Un cento de persoas recomezaron hoxe as andainas de Ponteandadas, o programa mensual de saídas a pé desde Pontevedra que percorren numerosas rotas do municipio. É a quinta cita do ano e levou ás persoas participantes a Lérez e Bora. Quedan tres: a de Xeve, a de Verducido e a solidaria de Campañó, que pechará o ciclo.
O programa comezou en marzo en San Brais e Lourizán e seguiu por Cabanas, Marcón e Mourente. A deste domingo supón o ecuador do ciclo e desenvolveuse nun día soleado e de boas temperaturas. Comezou diante do Pavillón de Deportes e estiveron camiñando unhas tres horas ata completar o percorrido.
As próximas citas serán o 18 de outubro a Xeve saíndo do Miradoiro de Monte Porreiro, o 8 de novembro a Verducido con saída da igrexa de Santa María de Alba e a útlima, o 29 de novembro, con saída desde o parque das Marismas de Alba, con destino Campañó e á que será necesario levar un kg de alimento non perecedeiro con destino ao Banco de Alimentos.
A última quincena de setembro, como é habitual, botan a andar as Escolas Deportivas de Promoción Municipal, un conxunto de actividades pensadas para as persoas en idade escolar ás que as familias poden apuntarse desde este martes, día 15.
“Con este acto quero agradecervos a vosa colaboración para levar a cabo este plan, que sen ela non sería posible”, dixo o alcalde no acto de presentación ante os clubs deportivos. “Sabemos que supón un gran esforzo para os clubs, esforzo que queremos agradecer a todas as persoas que forman parte da estrutura, especialmente a esas persoas que moven os papeis, se pelexan coa burocracia e fan o imposible para que as súas fillas e os seus fillos disfruten do deporte”.
A seguir, algúns participantes na xuntanza tomaron a palabra para falar de distintos aspectos relacionados coas escolas como a posibilidade de aprofundar no deporte de integración de persoas con distintas capacidades, as posibilidades de ampliar as instalacións, a promoción do deporte feminino ou o unánime recoñecemento e agradecemento ao Servizo de Deportes do Concello por axudar a satisfacer todos os procedementos burocráticos necesarios. Un agradecemento que alcalde e concelleira reiteraron e ampliaron a toda a xente dos clubes que se dedica ao papeleo administrativo, de máxima importancia en programas coma este.
O remate do prazo de inscrición é variable, dependendo da escola á que se desexe asistir, xa que son os clubs os que administran directamente eses datos. O Concello subvenciona estas escolas cuns 250.000 euros, grazas aos que as familias pagan uns prezos populares, que van dos 50 aos 80 euros dependendo do deporte de que se trate, se ben o máis común é o de 50 euros anuais.
No acto participou tamén a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, quen ofreceu as cifras máis relevantes do programa: En total existen 2.500 prazas a disposición das familias, con 20 disciplinas distintas organizadas grazas á colaboración de 35 clubs implicados. As sesións terán lugar en 28 instalacións deportivas esparexidas por todo o concello, a maioría delas públicas. O investimento municipal neste programa educativo é de 250.000 euros.
Cada unha das modalidades deportivas conta cunha desagregación informativa que detalla os espazos municipais ou centros deportivos de impartición, os horarios programados, os grupos por idade ou nivel, así como os entes colaboradores ou clubs encargados de organizar a docencia.
Na relación especifícase que a versión electrónica deste cadro de actividades atópase dispoñible a través da plataforma web oficial municipal de deportes (deportes.pontevedra.gal). O pdf electrónico que soporta toda a información é interactivo, de tal maneira que premendo nos links adecuados pódese conectar directamente co formulario de inscrición ou no seu caso enviar un correo electrónico.
O Concello promociona e axuda económicamente a que todo este esforzo sexa posible, pero non sería realidade sen a implicación de clubes, entidades, persoas a título particular, monitorado, persoas que axudan cos trámites administrativos… normalmente todas nais e pais que contribúen a que Pontevedra sexa, tamén neste ámbito da xente miuda, unha potencia local sobresaínte en práctica deportiva e en actividade física.
