Melloras nas duchas do pavillón

Melloras nas duchas do pavillón - DEPORTE PONTEVEDRA

O máximo confort posible dos espazos utilizados para a competición ou a actividade física está sempre no punto de mira da xestión deportiva. Algo máis de 5.000 euros destinaránse en breve a cambiar unha das tubaxes xerais que presta servizo a seis dos vestiarios do Pavillón Municipal.

As novas serán de polipropileno e servirán para renovar a antiga instalación obsoleta e mellorar así os servizos de auga quente sanitaria. A operación consiste en mudar uns 60 metros de tuberías e utilizar 238 conexións, que son as necesarias para deixar o circuito de auga quente funcionando de novo.

A principal instalación deportiva cuberta da cidade é un histórico edificio que leva a sinatura do egrexio arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota Martínez, un dos máis sobranceiros da súa xeración. O histórico edificio data de 1965 e agóchase dentro da actual estrutura branca de aspecto industrial.

Case o 10% da poboación, na San Silvestre de Pontevedra

Case o 10% da poboación, na San Silvestre de Pontevedra - DEPORTE PONTEVEDRA

A San Silvestre de Pontevedra 2025 converteu un ano máis a despedida do ano nunha gran celebración colectiva da saúde, da convivencia e do espazo público. Cunha participación do 8,33 % da poboación empadroada, os 7.000 dorsais repartidos, que supoñen máis de 7.000 persoas correndo ou camiñando polas rúas da cidade, acompañadas por milleiros de veciñas e veciños que animaron ao longo de todo o percorrido, enchendo Pontevedra de vida e ambiente festivo.

Os sete milleiros de participantes convírtena na carreira máis participada das que se celebran en fin de ano en Galicia, seguida da da Coruña (6.700, máis 100 na “Cansilvestre”) Vigo (5.700) e Santiago (2.269). En relación á de Pontevedra, a San Silvestre Vallekana (42.000 participantes) tería que superar as 300.000 persoas segundo a poboación da capital.

Este dato sitúa a Pontevedra moi por riba das principais cidades do Estado en termos de participación cidadá e confirma que aquí o deporte non é un feito puntual, senón unha expresión natural da forma de vivir a cidade.

Un resultado que avala anos de políticas públicas coherentes

Tal e como recolle o Estudo de Hábitos Deportivos no Concello, realizado 2024, a cidade conta cunha base social especialmente activa. O 60% da poboación practica deporte polo menos unha vez á semana, superando amplamente as medias galega e estatal, mentres que case o 70% da cidadanía camiña máis de 10 minutos diarios, un dato que duplica a media galega e supera en máis de 20 puntos a estatal.

“A San Silvestre é a mellor fotografía do resultado de anos de políticas públicas coherentes, que apostan polo espazo público, pola mobilidade activa e pola saúde como dereito colectivo. Cando a cidade está pensada para as persoas, as persoas respóndenlle participando”.

Pontevedra, a nivel das cidades e países máis avanzados en hábitos saudables

Os datos empíricos sitúan á cidade a niveis equiparables aos dos países europeos máis avanzados en hábitos de vida saudable, como Finlandia, Países Baixos, Dinamarca ou Suecia. Unha realidade que non é froito da casualidade, senón dun modelo urbano que facilita a actividade física cotiá e o uso do espazo público como lugar de encontro.

Neste contexto, a San Silvestre convértese nun evento simbólico, que non crea o hábito, senón que o fai visible nun momento colectivo e compartido por milleiros de persoas.

Igualdade e participación feminina: outro dos piares do modelo deportivo

A participación feminina no deporte é outro dos indicadores que reforzan o balance positivo. Alén dos bos datos recollidos no estudo de hábitos, a convocatoria de subvencións anuais 2025 aos clubs deportivos do municipio confirma, a través do número de licenzas federadas, unha participación feminina no deporte federado claramente superior ás medias de Galicia e de España. Este dato avala o impacto das políticas municipais orientadas á igualdade e á creación dunha basedeportiva ampla, diversa e sostible no tempo.

Unha cidade que corre e anima xunta

A tradicional carreira de fin de ano é moito máis ca unha carreira popular. É un evento de cidade, no que quen corre e quen anima forman parte do mesmo movemento colectivo, ocupando a rúa, compartindo espazo e reforzando os vínculos sociais. Consiste en despedir o ano facendo saúde e confirma, cun feito masivo e ilusionante, que o camiño iniciado hai anos segue dando froitos: unha cidade máis activa, máis igualitaria e mellor para vivir.

