Mellórase o ximnasio do Pavillón

Mellórase o ximnasio do Pavillón - DEPORTE PONTEVEDRA

Algúns cambios e melloras no material están realizándose para poñer a punto e facer máis útil o ximnasio do Pavillón Municipal de Deportes, unha instalación de uso restrinxido aos clubs que utilizan esta instalación bandeira do equipamento deportivo de Pontevedra.

Incorporouse unha nova máquina para adestrar perna, algo que se viña botando de menos. Tamén se realizaron nos últimos meses algunhas melloras de saneamento do espazo, ubicado baixo as gradas, dotando ao conxunto dunha estética máis contemporánea e mellorando as condicións de luz. 

Toda esta reforma foi realizada polo persoal habitual do propio Servizo Municipal de Deportes, sen necesidade de realizar contratacións específicas, máis aló da adquisición dos propios materiais necesarios.

Este equipamento deportivo é utilizado habitualmente por catro equipos deportivos da capital que adestran na instalación: o Cisne, o Teucro, o Leis de a Sociedade Ximnástica de Pontevedra.

A Travesía a Nado do Lérez intégrase no circuíto luso galaico

A Travesía a Nado do Lérez intégrase no circuíto luso galaico - DEPORTE PONTEVEDRA

A 4ª edición da Travesía a Nado do Lérez, que terá lugar o día 9 de agosto, sumará un novo atractivo, xa que pasa a formar parte do Primeiro Circuíto Luso-Galaico de Augas Abertas como unha das probas máis longas das cinco que compoñen o campionato, con 4.000 m.

A proba pontevedresa formaba parte xa do Circuito Galego de Augas Abertas e é considerada unha “proba 500” da Copa de España de Augas Abertas, unha das máximas categorías desas competicións.

Con esta dimensión internacional, o evento que organizan o Concello e o Club Natación Galaico conquista un novo mérito, consolidándose en tan só 4 anos como unha das grandes competicións neste deporte.

O circuito luso galaico componse de 5 carreiras. Darase a saída o 2 de agosto en Portugal coa proba de Barragem da Queimadela, de 3.500 m, pasará a Galicia o 8 dese mesmo mes na Travesía Vila do Tea (Ponteareas) con 3.600 m, para que ao día seguinte teña lugar a proba pontevedresa no ecuador do circuito. Xa en setembro, o día 13 será o Desafío FEGAN, de 2.500 m na praia de Coroso (Ribeira), para rematar no Douro Bridges Porto&Gaia Open Water, de 4.000 m baixo as pontes que unen Porto e Vilanova de Gaia, coa mesma distancia que a da praia fluvial pontevedresa.

Salcedo, a última incorporación dos campos de fútbol con estilo no rural

Salcedo, a última incorporación dos campos de fútbol con estilo no rural - DEPORTE PONTEVEDRA

Coa incorporación do campo de fútbol de Salcedo son cinco os senlleiros recintos deste tipo que o Concello de Pontevedra encargou ao esdudio Santos-Mera, que realizan as súas obras cunha estética moi ben definida e que se alonxa dos cánones habituais.

Esta coidada infraestrutura, situada en Cabanas, é a quinta en entrar en servizo, tras os de Cerponzóns, Campañó, Santa María de Xeve e Ponte Sampaio… todos eles con erva artificial e uns personalísimos e coidados envolventes que normalmente albergan os servizos de vestiarios, ambigú, almacéns e outras instalacións propias, ademáis das gradas que ocupan espectadores ou acompañantes.

No caso de Salcedo, conta ademáis cun aula de interpretación da natureza, xa que se insire nun espazo de alto valor paisaxístico. A colaboración veciñal e da Comunidade de Montes foron fundamentais para chegar ao fin deste proxecto, que completa unha rede de infraestruturas de alto valor comunitario no rural pontevedrés.

Aquí tes máis información sobre o campo e as obras de acceso complementarias

Proxectos: Santos e Mera arquitectos. Fotografía: Santos-Díez

Esta galería recolle algunhas fotos destes novos campos de fútbol.