O domingo 20 de setembro recupéranse tras a parada do verán as camiñadas de Ponteandadas cun paseo por Bora e Lérez que sairá da zona do Pavillón Municipal de Deportes ás 10 da mañá e comezará media hora antes cun quecemento a base de zumba. Será o xeito de relaxar os músculos e acometer este percorrido de 13 km, con dificultade baixa e que levará unhas tres horas da mañá dominical. O público que aínda non o fixo pode apuntarse ata o día 18.
Ata o momento lévanse celebrado 4 saídas este ano: a Lourizán-San Brais, A Parda – Cabanas, Marcón e Mourente. Tras esta excursión pedestre a Bora – Lérez quedan a de Xeve o 18 de outubro, a de Verducido o 8 de novembro e a de Campañó, o 29 do mesmo mes. Todas elas gozan dunha elevada participación de entre 100 e 200 persoas segundo o percorrido.
O programa PonteAndadas é unha iniciativa municipal deseñada para incentivar os hábitos de vida saudables, o exercicio físico ao aire libre e o coñecemento do patrimonio natural e cultural do municipio. A través dunha serie de camiñadas e itinerarios guiados de dificultade accesible, a proposta está dirixida a toda a cidadanía, promovendo a convivencia veciñal e o gozo da contorna sen necesidade de contar cunha preparación física avanzada.
As rutas discorren por diversos sendeiros, zonas fluviais, montes e parroquias do termo municipal, permitindo aos participantes descubrir a riqueza paisaxística de Pontevedra. Cada xornada conta cunha organización coordinada que inclúe acompañamento, control de horarios e servizos de asistencia para garantir a seguridade de todos os asistentes ao longo dos percorridos.
Ademais do seu impacto positivo na saúde e no benestar corporal, PonteAndadas reforza o modelo de cidade peonil e sustentable de Pontevedra, estendendo a cultura do desprazamento a pé máis alá do casco urbano cara ás contornas periurbanas e rurais. O programa consolídase así como un punto de encontro interxeneracional que combina o deporte de lecer, a educación ambiental e a posta en valor do territorio local.
Algunha xente irá moi polo aire este sábado na Ferraría, cando a partir das 19:30 comece o evento “Saltar na Rúa”, unha das clásicas exhibicións do verán pontevedrés da man da Sociedade Ximnástica e que foi presentada polo vicepresidente da entidade, Santiago Ferrer, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores diante da Peregrina.
As catro mulleres e catro homes de salto de lonxitude abrirán a proba. Foron precisamente dous dos seus participantes, Andrea Villaverde e Sergio Coello os que participaron tamén na presentación da Peregrina. Sobre as 8 da tarde dará comezo a exhibición de triple salto e media hora máis tarde serán as saltadoras e saltadores de pértiga quen pechará o espectacular evento que trae ao centro da cidade ás persoas da Boa Vila que son capaces de estar máis tempo seguido sen pisar o chan.
Lores puxo en valor o encomiable labor da Sociedade Ximnástica, que conta con máis de 400 atletas, a metade nas categorías base. Tamén dixo que é un orgullo para Pontevedra contar con entidades coma esta, a piques de cumprir os cen anos e cun traballo tan activo e cheo de éxitos.
“Gústanos —dixo o alcalde— que probas coma esta saian á rúa, porque se convirten en exemplo para moitas nenas e nenos que poden ver estimulada a súa vocación deportiva”.
Están confirmados, entre outras e outros atletas, para a exhibición de lonxitude Lucía Sánchez (6,25 m) e Sergio Coello (7,85 m), para a de triplo salto, Ana Rita Silva (13,12 m) e Tiago Pereira (16,05 m) e para a pértega: Manuela Blanco (4 m) e Miguel Carbajales (4,90 m).
Precisamente coas marcas absolutas de salto de lonxitude quedou colocada diante da Peregrina unha fita de 9 metros cos nomes de Mike Powell, que saltou 8,95 m en 1991, e Galina Christiakova, que ten o récord do mundo en 7,52 desde 1988. A fita será despegada do chan o propio sábado, ao remate da exhibición.