Gratitude á Ximnástica e ás entidades colaboradoras

O Concello de Pontevedra quere trasladar un agradecemento especial á Sociedade Gimnástica de Pontevedra polo excelente traballo desenvolvido, en estreita colaboración e dirección do Servizo de Deportes, na dirección técnica da carreira e na coordinación do plan de voluntariado, clave para o bo desenvolvemento do evento.

Así mesmo, recoñécese o labor imprescindible da Agrupación Local de Protección Civil de Pontevedra, cuxa colaboración garantiu a seguridade e o correcto funcionamento da proba ao longo de todo o percorrido, coordinados pola Policia Local.

O Concello quere tamén agradecer a implicación das empresas colaboradoras, en especial Froiz, A’Devesa, Galmotor e Miler Vintage Runnig Club, polo seu apoio e compromiso cun evento que promove valores de saúde, participación cidadá e convivencia.

Aquí máis información

O modelo urbano favorece a vida activa

O modelo urbano favorece a vida activa - DEPORTE PONTEVEDRA

O estudo elaborado polo Observatorio Galego do Deporte, do Clúster do Deporte Galego conclúe que a transformación da cidade favoreceu a relación dos habitantes de coa actividade física habitual: “a alta cifra de persoas que se desprazan camiñando obtida neste estudo pode relacionarse co modelo urbano implementado neste municipio, que fixo do feito de camiñar unha solución ao seu problema permanente de mobilidade”.

Esta rotunda afirmación baséase en que case o 70% da poboación camiña máis de 10 minutos seguidos cada día, superando as medias galega (36,8) e española (47,5). A referencia de 10 minutos débese a que o estudo se realizou en base a dúas referencias existentes para facilitar a comparativa: a Enquisa española de Hábitos Deportivos e a Enquisa europea de Saúde. No estudo participaron 385 persoas contactadas telefonicamente.

Outra conclusión extraída polos autores da análise relacionada co modelo urbano titúlase “A cidade como instalación deportiva”, e nela faise referencia á “ampla rede de sendas que aproveitan os espazos naturais da contorna da cidade”. Ademais, din textualmente, “unhas rúas sen demasiados coches significan unhas rúas sen excesivos fumes e ruídos, con máis espazo libre para as persoas e con maiores posibilidades de lecer, recuperando o concepto da cidade como lugar de encontro”.

Na cidade existe unha gran conciencia sobre a importancia do deporte e dos estilos de vida saudables. Mostra disto é que as persoas maiores de 45 anos practican deporte, fundamentalmente, por motivos de saúde; mentres que a motivación principal para menores de 45 anos é, “simplemente”, o gusto polo deporte. Isto reflicte a implantación dunha cultura deportiva, na que o deporte se converte nun dos eixos centrais da vida dos pontevedreses e pontevedresas.

“A peonalización extensiva do centro histórico da cidade do Lérez e das áreas circundantes, iniciada no ano 1999, xunto coa restrición do tráfico motorizado e a eliminación de barreiras arquitectónicas, promoveron unha contorna segura e accesible, que prioriza a mobilidade activa —proseguen as conclusións do estudo— o que mellora a calidade urbana e favorece un estilo de vida máis saudable e inclusivo, creando unha cidade compacta, densa e diversificada, onde as necesidades diarias poden resolverse en traxectos curtos de 10 ou 15 minutos a pé”.

Co apoio de medidas como itinerarios peonís, zonas 20 e 30, e plataformas únicas, Pontevedra está consolidada como unha referencia internacional na mobilidade sostible, e o dato de que case o 70% da súa poboación camiña máis de 10 minutos sucesivos todos os días para desprazarse avala este novo modelo, que ten en conta a accesibilidade universal, a seguridade viaria, a conservación do patrimonio e a mobilidade infantil.

Outros datos do estudo indican que case o 60% das persoas practican deporte de forma regular (polo menos unha vez á semana), cando a media galega está por baixo do 50% da poboación. Ademais, este dato coloca a Pontevedra por encima de todas as comunidades autónomas en niveis de poboación activa.

Más do 80% das persoas menores de 34 anos practican deporte de forma semanal, cando a media estatal sitúase en torno ao 70%. En relación ás persoas que participan en competicións deportivas, fano o 23% das consultadas, cifra superior á media estatal e á de todas as comunidades autónomas.

