O modelo urbano favorece a vida activa

O modelo urbano favorece a vida activa - DEPORTE PONTEVEDRA

O estudo elaborado polo Observatorio Galego do Deporte, do Clúster do Deporte Galego conclúe que a transformación da cidade favoreceu a relación dos habitantes de coa actividade física habitual: “a alta cifra de persoas que se desprazan camiñando obtida neste estudo pode relacionarse co modelo urbano implementado neste municipio, que fixo do feito de camiñar unha solución ao seu problema permanente de mobilidade”.

Esta rotunda afirmación baséase en que case o 70% da poboación camiña máis de 10 minutos seguidos cada día, superando as medias galega (36,8) e española (47,5). A referencia de 10 minutos débese a que o estudo se realizou en base a dúas referencias existentes para facilitar a comparativa: a Enquisa española de Hábitos Deportivos e a Enquisa europea de Saúde. No estudo participaron 385 persoas contactadas telefonicamente.

Outra conclusión extraída polos autores da análise relacionada co modelo urbano titúlase “A cidade como instalación deportiva”, e nela faise referencia á “ampla rede de sendas que aproveitan os espazos naturais da contorna da cidade”. Ademais, din textualmente, “unhas rúas sen demasiados coches significan unhas rúas sen excesivos fumes e ruídos, con máis espazo libre para as persoas e con maiores posibilidades de lecer, recuperando o concepto da cidade como lugar de encontro”.

Na cidade existe unha gran conciencia sobre a importancia do deporte e dos estilos de vida saudables. Mostra disto é que as persoas maiores de 45 anos practican deporte, fundamentalmente, por motivos de saúde; mentres que a motivación principal para menores de 45 anos é, “simplemente”, o gusto polo deporte. Isto reflicte a implantación dunha cultura deportiva, na que o deporte se converte nun dos eixos centrais da vida dos pontevedreses e pontevedresas.

“A peonalización extensiva do centro histórico da cidade do Lérez e das áreas circundantes, iniciada no ano 1999, xunto coa restrición do tráfico motorizado e a eliminación de barreiras arquitectónicas, promoveron unha contorna segura e accesible, que prioriza a mobilidade activa —proseguen as conclusións do estudo— o que mellora a calidade urbana e favorece un estilo de vida máis saudable e inclusivo, creando unha cidade compacta, densa e diversificada, onde as necesidades diarias poden resolverse en traxectos curtos de 10 ou 15 minutos a pé”.

Co apoio de medidas como itinerarios peonís, zonas 20 e 30, e plataformas únicas, Pontevedra está consolidada como unha referencia internacional na mobilidade sostible, e o dato de que case o 70% da súa poboación camiña máis de 10 minutos sucesivos todos os días para desprazarse avala este novo modelo, que ten en conta a accesibilidade universal, a seguridade viaria, a conservación do patrimonio e a mobilidade infantil.

Outros datos do estudo indican que case o 60% das persoas practican deporte de forma regular (polo menos unha vez á semana), cando a media galega está por baixo do 50% da poboación. Ademais, este dato coloca a Pontevedra por encima de todas as comunidades autónomas en niveis de poboación activa.

Más do 80% das persoas menores de 34 anos practican deporte de forma semanal, cando a media estatal sitúase en torno ao 70%. En relación ás persoas que participan en competicións deportivas, fano o 23% das consultadas, cifra superior á media estatal e á de todas as comunidades autónomas.

Tamén o número de persoas abonadas a ximnasios case duplica á media galega, e hai unha maior porcentaxe de persoas vinculadas ao deporte que nas medias estatal e galega tamén no resto de vertentes: posesión de licenzas federativas, abono a entidades deportivas e apoio ao deporte como voluntariado ou a través de doazóns. Destaca tamén a alta porcentaxe de mulleres abonadas a ximnasios neste municipio.

No capítulo das recomendacións, o estudo aconsella continuar loitando contra a fenda de xénero, impulsar as iniciativas específicas para persoas maiores e a implantación da receita deportiva no ámbito sanitario.

Dous millóns de galegxs activxs en 2030

Dous millóns de galegxs activxs en 2030 - DEPORTE PONTEVEDRA

O “Plan 2 Millóns” en Galicia é unha iniciativa do Clúster Industria e Deporte Galego para aumentar a 2 millóns o número de persoas residentes en Galicia que practican deporte regularmente, sacando a unhas 700.000 persoas do sedentarismo antes de 2030. O Concello de Pontevedra forma parte activa deste plan 2M.

