ximnástica de Pontevedra —con case 100 anos de traxectoria— en colaboración co Concello. Aínda que formalmente se trata da edición número 31 baixo a denominación de Medio Maratón, a carreira remóntase a 1977 co Campionato Galego de Gran Fondo, acumulando en realidade 44 edicións que a converten en unha das probas de ruta máis lonxevas de Galicia e de España.
O circuíto principal consta de 21.097 metros distribuídos en dúas voltas relativamente chás e rápidas de 10 quilómetros que discorren polo centro urbano, o centro histórico e as marxes do río Lérez. A saída ubícase na zona da Ponte dos Tirantes, mentres que a chegada ofrece a experiencia singular de cruzar a liña de meta na pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Aproveitando este trazado, a organización volve incluír de forma paralela a modalidade de 10K a unha soa volta.
Ademais de promover a práctica deportiva, a saúde e os valores de superación e esforzo, a proba busca proxectar o atractivo cultural e turístico de Pontevedra e poñer en valor o labor do club organizador.
Finalmente, o programa contempla premios en metálico para os gañadores absolutos en categoría masculina e feminina, xunto con trofeos conmemorativos por rangos de idade, os cales se entregarán ás 13:30 horas na praza da Cruz Vermella.
A difusión do evento apóiase no seu sitio web oficial (www.mmpontevedra.com), e as redes sociais das entidades implicadas na organización.