O Rastrexo Solidario de Verducido chega á súa sexta edición o 22 de agosto, baixo a batuta da Asociación Cultural San Martín desa parroquia do norte do municipio. Os 9 km da proba comezarán ás 22 horas desde o campo de fútbol de Santa María de Xeve.
O evento deportivo consta de 14 probas que se desenvolven ao longo dos 9 km que se teñen que percorrer en equipos de entre 6 e 12 persoas. Ademáis da súa dimensión deportiva trae consigo un aspecto fundamental: o entusiasmo da parroquia que se volca co Rastrexo e o Rastrexín, un mini xogo concebido para a xente miuda.
O rastrexo realízase con fins solidarios, como fixera en anos anteriores con outras asociacións como Apropark (Asociación Parkinson Provincia Pontevedra), AGAELA (Asociación Galega de Afectad@s de Esclerose Lateral Amiotrófica) ou Bicos de Papel. Este ano recadarán fondos en favor da saúde mental. Son simplemente 7 euros que deben abonar as persoas participantes, un máximo de 35.
Dúas recoñecidas persoas que practican deportes de skate e bmp na cidade, Israel Sousa e Iago Lastra, participaron nunha xuntanza de traballo no Concello coa concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e as arquitectas Andrea Ricoy e Javier Segura para axustar algúns aspectos técnicos da instalación destinada para estes deportes con bicis e patíns no futuro parque da Parda. Tamén participou na xuntanza o Xefe de arquitectura do Concello, Ángel Velando.
Gulías agradeceu a implicación das protagonistas no avance do deseño facéndoos partícipes de perfilar os detalles que perfeccionen aínda máis o futuro espazo público. Unha instalación que se integrará no gran parque urbano da Parda e axudará a conformar unha zona de gran dimensión deportiva, pois no futuro acollerá un novo pavillón de deportes.
Desde as instancias deportivas recibiron todo tipo de explicacións —especialmente do arquitecto Segura, que tamén é practicante dalgunha destas disciplinas e coñece desde dentro as súas características— e realizaron interesantes observacións sobre os distintos circuitos e áreas das instalacións, que foron presentadas con planos, cotas e renders.
Precisamente as alturas, os materiais e características de bordillos, varandas, caixóns, pirámides ou rampas, además das pendentes, concebidas para que sirvan a distintos niveis de uso de cada disciplina e permitir algúns xogos máis creativos nos distintos percorridos sobre patíns ou bicis foron parte das intervencións dos deportistas, que se mostraron en xeral satisfeitos co deseño da instalación e agradecidos por seren consultados antes do empurrón definitivo da construción.
Unha interesante previa ás carreiras do mes de setembro terán lugar en Pontevedra entre o 11 e o 14 de agosto, coincidindo coa Feira do Mel. Trátase do Gran Tríatlon do Comercio, unha iniciativa do Centro Comercial Urbano Zona Monumental de Pontevedra, unha ambiciosa campaña de dinamización cultural e turística deseñada para atraer visitantes aos comercios tradicionais e independentes do casco antigo.
“Poñer no mapa o comercio local co argumento da Gran Final do Tríatlon”. Así presentou a concelleira Anabel Gulías esta actividade que anima a mercar no comercio a ritmo das tres disciplinas deportivas con preguntas interesantes sobre a cidade e as probas de tríatlon que se teñen celebrado aquí. “Unha combinación entre a Gran Final, o comercio local e a Feira do Mel”, en palabra do presidente do centro comercial urbcano, Miguel Lago.
O proxecto conta co apoio oficial das federacións deportivas e o Concello a través da concellería de Promoción Económica, unha alianza institucional que traslada os valores, o dinamismo e a identidade de marca da Boa Vila como capital mundial do tríatlon directamente ás rúas peonís do centro histórico, fusionando o espírito deportivo coa revitalización do tecido comercial local.
Un circuíto cultural a pé para familias e turistas
A actividade, totalmente gratuíta, consiste nun circuíto urbano de orientación a pé (tipo xincana). É un percorrido chá e sen dificultades técnicas, deseñado tanto para a veciñanza local como para os numerosos turistas que visitan a cidade en agosto. Os participantes deberán recoller o seu “Pasaporte de Triatleta” no posto de información da Feira do Mel (rúa Serra) e visitar os comercios adheridos á campaña.