Búscase así mellorar a saúde e a calidade de vida, e fomentando o desenvolvemento do sector deportivo. Baséase na colaboración público-privada, implicando a federacións, universidades e o propio sector, para promover a actividade física como motor de desenvolvemento e prevención de enfermidades, cun enfoque na participación cidadá e o benestar xeral.

Segundo o estudo de hábitos deportivos da capital pontevedresa, as persoas que nunca fan deporte son 34 de cada cen, un dato inferior ao galego (a metade non fai deporte) e ao español, onde son 43 as persoas inactivas de cada cen.

Neste sentido, Pontevedra prantexa o “reto do 40”, que trata de baixar esa porcentaxe de persoas que teñen pouco hábito de actividade física semanal. O 59,3% das persoas de Pontevedra teñen dedican algún tempo semanalmente á actividade física.

O plan ten como obxectivos principais incrementar o número de participantes nas actividades deportivas, ao pasar de 1,3 millóns a 2 millóns de persoas activas en Galicia; reducir o sedentarismo provocando que unhas 700.000 persoas deixen de ser consideradas inactivas físicamente. En definitiva, trátase de mellorar a saúde física e mental, utilizando o deporte como ferramenta de prevención e benestar. 

Para logralo, tratan de establecer unha estratexia baseada na colaboración entre as industrias agrupadas no clúster do deporte, a Xunta —a través de iniciativas como o Plan Corresponsables e patrocinios—, universidades e entidades deportivas, así como concellos como o de Pontevedra, vencellado a esta iniciativa.

Buscan tamén fomentar a participación a través de actividades deportivas organizadas coas federacións e universidades, ademáis de apoiar ao sector con plans de patrocinio para equipos de alta competición e promoción do deporte feminino. A conciliación é así mesmo unha bandeira do Plan 2M, con programas como o Plan Corresponsables, que facilitan a participación familiar. 

Galicia é unha das comunidades con menor porcentaxe de poboación activa —non así a cidade de Pontevedra, que presenta índices bastantes superiores—, polo que este plan busca alcanzar estándares nórdicos de saúde e calidade de vida. A iniciativa busca a implicación de toda a sociedade galega para converter o exercicio físico nunha rutina. 

Canto interés ten Pontevedra no deporte?

Canto interés ten Pontevedra no deporte? - DEPORTE PONTEVEDRA

A cidadanía de Pontevedra supera en máis ou menos un punto ás medias galegas e estatal en canto ao seu interés xeral polo deporte. Os 7,4 puntos (sobre 10) que se dá en pontevedra ao deporte en Xeral supera ao 6,4 que se acada en España e ao 5,9 en Galicia, a nota media máis baixa das analizadas.

A diferenza é maior cando se pregunta pola información deportiva, que en Pontevedra tamén case chega ao notable (6,2) pero tanto en Galicia como en España non chega ao aprobado (4,6 e 4,7 respectivamente)

Son datos que se recollen no Informe de Hábitos Deportivos no Concello de Pontevedra, elaborado polo Clúster da Industria do Deporte Galego para o Observatorio Galego do Deporte.

Ademáis, o estudo ofrece datos sobre a práctica deportiva de pontevedreses e pontevedresas, que acada un 6,5, contra o 5,3 en Galicia e o 5,7 en España. Tamén a cidade supera entre un e dous puntos ás outras dúas dimensións en asistencia a espectáculos.

O concepto máis igualado dos que contén o estudio ten relación coa visión de espectáculos audiovisuais. Vense un pouco máis en Pontevedra (5,6) que en España (5) e en Galicia (4,9).

En relación ao xénero compre salientar que as mulleres de Pontevedra teñen máis interese pola información sobre o deporte, cunha diferenza de ata 2 puntos. Tendo en conta a idade, as persoas de 75 anos ou máis puntúan ata 2 puntos máis alto no interese polo deporte xeral e pola práctica deportiva en Pontevedra que na media estatal. Tamén no grupo de 65 a 74 anos hai diferenzas palpables, cunha puntuación case 3 puntos máis alta en canto ao interese pola información sobre o deporte.