Tamén o número de persoas abonadas a ximnasios case duplica á media galega, e hai unha maior porcentaxe de persoas vinculadas ao deporte que nas medias estatal e galega tamén no resto de vertentes: posesión de licenzas federativas, abono a entidades deportivas e apoio ao deporte como voluntariado ou a través de doazóns. Destaca tamén a alta porcentaxe de mulleres abonadas a ximnasios neste municipio.

No capítulo das recomendacións, o estudo aconsella continuar loitando contra a fenda de xénero, impulsar as iniciativas específicas para persoas maiores e a implantación da receita deportiva no ámbito sanitario.

Dous millóns de galegxs activxs en 2030

Dous millóns de galegxs activxs en 2030 - DEPORTE PONTEVEDRA

O “Plan 2 Millóns” en Galicia é unha iniciativa do Clúster Industria e Deporte Galego para aumentar a 2 millóns o número de persoas residentes en Galicia que practican deporte regularmente, sacando a unhas 700.000 persoas do sedentarismo antes de 2030. O Concello de Pontevedra forma parte activa deste plan 2M.

Búscase así mellorar a saúde e a calidade de vida, e fomentando o desenvolvemento do sector deportivo. Baséase na colaboración público-privada, implicando a federacións, universidades e o propio sector, para promover a actividade física como motor de desenvolvemento e prevención de enfermidades, cun enfoque na participación cidadá e o benestar xeral.

Segundo o estudo de hábitos deportivos da capital pontevedresa, as persoas que nunca fan deporte son 34 de cada cen, un dato inferior ao galego (a metade non fai deporte) e ao español, onde son 43 as persoas inactivas de cada cen.

Neste sentido, Pontevedra prantexa o “reto do 40”, que trata de baixar esa porcentaxe de persoas que teñen pouco hábito de actividade física semanal. O 59,3% das persoas de Pontevedra teñen dedican algún tempo semanalmente á actividade física.

O plan ten como obxectivos principais incrementar o número de participantes nas actividades deportivas, ao pasar de 1,3 millóns a 2 millóns de persoas activas en Galicia; reducir o sedentarismo provocando que unhas 700.000 persoas deixen de ser consideradas inactivas físicamente. En definitiva, trátase de mellorar a saúde física e mental, utilizando o deporte como ferramenta de prevención e benestar. 

Para logralo, tratan de establecer unha estratexia baseada na colaboración entre as industrias agrupadas no clúster do deporte, a Xunta —a través de iniciativas como o Plan Corresponsables e patrocinios—, universidades e entidades deportivas, así como concellos como o de Pontevedra, vencellado a esta iniciativa.

Buscan tamén fomentar a participación a través de actividades deportivas organizadas coas federacións e universidades, ademáis de apoiar ao sector con plans de patrocinio para equipos de alta competición e promoción do deporte feminino. A conciliación é así mesmo unha bandeira do Plan 2M, con programas como o Plan Corresponsables, que facilitan a participación familiar. 

Galicia é unha das comunidades con menor porcentaxe de poboación activa —non así a cidade de Pontevedra, que presenta índices bastantes superiores—, polo que este plan busca alcanzar estándares nórdicos de saúde e calidade de vida. A iniciativa busca a implicación de toda a sociedade galega para converter o exercicio físico nunha rutina. 

Somos ouro respetando o planeta

Somos ouro respetando o planeta - DEPORTE PONTEVEDRA

A sede pontevedresa foi designada coa certificación ouro tras a organización do último campionato mundial Multisport 2025, co que a vindeira edición da Gran Final das Series Mundiais, que terán lugar en setembro de 2026 xa parten duns criterios ambientais da máxima esixencia.

Foi o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Javier Camos, quen fixo entrega ao alcalde de Pontevedra e presidente do Comité Organizador, Miguel Anxo Fernández Lores, o certificado que testemuña esa alta consideración ambiental da WT.

O compromiso con esta certificación demostra a implementación por parte dos organizadores do evento de medidas sostibles en todas as áreas do evento: gobernanza, persoal, instalacións e infraestruturas, aloxamento, compras, mobilidade, enerxía, catering, xestión de residuos, xestión da auga, biodiversidade, estilo de vida saudable, comercialización, concienciación, comunicación…

“Estamos encantados de ver os éxitos que os organizadores do evento acadaron nestas áreas a través dos seus programas e iniciativas ambientais, como o logro do 74 % de desvío de residuos”, di nunha carta Jen Cerullo, o mánager de sustentabilidade de World Triatlon: “A nosa máis sincera felicitación ao equipo de Pontevedra por este logro continuado. O traballo realizado é un legado non só para a cidade de Pontevedra, senón tamén para o noso deporte e o noso planeta”.