Mantendo a temática deportiva, o percorrido divídese en tres sectores: o de natación, o de ciclismo e o de carreira a pé. Cada establecemento contará cun código QR único (situado no interior da tenda ou visible no escaparate). Ao escanealo cos seus teléfonos móbiles, os usuarios descubrirán datos históricos sobre a cidade ou anécdotas relacionadas co tríatlon. Para validar o pasaporte, deberán anotar a palabra clave de cada establecemento.
Incentivos comerciais e obradoiros creativos
Para fomentar o comercio local e a participación na xincana e nos obradoiros, as persoas interesadas deberán presentar un ticket de compra —por calquera importe— de calquera comercio do centro histórico da cidade.
Quen complete a metade da cuadrícula (15 casiñas) recibirá unha bolsa promocional oficial de “CCU Zona Monumental”. Quen complete as 30 casiñas do pasaporte recibirá, ademais da bolsa, un doce especial como obsequio.
Paralelamente, a zona da Feira do Mel, na rúa Serra, acollerá dous obradoiros creativos de artesanía de balde. Estas actividades están abertas tanto a adultos como a familias, non requiren inscrición previa e están programadas para dúas datas diferentes, o martes 11 de agosto, de 12:00 a 13:30 h, e venres 14 de agosto, de 11:00 a 12:30 h.
Os obradoiros titúlanse “Deseña a túa medalla de campión” e “Crea o teu chaveiro con técnica de “decoupage”.
A organización lembra aos participantes que, ao tratarse de actividades familiares compartidas, os menores deberán estar acompañados en todo momento por polo menos un adulto responsable, tanto durante a xincana como nos obradoiros. Pódese consultar toda a información escaneando o código QR principal que aparece nos carteis promocionais expostos nos establecementos participantes.
A travesía a nado do Lérez será por cuarto ano consecutivo un dos acontecementos deportivos do verán. Non só é unha competición local desde a praia de Monte Porreiro, senón tamén a 15ª etapa da XI Copa de España de Augas Abertas, unha etapa do XXII Circuito Galego e outra do I Circuito Luso Galaico de Augas Abertas.
A relación entre deporte e natureza está na xénese da promoción de eventos deste tipo en Pontevedra, que ten na auga un dos seus principais argumentos. O escenario do Lérez, en plena paisaxe deportiva da cidade, resulta un escenario natural do máximo engado tanto para as persoas participantes como para as e os espectadores.
A aposta municipal por este tipo de eventos é prioritaria, xa que combinan varios dos elementos principais da visión do Concello: a actividade física, a visibilidade exterior de Pontevedra, a promoción e uso respectuoso da natureza, e por suposto, a práctica deportiva máis competitiva, ao tratarse dun destacado evento do mapa federativo.
A proba estará amadriñada pola campioa de acuatlón neozelandesa Anneke Jenkins. Segundo as enquisas realizadas pola Federación Española de Natación, esta cita sitúase entre as tres mellor valoradas do país, co segundo posto en organización xeral e o terceiro en localización e accesos.
Unha sucesión de visitas deportivas cumprimentaron a mañá do martes ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e á concelleira de Deportes, Anabel Gulías. Foron un total de 8 clubs doutras tantas disciplinas que se achegaron a falar do balance da súa tempada deportiva e os proxectos de futuro de cara ao seguinte período.
Club Piragüismo Verducido, Rías Baixas de Atletismo, Bádminton Ravachol, Sociedade Ximnástica, Natación Galaico e Treboada de ximnasia. Tamén visitou a Casa Consistorial a loitadora Lydia Pérez Touriño, que conseguiu o ouro no Campionato de España e a prata nas Ranking Series Mundiais de Loita Praia.
En total máis de 50 deportistas da cidade visitaron ás autoridades, que puxeron en valor tanto o esforzo individual e en equipo de competidores e competidoras como o traballo dos clubes, na súa maioría dependentes do traballo voluntario das súas directivas ou responsables.
Un esforzo ao que non é alleo o Concello, que conta con diversas liñas de colaboración, tanto con subvencións directas como a través doutras fórmulas como as Escolas Deportivas, das que os clubs son alicerces fundamentais.
