MANOLO BARREIRO

"Xa eras moi querido. Agora es inesquecible"

O fútbol pontevedrés vólcase na homenaxe a Manolo Barreiro, de 97 anos

Celébrase que os campos da Xunqueira leven o seu nome para sempre

Pontevedra volcou o seu corazón futbolístico na figura de Manolo Barreiro coa homenaxe que tivo lugar o 29 de maio de 2022. Rotulábase oficialmente o Centro Municipal de Fútbol, que desde 2021 leva o seu nome.

Unha homenaxe que non puido celebrarse antes por mor da pandemia pero que estivo chea do calor de amigos, familiares e representantes institucionais. Foi un acto cheo de emocións, anécdotas, lembranzas e os grandes valores que sobrevoan o deporte: humildade, traballo, compromiso, equipo, entrega, e sobre todo amor polo fútbol. 

Foi un acto presentado polo xornalista Ramiro Espiño: “Manolo non só é amigo de todos nós, Senón que cando todos nós nacemos, xa el esaba cansado de axudar a todo o que xogaba ao fútbol. Que bonita esta homenaxe, e qué merecida”.

Tino Fernández: lembranzas xuvenís

Tino Fernández botou man das suas lembranzas xuvenís. O Concelleiro de Deportes aínda levaba pantalón curto cando coñeceu a Barreiro. Únenlles profundos lazos afectivos e familiares. “É difícil entender o fútbol en Pontevedra sen Manolo Barreiro: compañeirismo, constancia, vontade, traballo… vaias onde vaias, ninguén che dirá nada malo sobre el”. A piques de chorar de emoción, dixo que era unha honra e unha satisfacción impulsar e participar nesta homenaxe.

Rafa Saez: «O motor do fútbol»

Rafael Saez e Francisco Carrillo foron os motores da decisión de denominar Manolo Barreiro os vellos campos da Xunqueira, en nome de todos os equipos de fútbol da cidade, unha iniciativa que chegou ao Concello e a Corporación aprobou de xeito unánime. Pero Saez foi máis aló: “non só no campo da política obtivemos un enorme respaldo, senón no mundo do deporte, da familia, do conxunto da sociedade, xa que a dimensión de Manolo Barreiro abrangue a moitas xeracións de futbolistas e clubes, das que foi un motor permanente durante tantísimos anos”.

“Grazas pola túa grandeza, pola bonomía, polos teus grandes valores persoais, Manolo”, dixo Rafa Saez antes de agradecer ao Servizo Municipal de Deportes, e en especial ao seu responsable, Jaime Agulló, “ a extraordinaria dedicación prestada a esta homenaxe en todas as súas dimensións”. Rematou cunha frase lapidaria: “Se xa eras moi moi querido, a partir de agora serás inesquecible”.

José Manuel Fernández: Un libro de estilo

O vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, entidade á que Barreiro estivo ligado toda a súa vida, referiuse a el como “un dos nosos”. Para José Manuel Fernández, “Manolo é un libro de estilo que recolle as mellores cousas do deporte: humildade, sinxeleza, entereza, firmeza, honradez. Queremos perpetuar o seu legado con esta denominación, porque figuras coma esta engrandecen o fútbol e son un espello no que mirármonos”.

Tere Abelleira: «un referente»

En representación do deporte tomou a palabra Tere Abelleira, a xogadora pontevedresa do Real Madrid e a selección española, quen acudiu á homenaxe acompañada dos seus avós. Cualificou a Barreiro como “referente para o deporte”, unha figura que sempre animou a todos os clubes e que impulsou tamén o fútbol feminino. Dixo que seguir os pasos de Manolo Barreiro era unha aspiración que deberan ter todos os deportistas.

Gregorio Agis: Espléndida iniciativa

O deputado provincial Gregorio Agis trouxo a voz da Deputación de Pontevedra á homenaxe de renomeamento dos campos, cualificando a iniciativa como espléndida. Mostrouse encantado de que un espazo tan entrañable levase o nome de Barreiro, porque se trataba dun grande referente para este deporte. Ao tratarse do organismo provincial, o presentador quixo destacar que Barreiro percorría todos os campos de fútbol da provincia de Pontevedra sen que en ningún deles fose mal recibido.

Jesús Barreiro: Transmitimos o que nos enseñou

A familia de Barreiro, de 97 anos de idade, estivo representada polo seu neto, Jesús, quen tivo que interrumpir o seu relato algunha vez porque a emoción era inmensa. Normal, pois lembrou á súa aboa e a outras persoas da familia. “Unha familia que non sabemos se era a primeira ou a segunda, porque a familia do fútbol era tan potente que non sabería dicir eu”, dixo con nostalxia.

“Nós estamos transmitindo agora aos seus bisnetos, e tamén a todos os que se dediquen ao fútbol, os grandes valores de Barreiro: o traballo en equipo, respectar ao rival, e sobre todo ser humildes… é o que o avó nos enseñou durante toda a súa vida”.