Natación artística, tríatlon e péntatlon, tríada internacional de Pontevedra para 2026

Natación artística, tríatlon e péntatlon, tríada internacional de Pontevedra para 2026 - DEPORTE PONTEVEDRA

As tres competicións internacionais que este ano recalan en Pontevedra quentan motores. Se a finais de maio ven o mundial de natación artística, en pleno xullo un europeo sub 17 de péntatlon moderno e xa cara a finais de setembro a Gran Final de Tríatlon, que chega a Pontevedra despois de pasar por Emiratos, Uzbekistán, Xapón, Cerdeña, Bretaña, Hamburgo, Londres, China e Chequia.

Por primeira vez a sección ciclista do tríatlon arrodeará o centro histórico por Arcebispo Malvar, Michelena e Cobián Roffignac, pasando diante de tres dos principais elementos patrimoniais da cidade: a Basílica, o Concello e a Peregrina, ademáis do edificio Castelao do Museo.

En canto á natación artística será un espectáculo visual de primeira magnitude que achegará aos competidores á piscina da Fundación Rías do Sur en Ponte Muíños. Alí se concentrará o interés mundial deste deporte que promete apostas plásticas cheas de suxestivas imaxes.

O torneo abrirá coa primeira etapa en Medellín (Colombia), entre o 13 e 15 de febreiro, seguida de París, Xi’an (China) e Pontevedra; e pechará en Toronto (Canadá) coa última etapa do torneo, que levará a cabo entre o 19 e o 21 de xuño. A deste ano non será a única proba da Copa do Mundo que se disputará en Pontevedra xa que o Concello ten acordado coa Federación Española de Natación un calendario que inclúe a proba de 2027 e a superfinal de 2028.

Esgrima, natación, carreira de obstáculos, tiro con pistola e Carreira, estas dúas últimas combinadas na modalidade laser run, conforman o mundial sub 17 de Pentatlon moderno, unha espectacular competición que terá lugar na contorna Centro Galego de Tecnificación Deportiva entre o 12 e o 17 de xullo.

Coidando a saúde acústica do deporte

Coidando a saúde acústica do deporte - DEPORTE PONTEVEDRA

Os espectáculos deportivos que teñen lugar en Pontevedra teñen especial coidado cos ruídos molestos capaces de provocar un excesivo estrés acústico, para non confundir a animación —un ritual deportivo agradable e suxestivo— coa incomodidade que producen aquelas persoas qeu pensan que por facer máis ruido animan mellor.

Os siareiros e siareiras non poderán accionar instrumentos musicais, bucinas, bucinas de aire comprimido —as chamadas vuvuzelas— ou calquera outro dispositivo xerador de ruído excesivo ou non esencial para o ánimo deportivo.

Entre as persoas máis favorecidas por esta medida atópanse quen dispoñen de implantes auditivos, utilizan audífonos, ou son aínda bebés… incluso persoas con autismo ou outro tipo de doenzas que se poden verse agravadas polas condicións acústicas.

Isto é posible en Pontevedra grazas á Ordenanza Municipal de Protección do Medio Ambiente contra a Contaminación Acústica (BOP nº 110, 9 de xuño de 2000, e nº 33, 15 de febreiro de 2001). A organización de calquera proba poderá requirir a retirada ou depósito temporal dos obxectos que provocan o ruido e, no seu caso, denegar o acceso a quen incumpra esta norma.

Son medidas que se toman para preservar o control acústico dos espectáculos, que poden ter música ambiental ou rexistrar a normal animación a equipos ou deportistas, pero sen xerar un ruido excesivo.

Pontevedra sitúase así na avangarda deste tipo de decisións. Tamén nas grandes manifestacións festivas que solen expresarse con bastante ruido, como as cabalgatas, resérvase un segmento do percorrido en silencio para que o momento poida ser gozado por persoas que non soportan ben este tipo de excesos.

O europeo U17 de Péntatlon moderno: un espectáculo deportivo para o verán pontevedrés

O europeo U17 de Péntatlon moderno: un espectáculo deportivo para o verán pontevedrés - DEPORTE PONTEVEDRA

O europeo U17 de péntatlon moderno recalará en Pontevedra do 7 ao 12 de xullo de 2026, no que será unha das tres competicións internacionais que terán lugar na cidade este ano. As outras duas son a Copa do Mundo de natación artística, entre o 29 e o 31 de maio, e a Gran Final do mundial de Tríatlon absoluto, do 23 ao 27 de setembro.

A cidade convértese nun punto de referencia internacional nesta disciplina, collendo a testemuña da localidade catalá de Esplugues de Llobregat. O centro neurálxico de toda a competición será o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), un lugar ideal para acoller eventos desta magnitude.

