AS HISTORIAS DO DEPORTE

Estevez, tras a final na que se proclamou campión de España en Vigo

O pontevedrés Manuel Estévez foi o primeiro galego en subir ao podio dun Campionato de España de Natación. A II Guerra Mundial impediulle ser olímpico

Estévez, o esquecido herói das augas

Manuel Estévez, na piscina de Palma de Mallorca, durante o Campionato Nacional de Educación e Descanso
Caricatura dos mellores nadadores do momento
Estévez abandona a piscina creada na dársena de Vigo

Manuel Estévez Rodríguez viviu unha época na que ser deportista era unha heroicidade, polo que describir unha traxectoria como a súa alcanza categoría de lenda. En 1940 foi o primeiro nadador galego da historia que subiu ó podio dun Campionato de España, unha fazaña de incalculable valor que non foi produto da casualidade, xa que no primeiro lustro dos anos corenta do século pasado foi considerado como un dos mellores bracistas españois, acumulando medallas e récords nos diferentes campionatos nacionais malia a falta de medios -na nosa comunidade non había piscinas- e de recursos. O momento no que viviu fixo pasar ó esquecemento a un deportista que ten, por dereito, un lugar nos anais.

Un día a un grupo de rapaciños que xogaban nas Corbaceiras dixéronlles que se tirasen á auga, que fosen ata a outra beira e regresasen; cando o último volveu tocar terra firme, ao primeiro dixéronlle que fora seleccionado para tomar parte en competicións locais e galegas para posteriormente poder acudir ao Campionato de España.

Tomábanlle o pelo?

A escena remóntase ó verán de 1939, cando tan só transcorreran unas cantas semanas do final da Guerra Civil e o rapaz que chegou primeiro pensaba que “me estaban tomando o pelo”, confesaba máis de 74 anos despois daquela situación. Ata os últimos días da súa vida, Manuel Estévez mantén fresca na súa abundante memoria moitas das lembranzas dunha mocidade na que o neno que nadaba máis rápido que ninguén no Lérez transformouse nun dos mellores nadadores da historia de Galicia.

Foi nacer a Ponteareas

Naceu, por expreso desexo materno, en Ponteareas, de onde era orixinaria a súa familia porque “a miña nai foi a dar a luz alí, pero levaban tempo vivindo en Pontevedra e aos poucos días volveron para alí”, confesaba alguén que viviu gran parte da súa vida en A Coruña “desde que me casei”-, pero que recoñecía sempre que, “por enriba de calquera sitio, séntome de Pontevedra”.

O deporte e o río Lérez

Nos anos 20 e 30 do século pasado o río Lérez era un dos epicentros da actividade social, deportiva e lúdica da cidade, que miraba moito cara el. Ao mesmo tempo era o gran escenario da actividade deportiva, especialmente a zona das Corvaceiras, onde os partidos de waterpolo, as travesías ou as carreiras de velocidade eran constantes. Tamén era o lugar onde os mozos, e os que non o eran tanto, divertíanse no seu tempo libre, entre eles; un rapaz ó que os deportes non se lle daban mal, pero que nunca se suscitou tomarse en serio o deporte, pero a visita daqueles adestradores cambioulle a vida.

Ao Campionato de España

Estévez anotouse no Marítimo -club que a raíz da súa fusión co Náutico en 1958 transformouse no actual Naval de Pontevedra-, co que comezou a tomar parte nas primeiras competicións, que tiñan un carácter local, provincial ou universitario ata que en 1940 logrou participar no Campionato de España, que a Federación Española concedeu ao Náutico de Vigo.

Un evento de posguerra

O evento non só foi un reto para o pontevedrés, senón tamén para a organización, xa que en 1940 Galicia non contaba con ningunha piscina -a primeira inaugurouse ó ano seguinte en A Coruña, no antigo solar do cárcere, onde agora está o Hotel Hesperia Finisterre-, polo que na dársena do porto ‘aparcelouse’ unha parte do mar e instaláronse as diferentes rúas. O campionato incluíase nos actos de homenaxe á Mariña Española, pero pola falta de instalacións axeitadas non se puideron celebrar os concursos de saltos. Déronse cita miles de persoas que trataban de esquecer as feridas da recente Guerra Civil, así como os mellores nadadores españois que resistiron ao conflito bélico.

