A última quincena de setembro, como é habitual, botan a andar as Escolas Deportivas de Promoción Municipal, un conxunto de actividades pensadas para as persoas en idade escolar ás que as familias poden apuntarse desde este martes, día 15.
“Con este acto quero agradecervos a vosa colaboración para levar a cabo este plan, que sen ela non sería posible”, dixo o alcalde no acto de presentación ante os clubs deportivos. “Sabemos que supón un gran esforzo para os clubs, esforzo que queremos agradecer a todas as persoas que forman parte da estrutura, especialmente a esas persoas que moven os papeis, se pelexan coa burocracia e fan o imposible para que as súas fillas e os seus fillos disfruten do deporte”.
A seguir, algúns participantes na xuntanza tomaron a palabra para falar de distintos aspectos relacionados coas escolas como a posibilidade de aprofundar no deporte de integración de persoas con distintas capacidades, as posibilidades de ampliar as instalacións, a promoción do deporte feminino ou o unánime recoñecemento e agradecemento ao Servizo de Deportes do Concello por axudar a satisfacer todos os procedementos burocráticos necesarios. Un agradecemento que alcalde e concelleira reiteraron e ampliaron a toda a xente dos clubes que se dedica ao papeleo administrativo, de máxima importancia en programas coma este.
O remate do prazo de inscrición é variable, dependendo da escola á que se desexe asistir, xa que son os clubs os que administran directamente eses datos. O Concello subvenciona estas escolas cuns 250.000 euros, grazas aos que as familias pagan uns prezos populares, que van dos 50 aos 80 euros dependendo do deporte de que se trate, se ben o máis común é o de 50 euros anuais.
No acto participou tamén a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, quen ofreceu as cifras máis relevantes do programa: En total existen 2.500 prazas a disposición das familias, con 20 disciplinas distintas organizadas grazas á colaboración de 35 clubs implicados. As sesións terán lugar en 28 instalacións deportivas esparexidas por todo o concello, a maioría delas públicas. O investimento municipal neste programa educativo é de 250.000 euros.
Cada unha das modalidades deportivas conta cunha desagregación informativa que detalla os espazos municipais ou centros deportivos de impartición, os horarios programados, os grupos por idade ou nivel, así como os entes colaboradores ou clubs encargados de organizar a docencia.
Na relación especifícase que a versión electrónica deste cadro de actividades atópase dispoñible a través da plataforma web oficial municipal de deportes (deportes.pontevedra.gal). O pdf electrónico que soporta toda a información é interactivo, de tal maneira que premendo nos links adecuados pódese conectar directamente co formulario de inscrición ou no seu caso enviar un correo electrónico.
O Concello promociona e axuda económicamente a que todo este esforzo sexa posible, pero non sería realidade sen a implicación de clubes, entidades, persoas a título particular, monitorado, persoas que axudan cos trámites administrativos… normalmente todas nais e pais que contribúen a que Pontevedra sexa, tamén neste ámbito da xente miuda, unha potencia local sobresaínte en práctica deportiva e en actividade física.
Accede á oferta de Escolas Deportivas picando aquí