O pentatlón moderno é un deporte olímpico que esixe moitísimo ás persoas que o practican, que neste caso son mozos e mozas menores de 17 anos (categoría U17). A competición combina cinco disciplinas moi diferentes, poñendo a proba a resistencia física e a precisión mental.

Comezan coa esgrima (espada a un toque), seguida da natación (200 metros estilo libre) e unha carreira de obstáculos. A parte máis moderna e visualmente interesante é o final: o laser run. Aquí é onde se fusionan o tiro con pistola láser e a carreira (3.000 metros en total), cos deportistas parando cada 600 metros para completar unha rolda de tiro antes de seguir correndo.

Durante eses seis días de xullo, veremos moita acción no CGTD. As probas divídense en varias modalidades, o que asegura un calendario completo. Teremos a competición individual (masculina e feminina), as probas de substitucións (masculino, feminino e mixto) e tamén a modalidade por equipos (tanto masculinos como femininos). É unha oportunidade para ver á futura elite deste deporte en acción.

Portal da Federación Española de Péntatlon Moderno

Ponse a punto o rocódromo da Xunqueira

Ponse a punto o rocódromo da Xunqueira - DEPORTE PONTEVEDRA

As presas do rocódromo do multiusos da Xunqueira serán ampliadas e renovadas para darlle maior operatividade á instalación, na que adestran as persoas que practican escalada nas súas distintas modalidades e categorías.

Grazas á nova adquisición, a instalación quedará lista para adestrar con nivel esixido por copas ou campionatos de España ou internacionais, co que a infraestrutura gaña versatilidade e pode admitir unha maior variedade de usuarias e usuarios.

Ademáis de mercar novas presas, van desmontarse todas as actuais, limpalas e restauralas para que o conxunto quede en óptimas condicións de uso. Estímase que en total hai unhas 300 presas, e a duración desta operación de posta a punto rondará o mes, día arriba, día abaixo.

A fidelidade da xente de Pontevedra a un só deporte

A fidelidade da xente de Pontevedra a un só deporte - DEPORTE PONTEVEDRA

A maior parte das persoas que practican deporte en Pontevedra optan por máis de unha modalidade deportiva, xa que o 56% das persoas consultadas pola enquisa de hábitos deportivos son monotemáticas, pero o nivel de fidelidade a un só deporte en Pontevedra (43,9%) é máis alto que en Galicia (27,2%) e España (26,8%).

Entre os deportes que se practican máis na capital do Lérez están as actividades de ximnasio (12,3%), ciclismo (10,1%), fútbol 11 e 7 (7,6%), pilates (7,4%) e carreira (7,4%. Do top 5 para abaixo atópanse a natación no sexto lugar (6,3%), pádel como sétima modalidade (5,7%) e sendeirismo no oitavo posto (4,4%).

Contrastando cos datos do que ocorre en Galicia, o top 5 do país está composto por ciclismo, sendeirismo, ximnasia suave, ximnasia intensa e natación, un panorama moi semellante ao do conxunto do estado español, aínda que en Galicia prima o sendeirismo sobre todo o demáis… algo terá que ver a nosa paisaxe.

En canto ás franxas de idade, as persoas máis mozas (ata os 24 anos) sinalan en maior medida practicar un só deporte en Pontevedra, aínda que non chegan á metade da mostra, e no grupo de 25 a 34 anos, o 51,2% das persoas fan un só deporte. Sen embargo, nestas franxas de idade a nivel estatal é onde resulta máis habitual que se participe en máis dunha modalidade. Entre os 35 e os 74 anos a situación invértese, xa que en Pontevedra vai medrando a cantidade de persoas que practican máis dunha modalidade deportiva e en España vai minorando, pero sempre son maiores as cifras estatais. No caso das persoas 75 e máis anos, en Pontevedra o 80% practica só unha modalidade, mentres que esta cifra en España baixa ao 61,1%.

A Enquisa de Hábitos deportivos foi realizada en Pontevedra para analisar a relación da súa poboación co deporte. Participaron case 400 persoas, cunha lixeira maioría de mulleres. O interés polo deporte en xeral no municipio pontevedrés acadou un 7,4% superando ao que se rexistra en España (6,4%) e en Galicia (5,9%). En canto á práctica deportiva habitual tamén gaña Pontevedra cun 6,5% da poboación contra un 5,7 en España e un 5,3 en Galicia.