A natación galega nos anos 30

A natación galega apenas tiña bagaxe. A federación rexional constituíuse a principios dos anos 30. As poucas referencias históricas eran o mariñeiro ferrolano Abelardo López Montovio, que estivo a piques de ir aos Xogos Olímpicos de Amberes de 1924, nos que o pontevedrés Luis Otero foi prata coa ‘furia española’ de fútbol, pero polas presións recibidas o COE optou por non convocalo. Así como no primeiro lustro dos anos 30, os coruñeses Casteleiro, Miranda, Bremón, ou Campanioni, ou os vigueses Joan Docet e Josep M. Puig (dous cataláns que mostraron aos seus compañeiros as excelencias do estilo crol, descoñecido para eles), Rivas, Concejo, ou Castiñeiras.

Prata en braza de peito

As expectativas da representación galega eran mínimas. Toda a atención estaba centrada noutros deportistas, pero de súpeto xurdiu a figura impoñente dun mozo pontevedrés de 19 anos que se colgou a medalla de prata -dábanse copas- nos 200 metros braza (naquela época chamábase braza de peito), só superado polo que nos seguintes anos sería un dos seus eternos rivais, Garamendi, mentres que a terceira praza foi para Sabaté. Os tres dominaron durante o anos 40, a nivel nacional, as diferentes probas desta especialidade.

Revelación no Berbés

A maioría non saía do seu asombro, como reflicten as crónicas da época, porque Manuel Estévez soamente era coñecido a nivel local e un pouco en Galicia. “Si ese campionato non fose en Vigo, con toda seguridade non puidese participar, pero ao ser tan preto fixéronse probas de selección e tiña máis posibilidades”, recoñecía. Entre os seus recordos sempre había un lugar especial para aquela competición porque, “aínda que a piscina non a homologaron, aquela tarima flotante era todo un invento. Tiveron moito mérito”.

Os trofeos, no “Globo”

A medalla de prata, a primeira na historia da natación galega, fixo que o nome de Manuel Estévez comezase a aparecer nos xornais da época dunha cidade na que xa era coñecido. A veciñanza admiraba as súas fazañas deportivas grazas aos trofeos que ían aparecendo no escaparate dun comercio da rúa da Oliva chamado ‘O Globo’. “Logo dunha competición o dono da tenda díxome que si quería podía poñer alí o trofeo, e a partir dese momento sempre que conseguía algún leváballo. Sempre me dicía: ti tráeme máis”.

Multideportista

A luva sempre era recollida por un mozo que, ademais da natación, tamén practicaba atletismo -gañaba sempre en 200, 400, 4×400 e altura- e xogaba na liga de fútbol de modestos como porteiro do Noácido e O León e na de federados co Crispa; e ao balonmán a once na recentemente fundada Sociedade Deportiva Teucro, da que foi un dos seus primeiros integrantes e co que quedou subcampeón de España de balonmán a 11.

Novo intento

Conseguir máis trofeos non era sinxelo, non soamente polas evidentes dificultades deportivas, senón pola falta de probas e a distancia, non só kilométrica, de Galicia con respecto ós sitios que eran os centros neurálxicos da natación española, especialmente Canarias, Madrid e Cataluña.

Animado polo seu estado físico, polo recordo do sucedido en Vigo e pola súa paixón polo deporte, decidiu ir ao Campionato de España que ó ano seguinte, 1941, se celebrou en Palma. Foi o único galego que acudiu e a viaxe foi toda unha proeza. “Primeiro fun no tren de mercancías a Madrid, despois collín outro a Valencia dende onde, en barco, cheguei a Palma logo dunha travesía de varios días” porque “o transporte non era como o de agora”.