A avaliación foi realizada segundo as directrices da Guía de Sustentabilidade de World Triathlon para organizadores de eventos e a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.

As cifras da colleita ambiental que deu lugar á máxima consideración son moi elocuentes. Neste enlace tes unha ampla descrición numérica dos logros ambientais do campionato.

10 pequenas e grandes cidades para o Mundial de tríatlon 2026

10 pequenas e grandes cidades para o Mundial de tríatlon 2026 - DEPORTE PONTEVEDRA

Publicáronse xa as sedes que conforman o Campionato do Mundo de Tríatlon, que por segunda vez celebra a súa Gran Final en Pontevedra. Este 2026 serán dez as carreiras que puntúen para coroar á campioa e o campión do mundo de tríatlon, que comeza na cidade arábiga de Abu Dhabi (millón e medio de habitantes) o vindeiro día 27 de marzo.

Este ano non haberá nengunha sede americana, xa que catro estarán en Asia e seis en Europa. Combínanse pequenos destinos como o pobo bretón de Quiberon, con enormes urbes globais como Londres ou Yokohama.

Tras Abu Dhabi a Carreira trasládase á Rota da Seda, concretamente á cidade uzbeka de Samarkanda (500.000 habitantes), todo un referente histórico para este percorrido, onde estará os días 25 e 26 de abril.

A terceira sé será Yokohama, (3,7 millóns de habitantes) en Xapón, país onde nace o sol, o 16 de maio. A cidade sarda de Alguer (42.0000 hab) acollerá a cuarta carreira o 5 de Xuño, quince días antes da quinta carreira, en Quiberon (5.000 habitantes), na Bretaña francesa. Hamburgo (1,8 millóns de persoas e que será a sede da Gran Final en 2027) o 11 de xullo e Londres (9,9 millóns) o 25 serán as duas carreiras europeas antes de que o mundial visite Weihai (2,8 millóns de habitantes), cidade chinesa que celebrará a súa carreira o 29 de agosto.

A última antes da gran final pontevedresa será Karlovy Vary (50.000 hab), un precioso destino checo que atletas e organización visitará o 13 de setembro. Dez días despois, o 23, comezará a cita pontevedresa para celebrar a Gran Final durante 4 días en distintas modalidades e carreiras.

O web do tríatlon xa está adaptada para a Gran Final de 2026

O web do tríatlon xa está adaptada para a Gran Final de 2026 - DEPORTE PONTEVEDRA

O espazo electrónico triatlon.pontevedra.gal, destinado a acoller toda a información dos eventos internacionais deste deporte na cidade, xa comezou a publicar contidos relacionados coa Gran Final das Series Mundiais que terá lugar entre o 23 e o 27 de setembro.

Este web é de interés local, xa que recolle a información non só deportiva que se xera en torno a esta gran cita deportiva. Tamén se pode consultar esta, editada pola World Triathlon, dedicada a temas básicamente deportivos, e estoutra, da Federación Española de Tríatlon, na que tamén se recolle bastante información sobre o campionato, desde a óptica estatal.

De momento, irán aparecendo neste sitio local as novas que van xurdindo en torno á organización e a programación das carreiras, así como a apertura do período de inscricións para os Grupos de Idade, os sectores do evento que máis persoas atraen á cidade.

Tamén hai links a datos sobre a programación das viaxes e outros detalles de maior interese para as e os competidores. Nos próximos días irán aparecendo os horarios das probas e mesmo os percorridos das carreiras.

Canto interés ten Pontevedra no deporte?

Canto interés ten Pontevedra no deporte? - DEPORTE PONTEVEDRA

A cidadanía de Pontevedra supera en máis ou menos un punto ás medias galegas e estatal en canto ao seu interés xeral polo deporte. Os 7,4 puntos (sobre 10) que se dá en pontevedra ao deporte en Xeral supera ao 6,4 que se acada en España e ao 5,9 en Galicia, a nota media máis baixa das analizadas.

A diferenza é maior cando se pregunta pola información deportiva, que en Pontevedra tamén case chega ao notable (6,2) pero tanto en Galicia como en España non chega ao aprobado (4,6 e 4,7 respectivamente)

Son datos que se recollen no Informe de Hábitos Deportivos no Concello de Pontevedra, elaborado polo Clúster da Industria do Deporte Galego para o Observatorio Galego do Deporte.