Saúde, patrimonio, paisaxe e irmandade, resultado de Ponteandadas en 2025

Saúde, patrimonio, paisaxe e irmandade, resultado de Ponteandadas en 2025 - DEPORTE PONTEVEDRA

Unha experiencia “moi positiva e satisfactoria” foi a sétima edición do programa PonteAndadas, que tivo lugar durante o pasado ano. Cunha clara aposta pola innovación deportiva, o ciclo de rutas logrou cifras de éxito en canto a participación e fidelización dos usuarios e usuarias, que se contaron entre 121 persoas na ruta menos concorrida —a do Monte Castrove— e as 259 a de maior número, a celebrada entre as verdes paisaxes de Bora.

En conxunto rexistráronse case 1.500 participantes, aínda que moitos deles repetiron nesta saudable experiencia de empregar un domingo pola mañá ao mes a coñecer os arredores da capital en convivencia con outras persoas.

O programa consolidouse como un motor de actividade física, especialmente para os máis maiores. Segundo recolle o balance oficial, o Concello destaca que a iniciativa ofrece unha oportunidade vital para realizar exercicio nun ambiente “natural e relaxado”, facilitando a integración de persoas que poderían ter dificultades para encaixar noutras disciplinas.

“Estase a realizar un traballo social de contacto e interacción moi motivador”, sinala a concelleira de Deportes, Anabel Gulías ao coñecer o balance organizativo. Engadiu que “máis alá do deporte, estas camiñadas combaten a soidade e fomentan a cohesión social”.

Un dos valores máis destacados desta edición foi a posta en valor do territorio local. O programa permite aos participantes descubrir lugares de “notable encanto e beleza” sen saír do municipio. Ao realizarse nas distintas parroquias de Pontevedra, a veciñanza goza dunha contorna privilexiada “sen apenas custes de desprazamento”, optimizando así o seu tempo e recursos.

Desde as flores da primavera ata as paisaxes invernais, o programa cubriu as estacións máis acaídas para camiñar: primavera, outono e inverno. A ruta do Río Verdugo destacou pola súa esixencia técnica con “constantes subidas e baixadas”, desafiando as persoas máis preparadas. A de outono, que tivo lugar na Fracha, ofreceu espectaculares paisaxes sobre as rías desde os seus numerosos miradoiros. A ruta final do ciclo, xa en decembro, pechou cunha nota solidaria en Xeve, onde se realizou unha importante entrega de produtos para o banco de alimentos local.

Fomentouse a conciencia ambiental mediante a entrega de materiais para a recollida de lixo en múltiples andainas, e realizáronse exercicios iniciais con actividades de zumba ou iniciación á marcha nórdica para quecementos. De cara ao futuro, o Concello márcase como obxectivo mellorar a difusión destas actividades e potenciar a participación de familias con persoas de menor idade.

A alta participación neste programa ven confirmar datos relevantes sobre a actividade física local, que destaca entre as cidades de Galicia como a de maior implicación no deporte.

Aquí tes máis información sobre o programa, que publicará próximamente a oferta de actividades para 2026.

Novo equipamento top para volei

Novo equipamento top para volei - DEPORTE PONTEVEDRA

Un equipamento profesional e homologado para o voleibol será adquirido polo Concello para ser instalado, en principio, no Pavillón Multiusos da Xunqueira, onde poderá utilizarse de xeito normalizado.

De se necesitar no Pavillón Municipal ou en calquera outra instalación, podería trasladarse, xa que o seu traslado resulta sinxelo. Os postes de voleivol están homologados para a alta competición europea e están deseñados, fabricados e certificados polo Instituto de Biomecánica de València, da politécnica da capital levantina.

O seu deseño telescópico permite adaptar a rede a calquera altura das permitidas pola FIVB, fabricado en barra circular de aceiro. Os postes compleméntanse con duas redes de alta competición, fabricada en polipropileno sen nos, de 3 mm de grosor. Leva cable de aceiro galvanizado e plastificado, así como cintas de pvc brancas ou negras.

Tamén se adquire un protector de poliuretano monobloque así como outros complementos auxiliares que permiten unha instalación de altas prestacións. En conxunto, con impostos incluidos, realízase un investimento de máis de 7.000 euros.