Único defensor do noso quinto posto

Galicia, malia presentar só a Manuel Estévez, logrou un espectacular quinto posto por rexións, unicamente superada por potencias como Cataluña, Castilla, Baleares e Canarias, e por diante doutras como Valencia, Asturias e Andalucía. “O día do desfile inaugural ían chamado un a un ós equipos. Cada selección levaba 12 ou 14 nadadores, ademais de adestradores e directivos, e de súpeto din Galicia cun único deportista: ¡Estévez! E o público, sorprendido, comezou a aplaudir”.

O 42, un gran ano

Aquel Campionato de España foi o preámbulo do seu mellor ano deportivo, o de 1942, no que o pontevedrés consolidouse como un dos mellores bracistas do noso país. Todas as competicións convertéronse en verdadeiras exhibicións. Na cita nacional foi terceiro en 200 e 400 metros, aínda que o seu gran recital chegou na primeira edición do Campionato Nacional de Educación e Descanso, no que alcanzou o primeiro posto nas dúas distancias, bateu o récord nacional dos 400 braza e foi, dos 257 participantes, o que obtivo a mellor puntuación.

A guerra suspende os Xogos Olímpicos

Chegou a posuír -mellorándoos en varias ocasións- os récords galegos de 100 (1’26), 200 (3’8) e 400 (6’56), así como o de 3×100 estilos, ademais da marca nacional de Educación e Descanso nos 400. A suspensión, por culpa da Segunda Guerra Mundial, dos Xogos de 1940, que se ían a celebrar en Helsinki, e os de catro anos despois, que estaban asignados a Londres, impediron que o pontevedrés estrease unha condición olímpica que gañou no auga. A súa marca persoal no dobre hectómetro significaría ser finalista nos Xogos anteriores (Berlín 36) e posteriores (Londres 48) ao conflito bélico.

Imbatible na Galicia dos 40

Mantívose en activo ata finais dos 40, aínda que nunca perdeu contacto coa natación. A mediados desa década comezou a desaparecer dos primeiros postos a nivel nacional, pero seguía sendo imbatible en Galicia.

O paso do tempo foi esquecendo a figura do primeiro grande da natación galega. Un deportista exemplar ó que soamente a época que lle tocou vivir impediulle conseguir as cotas que posteriormente tiveron outros con menos méritos.

Cruzar o Estreito

Aseguran que todos os deportistas teñen un soño por cumprir. O de Manuel Estévez Rodríguez é o de cruzar a nado o Estreito de Gibraltar. Unha vez, nos anos 40, lendo un xornal descubriu que unha inglesa, Mercés Gleitze, lograra tal fazaña en 1928. Aquel desafío entusiasmoulle, comezou a xurdir na súa cabeza a posibilidade de seguir as brazadas da británica, e máis tendo en conta que el era un especialista en travesías, non en balde no seu palmarés existen numerosos éxitos neste tipo de competicións.

“Comecei a adestrar e a buscar máis información sobre cruzar o estreito”, explica con nostalxia porque “era un reto que me apaixonaba”, pero finalmente fixo caso a aqueles que lle aconsellaban que “non o fixese porque eran 14 quilómetros co mar a baixas temperaturas”.

Arrepentido

Ninguén confiaba no pontevedrés porque “dicíanme que non tiña a musculatura suficiente para soportar esas baixas temperaturas”. Aos primeiros comentarios negativos non lles fixo caso, pero co tempo sucumbiu a esas voces críticas. 70 anos despois recoñecía que en certo xeito se arrepentía porque “sería bonito poder conseguilo”. Ademais, de cruzar o Estreito con éxito, converteríase na segunda persoa en logralo, no primeiro home e tamén no primeiro español, porque ata que o 2 de setembro de 1948 Eduardo Villanueva chegou á beira africana ningún español o intentara.

Travesías galegas

Ao longo da súa carreira deportiva destacou nalgunhas das travesías máis importantes que se celebraban en Galicia. Gañou en dúas ocasións a de Nadal de Vigo que se celebraba no porto á altura de Guixar; dela aínda recorda “o frío espantoso que pasamos porque era finais do mes de decembro”. En 1943 logrou o terceiro posto na Travesía ao Porto da Coruña.