Ademáis, o estudo ofrece datos sobre a práctica deportiva de pontevedreses e pontevedresas, que acada un 6,5, contra o 5,3 en Galicia e o 5,7 en España. Tamén a cidade supera entre un e dous puntos ás outras dúas dimensións en asistencia a espectáculos.

O concepto máis igualado dos que contén o estudio ten relación coa visión de espectáculos audiovisuais. Vense un pouco máis en Pontevedra (5,6) que en España (5) e en Galicia (4,9).

En relación ao xénero compre salientar que as mulleres de Pontevedra teñen máis interese pola información sobre o deporte, cunha diferenza de ata 2 puntos. Tendo en conta a idade, as persoas de 75 anos ou máis puntúan ata 2 puntos máis alto no interese polo deporte xeral e pola práctica deportiva en Pontevedra que na media estatal. Tamén no grupo de 65 a 74 anos hai diferenzas palpables, cunha puntuación case 3 puntos máis alta en canto ao interese pola información sobre o deporte.

Ponteandadas supera o ecuador de 2025 con notable éxito

Ponteandadas supera o ecuador de 2025 con notable éxito - DEPORTE PONTEVEDRA

O ciclo de 8 camiñadas por Pontevedra recomezará o 27 de setembro cunha Ponteandada nocturna, semi urbana, que partirá do Pavillón Municipal e durará unhas duas horas, precedidas dun pequeno curso de iniciación á marcha nórdica. A cita é ás 18 horas para o curso e ás 8 da tarde para a marcha en si.

É a primeira actividade deste ciclo tras as primeiras 4 saídas, que comezaron cunha visita a Bora en marzo, e seguiron nos meses seguintes en Cabanas e muiños de Salcedo, no Verdugo e Pontesampaio e a que pechou o ciclo da primeira parte do ano, a finais de Xuño, que levou a quen quixo participar por Campañó e o Castrove.

Tras a cita de setembro quedan as do 12 de outubro pola Fracha, a do 30 de novembro, contra as violencias, cun percorrido de 2,5 horas que parte do palco da música da Alameda e remata cun magosto, e por último a do 14 de decembro, por Xeve, na que se pide aos participantes que aporten unha doazón de produtos non perecedeiros para o Banco de Alimentos.

O conxunto das catro primeiras rotas de 2025 suscitaron 700 participantes, 143 persoas máis que o pasado ano nas rutas previas ao verán. A todas elas entregaselles material para a recollida de lixo durante os percorridos, que teñen entre 10 e 14 km. O prezo é de 2 euros. O evento está organizado pola entidade Naturgaliza, co patrocinio e apoio do Concello de Pontevedra. Máis información neste link.

Adrio, o traumatólogo que antes foi internacional de basket

Adrio, o traumatólogo que antes foi internacional de basket - DEPORTE PONTEVEDRA

Rafael González-Adrio, pontevedrés de nacemento e de agarimo aínda que viviu 70 anos en Cataluña, é toda unha lenda do baloncesto español e da traumatoloxía. Así o recolle a ollada retrospectiva que che ofrece “As historias do Deporte” da web Deporte Pontevedra.

Un auténtico xenio que durante 18 anos tivo ao seu cargo os servizos médicos do FC Barcelona. Polas súas prodixiosas mans pasaron algúns dos máis grandes futbolistas do mundo, como Diego Armando Maradona, Bernd Schuster ou Johan Cruyff -do que foi íntimo amigo e ao que ensinou a xogar ó golf- e ata Jorge Valdano, que confiou nel para que lle operase cando vestía a camiseta do eterno rival, o Real Madrid.

Foi ademáis un dos máis importantes xogadores de baloncesto que tivo España na década dos cincuenta do século pasado. Un aleiro anotador que foi un fixo na selección nacional entre os 54 e 58, nos que acumulou 14 internacionalidades, unha cifra que nos tempos actuais pode considerase como escasa, pero toda unha proeza para unha época na que o noso país non participaba nin en Europeos, Mundiais, nin en Xogos Olímpicos.

Podes ler un amplo percorrido pola súa biografía deportiva neste recuncho da web especialmente dedicado a visibilizar as glorias ou momentos deportivos do pasado.

Adrio, xenio do balón e do bisturí