Publicáronse xa as sedes que conforman o Campionato do Mundo de Tríatlon, que por segunda vez celebra a súa Gran Final en Pontevedra. Este 2026 serán dez as carreiras que puntúen para coroar á campioa e o campión do mundo de tríatlon, que comeza na cidade arábiga de Abu Dhabi (millón e medio de habitantes) o vindeiro día 27 de marzo.
Este ano non haberá nengunha sede americana, xa que catro estarán en Asia e seis en Europa. Combínanse pequenos destinos como o pobo bretón de Quiberon, con enormes urbes globais como Londres ou Yokohama.
Tras Abu Dhabi a Carreira trasládase á Rota da Seda, concretamente á cidade uzbeka de Samarkanda (500.000 habitantes), todo un referente histórico para este percorrido, onde estará os días 25 e 26 de abril.
A terceira sé será Yokohama, (3,7 millóns de habitantes) en Xapón, país onde nace o sol, o 16 de maio. A cidade sarda de Alguer (42.0000 hab) acollerá a cuarta carreira o 5 de Xuño, quince días antes da quinta carreira, en Quiberon (5.000 habitantes), na Bretaña francesa. Hamburgo (1,8 millóns de persoas e que será a sede da Gran Final en 2027) o 11 de xullo e Londres (9,9 millóns) o 25 serán as duas carreiras europeas antes de que o mundial visite Weihai (2,8 millóns de habitantes), cidade chinesa que celebrará a súa carreira o 29 de agosto.
A última antes da gran final pontevedresa será Karlovy Vary (50.000 hab), un precioso destino checo que atletas e organización visitará o 13 de setembro. Dez días despois, o 23, comezará a cita pontevedresa para celebrar a Gran Final durante 4 días en distintas modalidades e carreiras.