Canteira do Lérez

Para este tipo de probas tiña a vantaxe de que durante moitos anos o único lugar onde nadou foi o río Lérez. “Entón non había piscinas”. As competicións e os adestramentos facíanse a partir do mes de maio ata setembro, e alí coincidía con Roberto Ozores, Muruais, Malecho, A Rocha…

O rescate do porco

A principios dos anos 30 do século pasado o río Lérez tiña unha frenética actividade. Era un dos lugares de recreo preferido polos pontevedreses e onde os amantes ós deportes acuáticos tiñan a oportunidade de practicalos. Nomes como os de José Rodríguez Ruibal ‘Pepe Malecho’, Armando Casteleiro, Clemente Echevarría ou o propio Muruais estarán sempre unidos a esta canle fluvial.

Un gran nadador

Entre os numerosos pontevedreses que gozaban do río estaba Manuel Estévez, que vivía na rúa Real á altura da fonte dos Tornos. Un rapaz que xeraba admiración entre os seus coetáneos pola súa capacidade natatoria. Nas épocas estivais estaba sempre preto do río e iso fíxolle vivir situacións de todo tipo, algunhas delas realmente singulares.

Cando era un rapaz viu como un señor que se dirixía cara á ponte da Barca, pola beira do actual Mercado, comezaba a gritar e bracear. Cando se achegou a el escoitou que os queixumes debíanse a que a cría de porco que levaba atada a unha corda estábase afogando no río sen que ninguén fixese nada. Todos daban por perdido o porcino cando o mozo Manuel Estévez arroxouse a auga vestido con roupa de rúa, nadando achegouse e o primeiro que fixo foi collerlle dunha orella para que non lle mordese. Facendo gala das súas cualidades, foino achegando ata terra firme ante a atenta mirada da multitude que se congregou.

Nen un xamón

Os queixumes transformáronse en gritos de alegría segundo Manuel íase achegando á beira, mentres facía que o porco non afundise o fociño na auga para que non se afogase. A aventura tivo un final feliz. O bo home recuperou o porco e o mozo nadador recibiu numerosas felicitacións, “aínda que non me regalou nin un xamón”, comenta entre risas. Estévez, que aínda non era o gran campión que posteriormente foi, comezou a crearse unha reputación.

A nena coruñesa

O rescate do que se sente máis orgulloso produciuse cando estaba vivindo en A Coruña. Foi na piscina da Solana nunha tarde de verán na que se caeu á auga unha nena pequena que non sabía nadar. Ninguén se deu conta do incidente ata que de súpeto escoitaron un grito, unha vez máis Manuel Estévez lanzouse á piscina e sacou á nena que levaba un tempo na auga, polo que perdera o coñecemento. Os exercicios de primeiros auxilios que lle practicou foron cruciais para que recuperase a súa actividade.

Partidos nas Corbaceiras

Naquela época as carreiras na auga eran a diario. Calquera escusa era perfecta. Tamén se penetrou no waterpolo -denominado polo acuático-, que era un deporte que xeraba unha inusitada atención en Pontevedra tanto por practicantes como por espectadores, non en balde cada partido que se celebraba na dársena das Corbaceiras, nas inmediacións da actual sé da Autoridade Portuaria, era unha auténtica festa.

Novos e inconscentes

Aquel grupo de amantes da natación tamén se divertía protagonizando saltos, que habitualmente tiñan a súa base na vella ponte do tren, pero os máis valentes en máis dunha ocasión atrevíanse a tirarse dende o da Barca (máis de 14 metros). Entre eles estaba Manuel. “Era toda unha aventura. Tirarse dende a ponte do tren era o habitual, pero cando subiamos ao da Barca a xente concentrábase nas beiras moi pendente do que sucedía”, comentaba antes de engadir que “éramos novos e inconscentes”.

As competicións e os adestramentos no Lérez facíanse a partir do mes de maio ata setembro, e alí coincidía con Roberto Ozores, Muruais, Malecho, A Rocha…