Alcalde Lores: Un exemplo e un orgullo

“Non vou repetir todos os grandes valores que representa a figura de Barreiro, porque xa todo se dixo. É un exemplo e un orgullo para todos nós e para o mundo do fútbol de Pontevedra”. Con estas palabras, o alcalde quixo sumarse á opinión de todos os presentes. “Manolo Barreiro leva no fútbol desde o ano en que nacín eu, no 54. Nese tempo coñece todos os campos do concello, incluso impulsou algún deles como o de Marcón, que está en proceso de pasar a competencia municipal, para garantir o seu correcto mantemento”. Lembrou tamén a Liga das Rías Baixas, impulsada por Barreiro, e na que Lores chegou a xogar. “Xente coma ti, amigo —dixo dirixíndose a Barreiro— fai que a sociedade sexa mellor”.

Unha merecida homenaxe

A proposta do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, o Pleno Municipal de Pontevedra aprobou unha iniciativa para que os terreos de xogo da Xunqueira sexan rebautizados co nome de Centro Municipal de Fútbol Manolo Barreiro Lores, en homenaxe ao Presidente de Honra da Delegación Pontevedresa da Real Federación Galega de Fútbol.


A solicitude de cambio de nome dos campos, partiu dos clubs Atlético Estación, Agrupación Juvenil de Lérez, Agrupación Cultural e Deportiva A Seca, CD Lérez, Escuela de Fútbol Portero 2000, Integración Deportiva Pontevedra, Pontevedra CF, Salgueiriños CF e San Andrés CF.

«Unha das persoas máis relevantes»

Para o tenente de alcalde, “é moi de resaltar que a meirande parte das asociacións deportivas que levan traballando durante anos por e para o fútbol no concello de Pontevedra presente unha iniciativa para homenaxear a un veciño a través da denominación dun campo de fútbol municipal co seu nome”.

“Compartimos opinión coas entidades sobre a importancia de facerlle unha merecida homenaxe a unha das persoas máis relevantes no fomento do fútbol base local, ligada a este durante máis de medio século”, sostén o edil socialista.

Manolo Barreiro atópase “entre os cidadáns de Pontevedra que deixaron unha pegada máis profunda no fomento do fútbol entre a sociedade”, dixo Tino Fernández, adicando “máis da metade da súa dilatada vida a impulsar tanto a súa práctica como algunhas das moitas infraestruturas deportivas que están repartidas polo noso territorio”.

Máis de 57 anos dedicados ao fútbol

Durante máis de 57 anos estivo traballando de xeito altruísta, para e polo fútbol, e por conseguinte, para a promoción da actividade física e o deporte entre a nosa poboación.

Estivo aportando o seu bo facer no ámbito da organización do deporte dende o ano 1954, primeiro como secretario da Delegación Pontevedresa da Federación Galega de Fútbol e a continuación como delegado, ata a súa ‘retirada deportiva’ no ano 2011, cando contaba con 86 anos.

Polos méritos acadados ao longo de tantos e tantos anos, a Federación Galega nomeouno Presidente de Honra da Delegación. Actualmente Manolo Barreiro segue a ser un asiduo aos terreos de xogo do noso municipio, así como un importante apoio para os clubs.

A iniciativa de dar o seu nome ao principal centro futbolístico do municipio supón non só unha homenaxe a unha das persoas máis representativas na historia do fútbol local, senón tamén a todas aquelas persoas que adican, de xeito solidario e altruísta, a meirande parte da súa vida ao ben común e a reforzar os valores máis importantes dunha sociedade.

Catro campos de fútbol

Os dous campos de herba sintética de fútbol 11 e os dous de fútbol 8 existentes na Xunqueira do Lérez foron construídos en distintas épocas para ir dando resposta á crecente demanda social, resaltando polo seu uso dentro da Rede Básica de Infraestruturas Deportivas Municipais. Dende a creación daquel primeiro histórico campo de terra, o constante investimento do goberno local permitiu darlle forma ao que xa se pode considerar un complexo deportivo do que forman parte, ademais dos catro terreos de xogo, o Pavillón Multiúsos.

Unha publicación conmemorativa, con artigos de David Acevedo e Ramiro Espiño sobre a figura de Manolo Barreiro. Pica na imaxe e descarga ou le os textos no teu dispositivo.

Na prensa

Unha entrevista con Xabi Fortes

Un acto emotivo

Unha representación do deporte pontevedrés estivo acompañando a Manolo Barreiro o día que os campos da Xunqueira pasaron xa definitivamente a denominarse Manolo Barreiro.

Unha exposición conmemorativa

No recinto do centro deportivo, unha pequena exposición con fotografías de Manolo Barreiro e do Centro Municipal de Fútbol desde que era un simple campo de terra á beira do río.

Día de fotos para a lembranza

Foi unha xornada chea de momentos agradables, de fotografías para manter no recordo este día de xustiza poética

Os culpables

Rafael Saez e Francisco Carrillo foron os impulsores do cambio de denominación dos campos, en representación dos clubes de fútbol modestos do municipio.

Novas rotulacións na Xunqueira