Melloras nas duchas do pavillón

Melloras nas duchas do pavillón - DEPORTE PONTEVEDRA

O máximo confort posible dos espazos utilizados para a competición ou a actividade física está sempre no punto de mira da xestión deportiva. Algo máis de 5.000 euros destinaránse en breve a cambiar unha das tubaxes xerais que presta servizo a seis dos vestiarios do Pavillón Municipal.

As novas serán de polipropileno e servirán para renovar a antiga instalación obsoleta e mellorar así os servizos de auga quente sanitaria. A operación consiste en mudar uns 60 metros de tuberías e utilizar 238 conexións, que son as necesarias para deixar o circuito de auga quente funcionando de novo.

A principal instalación deportiva cuberta da cidade é un histórico edificio que leva a sinatura do egrexio arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota Martínez, un dos máis sobranceiros da súa xeración. O histórico edificio data de 1965 e agóchase dentro da actual estrutura branca de aspecto industrial.

Case o 10% da poboación, na San Silvestre de Pontevedra

Case o 10% da poboación, na San Silvestre de Pontevedra - DEPORTE PONTEVEDRA

A San Silvestre de Pontevedra 2025 converteu un ano máis a despedida do ano nunha gran celebración colectiva da saúde, da convivencia e do espazo público. Cunha participación do 8,33 % da poboación empadroada, os 7.000 dorsais repartidos, que supoñen máis de 7.000 persoas correndo ou camiñando polas rúas da cidade, acompañadas por milleiros de veciñas e veciños que animaron ao longo de todo o percorrido, enchendo Pontevedra de vida e ambiente festivo.

Os sete milleiros de participantes convírtena na carreira máis participada das que se celebran en fin de ano en Galicia, seguida da da Coruña (6.700, máis 100 na “Cansilvestre”) Vigo (5.700) e Santiago (2.269). En relación á de Pontevedra, a San Silvestre Vallekana (42.000 participantes) tería que superar as 300.000 persoas segundo a poboación da capital.

Este dato sitúa a Pontevedra moi por riba das principais cidades do Estado en termos de participación cidadá e confirma que aquí o deporte non é un feito puntual, senón unha expresión natural da forma de vivir a cidade.

Un resultado que avala anos de políticas públicas coherentes

Tal e como recolle o Estudo de Hábitos Deportivos no Concello, realizado 2024, a cidade conta cunha base social especialmente activa. O 60% da poboación practica deporte polo menos unha vez á semana, superando amplamente as medias galega e estatal, mentres que case o 70% da cidadanía camiña máis de 10 minutos diarios, un dato que duplica a media galega e supera en máis de 20 puntos a estatal.

“A San Silvestre é a mellor fotografía do resultado de anos de políticas públicas coherentes, que apostan polo espazo público, pola mobilidade activa e pola saúde como dereito colectivo. Cando a cidade está pensada para as persoas, as persoas respóndenlle participando”.

Pontevedra, a nivel das cidades e países máis avanzados en hábitos saudables

Os datos empíricos sitúan á cidade a niveis equiparables aos dos países europeos máis avanzados en hábitos de vida saudable, como Finlandia, Países Baixos, Dinamarca ou Suecia. Unha realidade que non é froito da casualidade, senón dun modelo urbano que facilita a actividade física cotiá e o uso do espazo público como lugar de encontro.

Neste contexto, a San Silvestre convértese nun evento simbólico, que non crea o hábito, senón que o fai visible nun momento colectivo e compartido por milleiros de persoas.

Igualdade e participación feminina: outro dos piares do modelo deportivo

A participación feminina no deporte é outro dos indicadores que reforzan o balance positivo. Alén dos bos datos recollidos no estudo de hábitos, a convocatoria de subvencións anuais 2025 aos clubs deportivos do municipio confirma, a través do número de licenzas federadas, unha participación feminina no deporte federado claramente superior ás medias de Galicia e de España. Este dato avala o impacto das políticas municipais orientadas á igualdade e á creación dunha basedeportiva ampla, diversa e sostible no tempo.

Unha cidade que corre e anima xunta

A tradicional carreira de fin de ano é moito máis ca unha carreira popular. É un evento de cidade, no que quen corre e quen anima forman parte do mesmo movemento colectivo, ocupando a rúa, compartindo espazo e reforzando os vínculos sociais. Consiste en despedir o ano facendo saúde e confirma, cun feito masivo e ilusionante, que o camiño iniciado hai anos segue dando froitos: unha cidade máis activa, máis igualitaria e mellor para vivir.

Gratitude á Ximnástica e ás entidades colaboradoras

O Concello de Pontevedra quere trasladar un agradecemento especial á Sociedade Gimnástica de Pontevedra polo excelente traballo desenvolvido, en estreita colaboración e dirección do Servizo de Deportes, na dirección técnica da carreira e na coordinación do plan de voluntariado, clave para o bo desenvolvemento do evento.

Así mesmo, recoñécese o labor imprescindible da Agrupación Local de Protección Civil de Pontevedra, cuxa colaboración garantiu a seguridade e o correcto funcionamento da proba ao longo de todo o percorrido, coordinados pola Policia Local.

O Concello quere tamén agradecer a implicación das empresas colaboradoras, en especial Froiz, A’Devesa, Galmotor e Miler Vintage Runnig Club, polo seu apoio e compromiso cun evento que promove valores de saúde, participación cidadá e convivencia.

Aquí máis información