A sede pontevedresa foi designada coa certificación ouro tras a organización do último campionato mundial Multisport 2025, co que a vindeira edición da Gran Final das Series Mundiais, que terán lugar en setembro de 2026 xa parten duns criterios ambientais da máxima esixencia.
Foi o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Javier Camos, quen fixo entrega ao alcalde de Pontevedra e presidente do Comité Organizador, Miguel Anxo Fernández Lores, o certificado que testemuña esa alta consideración ambiental da WT.
O compromiso con esta certificación demostra a implementación por parte dos organizadores do evento de medidas sostibles en todas as áreas do evento: gobernanza, persoal, instalacións e infraestruturas, aloxamento, compras, mobilidade, enerxía, catering, xestión de residuos, xestión da auga, biodiversidade, estilo de vida saudable, comercialización, concienciación, comunicación…
“Estamos encantados de ver os éxitos que os organizadores do evento acadaron nestas áreas a través dos seus programas e iniciativas ambientais, como o logro do 74 % de desvío de residuos”, di nunha carta Jen Cerullo, o mánager de sustentabilidade de World Triatlon: “A nosa máis sincera felicitación ao equipo de Pontevedra por este logro continuado. O traballo realizado é un legado non só para a cidade de Pontevedra, senón tamén para o noso deporte e o noso planeta”.
A avaliación foi realizada segundo as directrices da Guía de Sustentabilidade de World Triathlon para organizadores de eventos e a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.
As cifras da colleita ambiental que deu lugar á máxima consideración son moi elocuentes. Neste enlace tes unha ampla descrición numérica dos logros ambientais do campionato.