MÁIS DEPORTE

Adrio, o traumatólogo que antes foi internacional de basket

Un xenio do bisturí que durante 18 anos tivo ao seu cargo os servizos médicos do FC Barcelona

Rafael González-Adrio, pontevedrés de nacemento e de agarimo aínda que viviu 70 anos en Cataluña, é toda unha lenda do baloncesto español e da traumatoloxía. Así o recolle a ollada retrospectiva que che ofrece “As historias do Deporte” da web Deporte Pontevedra.

Un auténtico xenio que durante 18 anos tivo ao seu cargo os servizos médicos do FC Barcelona. Polas súas prodixiosas mans pasaron algúns dos máis grandes futbolistas do mundo, como Diego Armando Maradona, Bernd Schuster ou Johan Cruyff -do que foi íntimo amigo e ao que ensinou a xogar ó golf- e ata Jorge Valdano, que confiou nel para que lle operase cando vestía a camiseta do eterno rival, o Real Madrid.

Foi ademáis un dos máis importantes xogadores de baloncesto que tivo España na década dos cincuenta do século pasado. Un aleiro anotador que foi un fixo na selección nacional entre os 54 e 58, nos que acumulou 14 internacionalidades, unha cifra que nos tempos actuais pode considerase como escasa, pero toda unha proeza para unha época na que o noso país non participaba nin en Europeos, Mundiais, nin en Xogos Olímpicos.

Podes ler un amplo percorrido pola súa biografía deportiva neste recuncho da web especialmente dedicado a visibilizar as glorias ou momentos deportivos do pasado.

Adrio, xenio do balón e do bisturí