Os nomes propios
Entre os nomes propios que xiraron visita a alcalde e concelleira hai varias campioas e Campións de competicións estatais como, no caso do piragüismo Claudia Lamas, Julio Baliñas, Ánxela Fontán, Carmen Ventura, Rosa Ana e María Diñeiro, Siegrun Bischof, Aitana Casal, Antía Tejera, Marta Carlés, María Portela, Rut Otero, Laura Ventura, Claudia Lamas, Alexandre Oglesias, Alejandra Oliete, Ángela Rodríguez, Martín Figueira, Diego Magdalena, Joel Tejera, Candela Álvarez, Paula Vaz, Unai Bernárdez, Carlos García, Mauro Domínguez e Lorena Pérez.
Do Rías Baixas de atletismo achegáronse Gonzalo Méndez, Jacobo Soler, Nicolás Saavedra, Mateo Refojo, Celia Couto, Diego Alberto Ferradás, David Vicente García e Noa Valiñas.
Do Ravachol visitaron o Concello tres componentes do clube, que acadou o terceiro posto na Liga Nacional de División de Honra 2025-2026, igualando o mellor resultado da súa historia na máxima categoría do bádminton español.
Catro foron os atletas que representaron á Ximnástica, entidade que celebra o próximo ano o seu centenario: Guillermo Piñeiro, Nicolás Piñeiro, Luis Durán e Diego Acuña.
Mariña Calvo, Iván González e Deva Alonso exhibiron o seu poderío con diversos trunfos en varias disciplinas de natación en representación do Galaico, e polo Clube Treboada estiveron no Concello Enma Medrano, Laura Pereira e Lucía Cima, Martina Maquieira, Rosalía Lorenzo e Maruxa Casas, todas elas prata en diversos campionatos de España.
A primeira semana completa de xullo comeza co Campionato de Europa de péntatlon moderno sub 17, que ten lugar entre o 6 e o 11 deste mes veranego no que hai outras tres importantes celebracións.
Do 10 ao 12, no complexo deportivo do Pontillón co Castro terá lugar a Copa de España de xoves promesas de piragüismo, que se realiza tras o campionato da mesma disciplina e categoría de La Cartuja, en Sevilla, que foi en abril. A organización corre da man da Fegapi.
A seguir, tamén no Pontillón de Verducido celébrase os días 18 e 19 de xullo o Campionato Galego Sprint junior e senior, enmarcado na liga de sprint olímpico desta modalidade. Organiza a Federación Galega de Piragüismo.
Por último, xullo tráenos o XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de Xadrez, un festival internacional de xadrez que se desenvolve entre o 24 e o 30 deste mes do verán. Xóganse máis de 13.000 euros en premios e é puntuable para ELO-FIDE e terá como marco o Pavillón Universitario da rúa Cruz Vermella.
Xestionar o consentimento
Para ofrecer as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento destas tecnoloxías permitiranos procesar datos como o comportamento de navegación ou ID únicos neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas características e funcións.
Funcional
Sempre activo
O almacenamento técnico ou o acceso é estritamente necesario coa finalidade lexítima de posibilitar a utilización dun servizo concreto solicitado expresamente polo abonado ou usuario, ou coa única finalidade de realizar a transmisión dunha comunicación a través dunha rede de comunicacións electrónicas.
Preferencias
El almacenamiento o acceso técnico es necesario para la finalidad legítima de almacenar preferencias no solicitadas por el abonado o usuario.
Estatísticas
O almacenamento técnico ou o acceso que se utiliza exclusivamente para fins estatísticos.El almacenamiento o acceso técnico que se utiliza exclusivamente con fines estadísticos anónimos. Sin un requerimiento, el cumplimiento voluntario por parte de tu proveedor de servicios de Internet, o los registros adicionales de un tercero, la información almacenada o recuperada sólo para este propósito no se puede utilizar para identificarte.
Marketing
O almacenamento técnico ou o acceso é necesario para crear perfís de usuario para enviar publicidade ou para rastrexar o usuario nun sitio web ou en varios sitios web con fins de mercadotecnia similares.